A produtora audiovisual Vaca Films premio de honra do 24º OUFF

A empresa coruñesa recibirá o galardón na seguinte edición do festival a finais de setembro

A empresa coruñesa recibirá o galardón na seguinte edición do festival a finais de setembro
Emma Lustres e Borja Pena Imaxe: Vaca Films
A primeira nova da seguinte edición do OUFF chega en forma de galardón. A organización do Ourense Film Festival decidiu que o premio Calpurnia de Honra deste ano fose para a produtora Vaca Films, con sede na Coruña e dirixida por Emma Lustres e Borja Pena desde a súa creación en 2003. O máximo galardón deste encontro audiovisual seralles entregado no transcurso da 24ª edición do OUFF, que terá lugar do 27 de setembro ao 5 de outubro. O premio foi anunciado por Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, entidade que organiza e patrocina o festival desde o pasado ano no que deixou de organizarse desde o Concello. Xunto co recoñecemento, o OUFF 2019 programará un ciclo especial no que se proxectarán os títulos máis destacados de Vaca Films. Ademais, dende o festival estase a traballar nunha publicación que repasa a historia e traxectoria de Vaca Films, e na que participan unha vintena de críticos españois.

Baltar destacou que o festival rende así homenaxe a unha das produtoras cinematográficas referentes en España, responsable de grandes éxitos de crítica e público como son Celda 211, El desconocido, El Niño ou Cien años de perdón, así como da vindeira película por estrear do director Paco Plaza, Quien a hierro mata, un thriller protagonizado por Luis Tosar (un dos actores máis presentes na filmografía de Vaca Films) que se estreará en cinemas o 30 de agosto. Tamén forma parte dos produtos cinematográficos saídos desta produtora a cinta La sombra de la ley, a última triunfadora dos premios Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual. A Calpurnia de Honra é un dos galardóns máis antigos do OUFF, xa que se entregou por primeira vez na segunda edición do certame, en 1997. Vaca Films xa atesoura tamén polo seu traballo outrso recoñecmentos como unha Medalla Castelao (2015), o Premio Pedigree de Cans para Emma Lustres (2016) e un Premio da Cultura Galega (2010).
Ligazóns