O festival Kerouac de Vigo desembarca en Nova York por cuarto ano

Oito artistas representarán á música e a poesía galegas nos actos programados do 3 ao 6 de abril

Tras da oitava edición local en Vigo do pasado mes de outubro chega a 4ª edición internacional do Festival Kerouac, que volve levar a poesía en lingua galega en diálogo con outras artes a Nova York, do 3 ao 6 de abril. O duplo evento poético, vigués e neoiorquino, está inspirado na Xeración Beat e a súa finalidade a de levar a poesía ás rúas e mesturala con outras artes, nomeadamente coa música e coa performance, nunha exposición dinámica e moderna da expresión poética. A cuarta edición internacional preséntase como "unha obra de enxeñería poética sobre o Atlántico", que en xaneiro de 2019 se estendeu a México cunha edición na que participaron artistas e poetas de Galicia, do resto de España, EEUU e México. Os obxectivos son presentar a poesía como ponte de unión entre países, cidades, continentes e artistas; irmandar o galego coas dúas linguas máis importantes de Nova York (inglés e español); poñer en valor a creación poética e a palabra en todos os seus rexistros e contextos artísticos e ofrecer os seus espazos de intervención como territorio do latexo poético do século XXI. A representación galega correrá nesta ocasión a cargo de Wöyza, Mma Bomwas, Celia Parra, José Lameiras, Marcos de la Fuente, Francisco Álvarez Koki, Vanessa Álvarez e Alberto Avendaño e desenvolverase ao longo de catro días na sede do Instituto Cervantes (mércores 3 de abril), no Ferry (xoves 4), en La Nacional (venres 5) e en Bowery Poetry (sábado 6). O evento conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, canda outros coma os do Bowery Poetry Club e o NYC Ferry neoiorquinos, o dos Haiku Guys + Gals ou o do Consulado de España en Nova York.