Un festival WOS impulsado polos recoñecementos preséntase como consolidado

A sexta edición repatría músicos galegos que traballan no exterior entre un cartel de artistas internacionais

A sexta edición repatría músicos galegos que traballan no exterior entre un cartel de artistas internacionais
Presentación de VIº WOS FESTIVAL x SON ESTRELLA GALICIA
A sexta edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia, que terá lugar en Santiago do 11 ao 15 de setembro, é a da consolidación. Así o considerou hoxe o seu director Iván Arias do mesmo xeito que os patrocinadores públicos e privados e que interviron na presentación do evento e do seu programa completo marcado de novo polas vangardas creativas no musical, audiovisual e multidisciplinar. A falta de pouco máis dunha semana para o seu comezo o WOS chega este ano presumindo de ter sido recoñecida a súa anterior edición cos galardóns ao Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards e á Mellor Promoción Turística nos Iberian Festival Awards, que lle deron unha proxección que xa viña apoiada polo percorrido anterior. Arias foi claro ao afirmar que desde organización estaban a notar a visibilidade que o evento acadou máis alá do eido local e galego ao ver aumentar a solicitude de acreditacións de medios foráneos e a constatar "o mellor rimo de venda de entradas da historia do festival", segundo el. Entre os días 11 e 15 de este mes trinta e dous artistas de máis de dez nacionalidade distintas e en espazos do máis diversos da cidade conforman unha oferta diferenciada respecto ao resto de festivais cuns criterios que responden, segundo o propio Iván Arias á busca da singularidade na creación contemporánea, a ofrecer a artistas difíciles de ver nos circuítos habituais, mesmo buscando aqueles que non tiveran actuado antes no territorio español. Este ano o festival urbano, inserido na marca Fest Galicia , será obxecto dun dos Estudos de Impacto económico, social e comunicativo que se promoven a través de Agadic.

O cartel troncal de música e artes visuais e tecnolóxicas desta edición destaca en primeiro lugar como espectáculo singular a colaboración entre Helm, quen estará presentando disco, e o artista visual xaponés Tatsuya Fujimoto, no que será unha premiere mundial realizada en exclusiva para WOS. Ademais inclúe nomes destacados como Loscil, Drew McDowall, Holly Herndon, Rafael Anton Irisarri, Plaid, Amnesia Scanner ou Gazelle Twin, entre outros. Ademais, catro subprogramas complementan o cartel musical do evento: un programa de paneis de discusión e encontros con artistas de acceso gratuíto, un ciclo de cinema en torno á arte sonora e a exploración musical, dúas noites de clube, e un evento orientado a mostrar o traballo de cinco artistas galegos que levan a cabo os seus proxectos no campo da produción musical explorativa, contemporánea e de vangarda en outros países e que o WOS "repatría" para visibilizar o seus traballo na súa terra de orixe. Será o programa WOS SHOWCASE X JÄGERMUSIC, que terá lugar na Sede da Fundación SGAE a noite do xoves 12 e nel estarán Xoan Xil baixo o nome XISELR presentando o seu novo proxecto, a galega afincada en Bruxelas CLARA!, o dúo galego-británico HARRGA, a chelista MARGARIDA MARIÑO e o compostelán CHAGO.

Aumento de programa e de espazos
Coa consolidación tamén chega un crecemento, xa que este serán seis máis os concertos que aumente o WOS e tamén aumenta o numero das mesas de debate, que serán dúas máis que na anterior edición chegando así a seis charlas nas que haberá encontros con artistas, e se debateran dilemas sobre a creación musical e a propia industria ou os festivais. Para este engadido de encontros de debate se engade como espazo do festival a Casa Grande Do Pozo, sede do centro Cultural AFundación na Rúa do Vilar. Ademais o concerto inaugural, a cargo da pianista Mariña Herlop, terá tamén lugar nunha nova incorporación ao percorrido urbano do WOS: o Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, unha sala barroca construída no século XVIII. Repiten un ano máis como sedes do festival o Centro Galego de Arte Contemporánea – CGAC, a Cidade da Cultura, a Fundación Eugenio Granell, o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Igrexa da Universidade, o Mercado de Abastos, a Sala Capitol, a Sede da Fundación SGAE e a sala de cinema independente NUMAX.