CSI Arqueoloxía: Relato dunha emboscada

Novas técnicas e metodoloxías permiten documentar un dramático episodio da guerrilla

Novas técnicas e metodoloxías permiten documentar un dramático episodio da guerrilla
Foto de grupo de guerrilleiros, data descoñecida. Están dous dos participantes na "batalla de Repil", Guillermo Morán e "Roces".
Os brutais feitos sucederon en menos de tres horas hai sesenta e nove anos, o 20 de abril de 1949, pero a arqueoloxía foi quen de reconstruír hai poucos días, de xeito preciso, como sucederon. Trátase da cacería a un dos principais grupos de guerrilleiros do oriente galego por parte da Garda Civil. Coñecemos o avance sorprendente das últimas investigacións dos arqueólogos en Repil, na Pobra do Brollón. Un auténtico CSI arqueolóxico.

A coñecida popularmente como Batalla de Repil foi un dramático episodio do final da resistencia antifranquista galega, sucedido no concello lugués da Pobra do Brollón. Unha operación especial da Garda Civil, que desprazou números desde diferentes cuarteis das proximidades do sur de Lugo para rematar co grupo guerrilleiro liderado por Evaristo González, "Roces". A Garda Civil rodeou as dúas casas –próximas entre si-, nas que se atopaban refuxiados os guerrilleiros, quen na parroquia de Chavaga tiñan moito apoio popular. Tras unha serie de escaramuzas, os guerrilleiros foron mortos mentres atacaban ou tentaban fuxir. "Roces" suicidouse durante o seu intento de fuxida nun campo de millo e outro dos guerrilleiros, Segura, conseguiu fuxir e atopou refuxio na casa do cura do crego de Cereixa, don Plácido.


A casa de Repil e puntos no que sucederon os feitos. 1. Fiestra do comedor dende a que un guerrilleiro avistou a Garda Civil; 2. Entrada de carro ao patio da casa pola que saíron os guerrilleiros. Alí mesmo foron abatidos; 3.Porta principal pola que liscou Fermín Lada "Segura"; 4. Avanzadilla da Garda Civil que abatiu os guerrilleiros con fusís ametralladores e mosquetóns máuser.

Un equipo de arqueólogos liderado por Xurxo Ayán leva varios anos traballando no proxecto do Castro de San Lourenzo, unha intervención de recuperación de patrimonio cultural na parroquia de Cereixa (Pobra do Brollón), na que se investiga desde unha antiga capela e necrópole, un castro ata a Batalla de Repil, un traumático episodio da historia recente da zona, onde os investigadores se centran nunha das dúas casas nas que se produciu o combate. Pero a campaña deste ano revelou como nunca antes o calibre dos sucesos violentos do 20 de abril de 1949.


Lectura do gradiómetro indicando as concentracións de metais baixo o subsolo

"No contexto da arqueoloxía española contemporánea, o que estamos facendo en Repil é totalmente excepcional", asegura Xurxo Ayán. "O pasado contemporáneo é un campo de experimentación de técnicas e de rexistro arqueolóxico que logo podemos aplicar a outras épocas". Drons, gradiómetros, sistemas de detección de metais, programas de análise espacial, son algunhas das ferramentas que o equipo emprega para obter, de forma combinada, unha nova visión do pasado que chega a instantes concretos da historia.


Achados de armamento asociados á batalla de Repil.

Ata o momento, as investigacións sobre o pasado contemporáneo da guerrilla en España centráranse na posta en valor de refuxios ou outros espazos guerrilleiros. O propio equipo de Xurxo Ayán participara nun episodio previo de "csi" arqueolóxico no Monte de San Pedro, en Álava, onde puideron documentar o ataque do exército franquista sobre un fortín republicano. "Aquí centrámonos en trasladar esas metodoloxías á guerrilla franquista", sinala Ayán, "xa que ata o momento en Galicia, en relación á resistencia, só se practicaran exhumacións de guerrilleiros".

