Falece Xan Cejudo, home clave do teatro galego

O actor, director e autor teatral comezara a súa carreira nos anos 60

Xan Cejudo caracterizado para <i>Noites de reis</i>. Fonte: CDG
Xan Cejudo caracterizado para Noites de reis. Fonte: CDG
Onte falecía un dos pioneiros e nome fundamental do teatro galego das últimas décadas. Actor, director e dramaturgo, Xan Cejudo, nado en 1947, tivo un papel destacado na profesionalización do sector logo de comezar a súa carreira no grupo O Facho nos anos 60. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia sinalou nun comunicado que "grazas a persoas como Xan Cejudo, abriuse o camiño polo cal a profesión da escena naceu, medrou e se consolidou no noso país. A AAAG lembra que Cejudo é un nome fundamental no desenvolvemento profesional en Galicia e que o mundo da escena lle debe moito. A súa traxectoria abrangue gran parte dos oficios teatrais, xa que exerceu de autor, de director, de axudante de dirección e de actor nun gran número de proxectos".

A nivel audiovisual, fíxose coñecido pola súa participación en series como Pratos combinados, Mareas Vivas ou Rías Baixas asi como en longametraxes como Morrer no mar, Coxo, Matachín ou, este mesmo ano, Quien a hierro mata. No ámbito teatral, participou en montaxes como A noite vai coma un río (1986), O mozo que chegou de lonxe (1988), O incerto señor Don Hamlet (1991), A fiestra baldeira (1994), O Mariscal (1994), Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999), Si o vello Simbad volvese ás illas, Rosalía (2001), Seis personaxes á procura de autor (2005), Illa Reunión (2006) ou Noite de Reis (2007). Como director, traballou en máis de vinte pezas, entre elas títulos como A Pousadeira, e A Burla do Galo ou DaVinci levaba razón.

Ao igual que a AAAG, diferentes colectivos e nomes da cultura e da escena do país, como o Centro Dramático Galego ou Escena Galega amosaron o seu pesar polo pasamento.