A Xunta dotará con 17 millóns o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022

O documento propón 39 medidas para incrementar o uso do galego neste sector da poboación

4/7/2019 | Santiago. Redacción | Seccións: lingua
23 lecturas | Compartido 0 veces

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, daba a coñecer onte ante a Comisión 4ª de Comisión e Cultura do Parlamento de Galicia o anteproxecto do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022. Segundo explicou, este plano, anunciado no pasado ano, prevé desenvolver 39 medidas que pretenden "incidir na promoción social do uso do idioma pola xente nova, para garantir así o seu uso, transmisión e pervivencia". O desenvolvemente das mesmas, segundo adiantou, contará cun orzamento de 17 millóns de euros.
O plan está estruturado en nove áreas de traballo: asociacións, deporte, lecer, industrias culturais, familia, formación continua, ensino, comunicación dixital e redes sociais e economía, cada unha das cales conta con medidas específicas ás que se suma unha serie de propostas transversais. Segundo recolle o texto do plan, as medidas propostas son as seguintes: MEDIDAS XERAIS - XE.1 Desenvolvemento de campañas de sensibilización e de difusión de información sobre a lingua galega na mocidade: situación actual, evolución, previsións futuras, tópicos etc. - XE.2 Promoción e posta en valor das vantaxes do galego como lingua que abre as portas á lusofonía. - XE.3 Desenvolvemento dun programa de voluntariado lingüístico, no que se inclúan actuacións como a posta en marcha de procesos participativos para recoller propostas de dinamización do galego no eido da mocidade, e promover a súa difusión e dinamización. - XE.4 Apoio a publicacións e ferramentas de información e comunicación en galego, en soporte dixital ou en papel, que difundan as actividades de interese para a mocidade. - XE.5 Aumento da coordinación cos órganos e entidades da Xunta de Galicia, así como con outras administracións para o desenvolvemento de actividades e o aproveitamento de sinerxías. - XE.6 Establecemento dun programa de actuacións específicas que faciliten a incorporación ao galego da mocidade, especialmente dirixidas a neofalantes, xuventude de fóra de Galicia, grandes cidades, mocidade castelanófona, transmisión familiar ou uso das TIC. - XE.7 Creación dun espazo informativo destinado á mocidade sobre temas de lingua, no que se inclúan recursos como produtos para o lecer e xogos en galego, ferramentas tecnolóxicas etc. - XE.8 Apoio ás empresas e ás entidades que ofrecen produtos e servizos de interese para a mocidade para que fagan a súa oferta en galego. 6.2 ASOCIACIÓNS - AS.1 Fomento da implicación de asociacións e colectivos dos diferentes sectores sociais para alcanzar compromisos e desenvolver accións que impulsen o uso e a normalización do galego. - AS.2 Promoción do establecemento de relacións, redes e colaboracións entre as asociacións que empregan o galego. - AS.3 Apoio e recoñecemento para as asociacións e os colectivos que xa están desenvolvendo actividades en galego, para que melloren e estendan a súas prácticas. 6.3 DEPORTE - DE.1 Fomento coas federacións e clubs, entre outras entidades deportivas, da utilización do galego nas actividades deportivas de afeccionados e profesionais e na formación técnica, así como difusión do material terminolóxico necesario para o seu desenvolvemento en galego. - DE.2 Establecemento de acordos coas entidades deportivas (clubs, federacións etc.) co obxectivo de incorporar o galego ás súas comunicacións e impulsar o respecto á toponimia galega, así como con deportistas de elite galegofalantes para que fagan sempre en galego as súas declaracións aos medios. - DE.3 Apoio aos medios de comunicación para que usen o galego na información deportiva. - DE.4 Desenvolvemento dunha campaña dirixida a programas e proxectos de actividade física e deportiva na que se vincule o exercicio físico coa lingua galega. 