O premio Fernández del Riego e o Julio Camba de xornalismo, convocados por Afundación, a Obra Social de ABANCA, e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, distinguiron respectivamente a Santiago Jaureguízar polo seu artigo titulado «Pólvora sen magnolia na discoteca Clangor», publicado en El Progreso e Diario de Pontevedra o 31 de decembro de 2017, e a Ricardo Fernández Colmenero polo texto «La comunidad», aparecido en El Mundo o 1 de abril de 2017. O premio Julio Camba, ao que se presentaron nesta ocasión 114 traballos, cumpre a súa XXXIX edición, mentres que ao Fernández del Riego, que celebra a súa décimo quinta convocatoria, concorreron 25 artigos. Cada un dos premios, para textos publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, está dotado con 6000 . O xurado, integrado por Alfredo Conde Cid, como presidente; Carlos Valle, secretario; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Gervasio Posadas, director de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, fixo públicos os nomes dos gañadores tras reunirse onte na Sede Afundación en Pontevedra. Alfredo Conde, presidente do xurado, describiu o texto de Jaureguízar como "unha mestura de citas que van ganduxando e describindo a realidade dos anos oitenta cando estoupou a bomba na discoteca Clangor de Santiago de Compostela". Pola súa banda Víctor Freixanes quixo resaltar a participación de articulistas de fóra de Galicia e de España, con textos chegados de países como Arxentina, Colombia, México, Cuba ou Alemaña.