As contas da cultura 2020 (II): Lingua e libro

Os leves incrementos nestes ámbitos non auguran grandes novidades para o vindeiro ano

Os leves incrementos nestes ámbitos non auguran grandes novidades para o vindeiro ano
Fotografía de Engin Akyurt de Pixabay
O maior peso orzamentario da Consellaría de Cultura e Turismo déixase sentir, se ben de xeito leve, nos fondos destinados á lingua e ao ámbito do libro. O apoio a campañas de normalización increméntase ao tempo que se verifica unha pequena suba no sector bibliotecario, mentres o apoio ao sector editorial semella estancarse.

O apoio á lingua
A Secretaría Xeral de Política Lingüística é un dos órganos que se ven beneficiados do relativo aumento de fondos con que a Consellaría de Cultura encara 2020. Cun 5,3% máis (uns 428.000 euros), este departamento contará no vindeiro ano con 8.507.000 euros ao seu dispor. Se ben grande parte dos incrementos se dan nos apartados de Transferencias Correntes (que suma un 9,6%) e nos gastos en bens correntes e servizos (10% máis), a Secretaría consegue máis recursos para o vindeiro exercicio. Se ben o Capítulo VI, de Investimentos Reais, só medra un 1,9% e fica con 3.397.000 euros, dáse un crecemento destacado no ámbito das transferencias de capital (554.000 euros, un 15,7% máis) que redunda nunha capacidade de gasto en accións a prol da nosa lingua lixeiramente superior á de 2019, cuns 139.000 euros a maiores.

Incrementos discretos
Máis polo miúdo, este crecemento déixase sentir en diferentes ámbitos do Programa de Fomento da Lingua Galega, aínda que de sempre dun xeito moderado. Así, os fondos orientados a Campañas de Normalización, principal investimento do programa, suman só 46.400 euros ao 1.750.000 con que contaban o pasado ano. O apoio a organizacións non lucrativas para "Accións de promoción da lingua galega" consegue un maior apoio ao pasar 39.507 a 100.000 euros, ao igual que os "Proxectos de fomento e formación de centros educativos non universitarios", que pasan de 300.000 a 350.000 euros. Canda a eles, medran en 30.000 euros as "Subvencións a empresas editoras para proxectos en lingua galega", ata os 200.000, o apoio ao traballo de corporacións locais (5.000 máis, ata un total de 250.000 euros) e o soporte que reciben os centros educativos privados que chega aos 35.000 euros ao medrar o apoio en 4.300. En total algo máis de 196.000 euros a maiores que recibirán estes apartados.

Outras partidas
A Fundación Galicia-América (15.000 euros, 5.000 máis que en 2019), o Centro Ramón Piñeiro (220.333) e a Creación de Lectorados e Centros de Estudos Galegos (297.543, 42.000 máis que en 2019 que apoiarán a apertura de dous novos espazos deste tipo) son outras partidas que absorben o incremento de fondos do programa para 2020. Chama a atención a desaparición das contas da partida destinada á dotación dos cursos para a obtención do CELGA, que xa no pasado exercicio viran reducida a súa contía de 200.000 a 50.000. Ascenden lixeiramente os fondos de persoal para Persoal laboral temporal indefinido, destinado a cubrir o profesorado destes cursos, a pasar 218.068 a 220.284. Pola contra, os 700.000 euros de transferencias correntes a empresas privadas para "Programas de promoción do galego" mantéñense igual que nos últimos anos, o mesmo que acontece cos "Estudos e traballos de investigación", que manteñen o seu medio millón de investimento, e mais as actividades de formación para normalización, fixas en 450.000.

Empresas e lusofonía
Cabe sinalar que 2020 é o ano de finalización do Plan de dinamización da lingua galega no tecido socioeconómico, que ten aínda pendentes de implantar múltiples medidas, tal e como recolle a memoria da Consellaría que acompaña os orzamentos. Entre as anunciadas para 2020, e repetidas do anterior ano, están "Continuar co proceso de dotación de contidos e por en marcha un espazo único en liña de atención á empresa en temas de lingua que conteña a lexislación, as ferramentas e recursos lingüísticos e os modelos de documentos de uso frecuente", a "difusión dun decálogo de vantaxes a prol do galego na empresa" ou "continuar coa campaña de valorización dos produtos coa etiquetaxe en galego". A nivel máis concreto, sorprende atopar neste apartado unha proposta de tanto calado como é a "Incorporación de Galicia á organización das Comunidades de Países de Lingua Portuguesa (CPLP)"(sic) entre propostas sectoriais e de carácter autonómico. O recente anuncio de que España solicitou a súa admisión a este organismo a instancias de autoridades galegas pode explicar o xeito no que o noso país terá encaixe nunha organización que só admite estados soberanos como membros de pleno dereito.

Plan pendente de desenvolver
Pola banda do Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade non se advirten novidades significativas en canto a propostas. Recuncan anuncios como a creación de "contidos en galego específicos para a mocidade e relacionados coas redes sociais" ou os "programas específicos para os neofalantes" e engádense Caixa-Bebé "con materiais en galego para bebés e as súas familias". Na presentación das contas ante a cámara galega, Olalla Rodil, do Grupo Parlamentario do BNG, apuntou que este plan prevía na súa redacción un investimento de 1,9 millóns de euros en 2020, uns fondos que non están evidenciados nas contas de Cultura. Fica por cuantificar o xeito no que o influxo do Xacobeo 2021 chega tamén a este ámbito da acción da Consellaría, xa que se anuncian "accións de promoción da lingua e publicacións en lingua galega relacionadas co Ano Xacobeo 2020" ademais de "programas que poñan en valor a lingua nos camiños de Santiago".

