Nace o Consorcio Editorial Galego para competir no mercado de libros de texto e optimizar a distribución en Galicia

Un selo para todas, e todas para un selo

Descenso de vendas, problemas de distribución, poucos lectores, falta de axudas... Nos últimos anos escoitamos periodicamente novas sobre a existencia dunha crise no sector editorial. En xuño de 2001 Galaxia, Bahía, Sotelo Blanco e A Nosa Terra anunciaban a creación do Consorcio Editorial Galego para producir libros de texto. Dous anos despois, este grupo empresarial é unha realidade que pretende diminuír custos e competir coas empresas foráneas no mercado escolar.

Tres editoriais galegas, A Nosa Terra, Sotelo Blanco e Bahía acaban de botar a andar un proxecto que pode revolucionar o panorama do libro no noso país. O Consorcio Editorial Galego é unha empresa en que participan a partes iguais estas tres editoras. O seu campo de traballo é a distribución e a edición de libros de texto. Aínda que a priori non soe especialmente impactante, a proposta deste novo grupo á hora de comercializar os libros suporá unha reducción de custes, un maior seguimento das obras distribuídas e un maior alcance das obras publicadas en Galicia. Pola banda dos libros de texto, permitirá por primeira vez que os productos deste tipo realizados en Galicia cheguen a todo o país e cubran toda a franxa do ensino preuniversitario.



O problema do libro de texto


O mercado do libro de texto en Galicia move arredor de trinta e seis millóns de euros cada ano e afecta a uns trescentos mil nenos de ensino non universitario. Neste sector a participación das distintas editoras galegas redúcese a aproximadamente un 10% en obras para ensino infantil e que só en determinadas de secundaria chegaba ao 50% do mercado. A penetración de empresas españolas e multinacionais no mercado galego de libros de texto dificultaba enormemente a supervivencia das editoriais galegas dedicadas a este sector. A existencia de máis de mil cincocentos puntos de venda deste material por todo o país (do que só arredor de trescentos son librerías) facía imposible ata o de agora que unha empresa galega chegase a ser unha competencia seria para as foráneas.



A resposta do Consorcio

“As tres editoras publicabamos libros de texto, pero cada unha estaba especializada en áreas concretas”, sinala Fabiola Sotelo. Por exemplo, a súa editora centrábase no Ensino Primario, mentres Bahía e A Nosa Terra traballaban o tramo de secundaria e Bacharelato, sen coincidir a penas á hora de editar material para unha mesma materia. Xeograficamente, si había certas coincidencias “todos nos centrabamos nos núcleos de poboación máis importantes e con máis galegofalantes”, o que facía que grande parte dos ensinantes de Galicia descoñecesen estes productos. A suma de esforzos permitirá cubrir todas as materias e cursos entre primaria e bacharelato, mentres cada editora produce os mesmos libros que xa producía agrupados agora baixo o novo selo. “Decidimos manter os mesmos contidos que tiñamos por separado, que son de altísima calidade” apunta a directora de Sotelo Blanco, “o único que faremos será unificar as portadas”. A totalidade dos libros de texto do consorcio están no noso idioma e realizados por autores do país. ”Mediante o Consorcio as tres editoriais podemos ofrecer todos os materiais que precisa o ensino feitos desde aquí, con custos reducidos e un bo servicio”, sinala Xosé Fernández Puga, de Edicións A Nosa Terra. Sen embargo, as editoras aclaran que manterán a súa independencia mutua no resto dos eidos.




Da distribución

”Ti montas unha editorial e montas tamén unha distribuidora” apunta Fabiola Sotelo, presidenta da editorial Sotelo Blanco “é moi sinxelo ter un servicio de novidades e servirlle ao libreiro por mensaxería”, continúa. Deste xeito, no noso país a distribución está atomizada, e é moi complicado para as editoriais pequenas dar un servicio completo que inclúa unha reposición periódica das obras e un seguimento desteas. Deste xeito, o Consorcio quere asegurar a reposición nas librerías de títulos de fondo que moitas veces se esgotan e non son substituídos, e para iso contan cun comercial dedicado en exclusiva a visitar estes establecementos. “A intención é que os fondos máis importantes de cada editorial se manteñan vivos nas librerías”, apunta Fabiola.




Distribución unida



Para comezar, o proxecto ten en carteira para distribuír os máis de mil títulos que teñen xa editados as empresas que o promoven. Con sede en Redondela, conta xa con dez empregados entre administrativos, almacenistas e comerciais. “Temos unhas naves duns tres mil metros cadrados e con posibilidade de dividilas en dous pisos, o que nos permitiría chegar a distribuír a totalidade do fondo galego sen problemas de almacenamento”, apunta Fabiola Sotelo, e completa “para o libreiro será moito máis sinxelo facer un só pedido a unha distribuidora que tres pedidos distintos, pagando os correspondentes portes a tres editoras”. De cara ao lector, este proxecto tamén se notará. “O lector notará que haberá menos carencias de reposición, e será máis sinxelo que os libreiros lle poidan pedir libros á editorial”.



Historia

A idea comezou vai xa para tres anos. “Aínda que todos pensabamos nesta necesidade, foi Carlos Casares quen puxo a idea sobre a mesa”, sinala Fabiola Sotelo. O defunto director de Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega non chegaría a ver a realización deste proxecto pola súa prematura morte. En xuño de 2001 saía ao público a existencia de conversas entre A Nosa Terra, Bahía, Sotelo Blanco e Galaxia para desenvolver este proxecto. Sen embargo, catro meses despois, Galaxia deixaba o proxecto. As tres editoras que quedaban decidiron continuar co proxecto, e xa desde febreiro están distribuíndo conxuntamente os seus productos. Mentres os comerciais xa comezaron a facer publicidade en librerías dos libros do curso que vén e a dar a coñecer o proxecto nas librerías.



En adiante

O proxecto non está aínda pechado. A intención é que máis editoras aproveiten os servicios de distribución do Consorcio polo abaratamento de custos que supón. “Agardamos chegar a acordos coas editoriais medianas e pequenas” e mesmo chegar a distribuír obras editadas por organismos públicos que ata o de agora contaban cunha difusión moi limitada. Polo de agora, e segundo os promotores, os libreiros reaccionaron moi positivamente á iniciativa, e xa son varias as editoriais que se puxeron en contacto coa nova empresa para encargarlle a distribución dos seus fondos. Ata agora as conversas están en marcha. Ademais disto, as tres editoras non descartan aproveitar esta plataforma para desenvolver proxectos puntuais de grande envergadura que non poidan abarcar por separado.