”O Templo”, o primeiro videoxogo en tres dimensións realizado en Galicia, faise co premio Mestre Mateo 2003

Templos modernos

“O Templo”: un aprendiz de druída. Un santuario oculto no medio dun bosque na Galicia da Idade de Bronce. Trampas e misterios... Podería ser a trama dunha película, pero non o é, trátase do argumento do primeiro videoxogo cun contorno tridimensional que se fai en Galicia e que acaba de conseguir o premio Mestre Mateo á mellor producción multimedia no 2003.

Salvar o seu clan. Esa é a importante misión que debe cumprir Aodhar, fillo de Eortan e aprendiz de druída. Coas colleitas perdidas, a aldea desorganizada e signos de malos agoiros por xalundes, Aodhar debe penetrar no templo agochado no medio do bosque e conseguir axuda. E debe facelo antes de que chegue a noite de Samhain, co que non ten moito tempo... Dentro do templo agárdano innumerables trampas, probas e enigmas que deberá resolver para continuar o seu camiño. A súa intelixencia é crucial para a supervivencia do clan, pero ten un problema, carece dela. A intelixencia de Aodhar depende da persoa que o manexe, xa que Aodhar non é mais que a personaxe dun xogo de ordenador, “O Templo”.



A outra historia do aprendiz


Aodhar e o templo naceron hai aproximadamente cinco anos no seo da empresa viguesa Interacción, dedicada á comunicación multimedia. ”Sempre nos gustaron os xogos, cando comezamos a facer multimedia tiñamos xa esta inquedanza e puxémonos mans á obra coa idea fundamental de aprender”, sinala Javier Martín, director do proxecto. Un primeiro guión de Juan Pedrosa e de Eligio Montero foille dando forma á historia, e axiña se comezou a traballar cos escenarios. “Neste tipo de proxectos precisas moi cedo de material gráfico para facer un dossier e buscar financiamento”. Logo foi cousa de pulir o guión, ir afinando os contidos das probas e conseguir apoios económicos para poder ir desenvolvendo as aventuras de Aodhar. “O Templo é un proxecto moi custoso, foise facendo aos poucos, combinándoo durante todo este tempo co traballo habitual da empresa”, apunta Martín. En total, ata dezaseis persoas colaboraron, dun ou doutro xeito, no desenvolvemento do proxecto. “Cando se tiñan un par de meses había dúas ou tres persoas a tempo completo dedicados ao xogo”, e deste xeito, o orzamento final saíu bastante reducido, aínda que o proxecto contou co apoio do programa Media da Unión Europea e da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de proxectos multimedia.



Colaboración internacional

Aínda que para desenvolver o xogo na empresa partiron de ferramentas de deseño tridimensional xa existentes no mercado, a procura de documentación realizouse no contorno máis inmediato. As pedras, as paredes, e mesmo as texturas da madeira que se poden ver no xogo recrean elementos localizados na vila de Tui. Tamén os obxectos de inspiración céltica ou castrexa foron reconstruídos virtualmente a partir de restos conservados en museos do país. Segundo apuntan desde a empresa, hai moi poucos títulos no mercado ambientados nesta cultura, e o coidado que tiveron coa ambientación dálle ao título un valor educativo extra. Deste xeito, o xogador poderá ver desde os ollos de Aodhar estancias deseñadas ata o mínimo detalle nas diferentes fases desta aventura gráfica.



Recoñecemento e esforzo

O sábado sete de xuño, Interacción vía recoñecido o seu esforzo gañando o premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual á mellor producción multimedia, un eido en que a competencia non é moita no noso país. “Facer xogos é difícil e custoso, sobre todo porque non hai moita tradición, hai empresas de multimedia e de programación, pero non hai xente capaz de fundir o guión a programación e a animación”, apunta o director de “O Templo”, “é mesmo máis problemático que facer unha película, e non hai a base que pode haber no cine” en Galicia. Case dous mil fotogramas distintos, creación de máis de seis mil obxectos en tres dimensións, catorce estancias do templo, dez minutos de animación en tres dimensións... As cifras dan unha idea da magnitude do proxecto.



Comercialización e futuro

Para final de ano comezará a distribuírse “O templo”, que contará cunha versión en galego. Estase barallando a posibilidade de que o xogo chegue a todo o Estado, na que sería de novo unha experiencia pioneira no noso país. En Interacción colléronlle o gusto a este tipo de productos e están xa a preparar un novo xogo, que aínda se atopa na fase inicial de deseño. Sobre o futuro deste sector en Galicia, Martín amósase cauto: “Hai xente e ideas; falta que calle todo e comecen a xurdir proxectos. Hai canteira, afeccionados aos videoxogos e xente que domina as técnicas por separado, animación, programación... falta aglutinar os elementos”. Tamén reclama máis atención pública a este emerxente sector, “loitamos porque se nos recoñeza e apoie igual que o cine”. O contexto semella ser propicio: no último ano, a industria do videoxogo semellou gozar de boa saúde no mundo. Na última edición da feira E3 de Los Ángeles, a industria norteamericana do videoxogo medrou un 8% con respecto ao ano pasado, cunha facturación total de 6.9000 millóns de dólares. Europa ocupa un 21% de toda a industria mundial. As principais vendas foron realizadas en software para consolas e desacou a pouca innovación nos contidos dos videoxogos. O sector está en auxe, e as produccións son cada vez máis caras para as grandes empresas, chegando a acadar custos de 10 millóns de euros. Ao tempo, Javier Martín sinala as posibilidades que ofrece a simbiose entre o multimedia e a sétima arte. “Pódense facer produccións paralelas nos dous ámbitos que saian coa mesma forza”. A idea está aí, pero aínda queda camiño ata chegar ao exemplo que pon Martín, nada máis e nada menos que a gama de productos de “The Matrix” que estamos a ver...

Galería de

Galería de "O Templo"

Nesta galería podes ver algúns dos contornos que poderás explorar nesta aventura gráfica.

Galería de

Galería de "O Templo"

Galería de

Galería de "O Templo"

Galería de

Galería de "O Templo"