A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación teatral e audiovisual e da dirección de escena, escolleu en Asemblea o pasado domingo a súa nova Xunta Directiva. Xabier Deive (Narón, 1970) é o novo presidente, mentres que Mónica García asume a vicepresidencia e Sheyla Fariña convértese na secretaria da entidade. Os vogais que completan a Xunta Directiva son Xosé Barato, Eva Fórneas Braña, Davide González, Laura Míguez, Fernando González, Paula Morado, Sara Fandiño, Diego Freire, Marián Bañobre e Adrián Ríos. A remuda xa estaba anunciada na pasada gala dos Premios María Casares que organiza a AAAG e vai dacordo aos prazos estipulados nos estutos da AAAG de facerse cada dous anos. Xabier Deive sucede no cargo a Nieves Rodríguez e Mónica García a Mabel Rivera. Pola súa banda, Sheyla Fariña repite no órgano directivo no que antes estaba como vogal, posto este no que repiten tamén Laura Míguez e Diego Freire.
O actor Xabier Deive elixido presidente da asociación de intérpretes
Mónica García será vicepresidenta no órgano directivo renovado da AAAG