A cuestión do libro
Canda á lingua, unha das cuestións que erguen máis polémicas anualmente arredor dos orzamentos é o apoio ao sector editorial nas contas públicas. Tanto nun caso como no outro, os partidos da oposición repróchanlle á Xunta a escaseza das partidas consignadas, que se consideran claramente insuficientes. Desta volta, na presentación dos orzamentos ante o Parlamento, Román Rodríguez asegurou que en conxunto se destinarán 2,2 millóns de euros á promoción do libro galego e que o apoio ao sector medra un 5%. Malia ao considerable da cifra, na práctica resultan mínimos os novos investimentos neste campo.

Continuidade
Unha das que se consideran grandes partidas de apoio ao sector editorial a de "Lotes fundacionais e adquisición de fondos bibliográficos" para bibliotecas mantén este ano os seus 495.000 euros. O mesmo acontece cos 200.000 que se traspasan aos concellos para adquisición de novidades editoriais na nosa lingua e cos 185.000 de investimento previsto en promoción da lectura e do libro. A aparente desaparición dos fondos para "Edición do libro en galego", que sumaban último exercicio 171.060 euros, causou alarma ante os grupos da oposición e foi denunciada no Parlamento. No entanto, semella que, ao igual que acontece con outros investimentos, a partida pasa a contabilizarse como "outro inmobilizado material", coa mesma contía que o pasado ano e no mesmo apartado que os fondos para lotes fundacionais.

Pequenos crecementos
As medras neste campo concéntranse na partida, xa comentada, que Política Lingüística destina a empresas editoras para proxectos en lingua galega, que suma 30.000 euros e chega aos 200.000. Outro incrementos é o de "Promoción, produción e edición do libro en galego", que acada os 210.000 euros ao subir 10.000. A mesma suba ten a partida para feiras Internacionais, que alcanza así os 257.000. As axudas para a promoción nacional e internacional de libros e creadores galegos, nadas en 2019 manteñen para 2020 a súa contía de 30.000 euros. Os incrementos para o sector suman pois só 50.000 euros, e o total das partidas contempladas acadan os 1.718.060. Cabe pensar que outras partidas, como os 350.000 euros de transferencias a concellos para investimentos en bibliotecas, se inclúan tamén nos fondos que o conselleiro considera como parte do programa orientado ao libro, o que achega a suma aos 2,2 millóns declarados no Parlamento.

Bibliotecas e arquivos
Os fondos para estas entidades intégranse no programa de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Equipamentos Culturais, o que dificulta contar con datos específicos para as mesmas. En total, o apartado obtén 19.789.000 euros para 2020, uns 726.000 a maiores do pasado ano, o que supón un crecemento significativo. Se ben o capítulo de persoal é un do máis beneficiados con este incremento, ao pasar de 10.991.000 a 11.319.000, as subas chegan tamén aos investimentos reais, que acadan 3.511.000 euros (con 251.000 a maiores) e ás transferencias de capital, que medran en 104.000 euros e totalizan 1.813.000.

Repeticións
Os habituais 350.000 de axudas para investimentos en bibliotecas locais xa comentados no anterior apartado, canda á partida "Sistema Bibliotecario de Galicia", que muda denominación a "Investimentos de carácter inmaterial" pero continúa cos 335.000 euros dos últimos anos, supoñen as principais achegas a este campo. Fica cos mesmos 135.000 a dotación para "Proxectos, informes e dirección e materia de arquivos" e repiten os 198.000 euros de axudas á dinamización bibliotecaria municipal que corresponden co programa Ler conta moito. A mudanza de nome da partida de 110.000 para bibliotecas itinerantes non agocha a repetición deste investimento, pendente aínda de se concretar desde o pasado ano. Do mesmo xeito, mantéñense iguais dotacións para bolsas, fondos para equipamento e mobiliario, ou obras de conservación, entre outras propostas.

Leves crecementos
Dentro das poucas subas rexistradas neste ámbito, resultan rechamantes os case 40.000 euros a maiores das "Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental", que chegan aos 200.000 euros. Outros 40.000 engádense aos fondos para "actividades culturais e animación á lectura" en bibliotecas, que chegan así a 138.000. Sobe tamén 10.000 euros o apoio ás entidades locais para investimentos en arquivos (ata 110.000). Canda a este, hai algún pequeno incremento como o apoio á "promoción e difusión de arquivos" que pasa de 8.000 a 10.000 euros. En total, dáse un crecemento duns 92.000 euros a maiores neste ámbito, unha cifra relativamente discreta que semella pausar a tendencia crecente que nos últimos anos estivo a vivir o apoio Xunta ao mesmo.

Escasas novidades
A memoria que acompaña os Orzamentos repite neste ámbito, punto por punto, as propostas do pasado ano. Incrementar os fondos de Galiciana, un plan de formación para o persoal de bibliotecas, medidas para a conservación do patrimonio bibliográfico ou a incorporación de novos fondos aos arquivos son algunhas das medidas que se repiten. A apertura, prevista para final de 2019 na nova biblioteca de Ourense non semella ter unha grande incidencia nas contas. A recente sinatura dun convenio co Ministerio de Cultura para dotación de obras en soporte analóxico para as bibliotecas galegas (con vixencia ata o 31 de decembro de 2019) contribuirá aos investimentos neste campo. En concreto, serán 550.000 euros, dos cales a Consellaría de Cultura achega a metade, os que se destinarán a este fin.