6.4 LECER - LE.1 Fomento da presenza e o uso do galego nos espazos e ámbitos sociais de máis impacto para a mocidade (centros comerciais, tendas de roupa, bares, pubs, discotecas...). - LE.2 Fomento da utilización do galego nos espectáculos, actuacións e actividades de lecer (concertos, campamentos, obradoiros...) e establecemento de acordos de colaboración con organizadores e asociacións profesionais e cos intermediarios artísticos. - LE. 3 Impulso dunha oferta ampla de actividades de lecer en galego e da aparición nesta lingua de manifestacións dos xéneros e a estética que hoxe teñen éxito entre a mocidade urbana. 6.5 INDUSTRIAS CULTURAIS - IC.1 Promoción da utilización habitual do galego nos contidos e canles de comunicación baseados nas TIC: web, redes sociais etc. - IC.2 Establecemento de acordos para dispoñer dunha oferta abonda e competitiva de produtos culturais e audiovisuais en galego traducidos ou subtitulados, con especial atención aos de grande éxito internacional. - IC.3 Promoción da creación e a produción cultural en lingua galega, e fomento da súa calidade e diversificación. - IC.4 Impulso na CRTVG de programación de espazos de música, ciencia, cine, reportaxes, series e debates de interese para a mocidade. - IC.5 Establecemento de contacto coas canles de televisión e de radio locais para incrementar o uso do galego nos programas destinados á mocidade. 6.6 FAMILIA - FA.1 Realización dunha campaña para que as familias lles transmitan o galego aos fillos/as e que a lingua galega se use nas interaccións familiares. - FA.2 Ofrecemento de consellos e argumentos sobre a necesidade de aprenderlles galego aos fillos/as nos materiais informativos para as familias que acaban de ter un fillo/a. - FA.3 Recomendacións destinadas aos responsables dos servizos persoais á familia para que sexan dinamizadores do galego, completando a súa formación lingüística e sociolingüística e de lecer. 6.7 FORMACIÓN CONTINUA - FO.1 Promoción e desenvolvemento de recursos, materiais e accións de formación lingüística e sociolingüística, especialmente para persoal (monitores, formadores, adestradores etc.) que leve a cabo actividades destinadas á mocidade. - FO.2 Establecemento de programas de formación e dinamización da lingua galega entre os diferentes perfís e colectivos de poboación (neofalantes, inmigrantes etc.) e impulso ao seu emprego en programas de educación non formal que axudan a mellorar as capacidades da mocidade. 6.8 ENSINO - EN.1 Realización dunha campaña de información e sensibilización específica ante o uso do galego para os diferentes membros da comunidade educativa. - EN.2 Posta en marcha dunha programación estable e periódica de actividades de información e sensibilización sobre o uso do galego para os diferentes membros da comunidade educativa e establecemento de acordos e convenios cando sexan precisos. - EN.3 Fomento e potenciación do uso da lingua galega no contorno escolar e universitario e promoción de espazos de lecer en galego, con accións específicas e urxentes para os contextos castelanófonos. 6.9 COMUNICACIÓN DIXITAL E REDES SOCIAIS - CD.1 Potenciación das redes sociais como canle prioritaria de divulgación das campañas da Administración destinadas á mocidade e das medidas de dinamización lingüística postas en marcha no eido dixital. - CD.2 Promoción da dispoñibilidade do galego nas interfaces dos sistemas dixitais, especialmente dos máis empregados. - CD.3 Promoción e apoio á creatividade no desenvolvemento de novas iniciativas nas redes sociais e internet. - CD.4 Apoio, recoñecemento e difusión dos proxectos dixitais que publican integramente en galego. - CD.5 Fomento do uso e a creación de contidos en galego en internet, especialmente na Galipedia (Wikipedia en galego). 6.10 ECONOMÍA - EM.1 Información á mocidade que vai acceder ao mundo laboral sobre temas lingüísticos, para orientala no relativo ao uso das linguas neste ámbito (currículos, entrevistas de traballo, comunicacións etc.). - EM.2 Potenciación do uso e a normalización do galego nas entidades e servizos relacionadas co emprego e o emprendemento, especialmente nos de máis contacto coa mocidade. - EM.3 Difusión dun documento de vantaxes do galego no eido empresarial entre a mocidade e, especialmente, entre a mocidade emprendedora.

Universo culturagalega.gal