Os feitos
Para coñecer no que aconteceu na casa de Repil –un dos dous escenarios da batalla, e onde están a traballar os investigadores-, os investigadores levaron un longo proceso de documentación de todo tipo. Desde a revisión da fotografía aérea máis próxima ao ano 1949 para coñecer o escenario da época do combate, a revisión de numerosas fontes documentais, incluíndo a prensa, os arquivos oficiais e os propios documentos da guerrilla, e entrevistas orais a dúas testemuñas oculares dos combates dos anos 50. "Dous homes octoxenarios que daquela estaban na pubertade", indica Ayán, "tal é o medo aínda hoxe que ningún dos dous quixeron aparecer nomeados".



Neste documental, podes ver a explicación dun dos descendentes dos propietarios da casa sobre como foron os feitos da batalla de Repil.

A partir de todos estes traballos previos, os arqueólogos realizaron sondaxes arqueolóxicas en diferentes puntos marxinais da vivenda e aproveitaron a tala e limpeza do monte que rodea a casa, e no que sabían que sucederan algúns feitos, para poder realizar unha prospección con detector de metais.


Liñas dispostas pola Garda Civil dacordo cos testemuños orais e os restos arqueolóxicos

A secuencia de feitos da batalla de Repil estaba moi detallada polas fontes orais. 65 garda civís rodearon a vivenda desde varios puntos, divididos en dúas liñas para evitar a fuxida dos guerrilleiros. Un grupo de garda civís adiantouse ata a porta de entrada ao patio cando saían catro dos guerrilleiros, e consegue ametrallar a tres deles. Sen embargo, Fermín Segura volve dentro e consegue saír por outra das portas da casa, correndo monte arriba, disparando, e finalmente consegue fuxir a Cereixa cunha importante ferida de bala na mandíbula que lle impide falar. O quinto dos guerrilleiros gardados na casa, Saúl, consegue librar misteriosamente da morte, e fuxe sen ser ferido, en circunstancias misteriosas que levaron aos propios guerrilleiros a considerar se non sería un infiltrado da Garda Civil.

O que revela a arqueoloxía
Os arqueólogos levaron a cabo esta campaña en Repil entre o 16 e o 27 de abril. E de súpeto abriuse unha sorte de máquina do tempo e puideron chegar ata os feitos e iluminar mesmo algúns aspectos controvertidos que non recollen a documentación previa. A análise do chan permitiu localizar numerosos casquillos de bala que documentan os principais feitos do ataque. Deste xeito, os arqueólogos localizaron casquillos e outra utillaxe asociada a fusís Mauser nas proximidades da porta de acceso ao patio. Ayán identifica estes restos co avance da Garda Civil no asalto á casa, na que sorprenderon saíndo aos guerrilleiros. Os números conseguiron derribar a tres deles nese momento. Pero os arqueólogos localizaron unha parte do episodio non contado polas fontes.
Nas proximidades da porta, alí onde caeron os guerrilleiros (e foron expostos despois para que a xente os puidera ver desde o camiño), apareceron dous casquillos "da pistola reglamentaria da Garda Civil, de 9 mm, correspondentes co tiro de graza". Deste xeito, os arqueólogos manexan a hipótese de que os guerrilleiros, feridos, puideron ter rematados por tiros de graza de revólver. Ese feito non aparece na documentación nin foi narrado polos veciños que seguiron en persoa o acontecemento desde lonxe.


Escenario da batalla de Repil. Dispersión dos achados.

"O máis espectacular", afirma Xurxo Ayán", "é poder rastrexar a fuxida de Fermín Lada Segura, quen acadou escapar coa queixada rebentada, disparando o seu fusil ametrallador". Os arqueólogos localizaron un elevado núcleo de casquillos de pistola correspondente a posición da Garda Civil, en zona alta e preeminente en relación á casa. O lume sobre Segura obrigouno a cambiar a traxectoria e mentres el mesmo disparaba, cambiou de dirección e dirixiuse cara o camiño que levaba a Cereixa, onde os arqueólogos documentaron casquiños de bala da súa pistola. Ferido gravemente na queixada, Segura foi o único guerrilleiro, canda a misteriosa desaparición de Saúl, que conseguiu saír con vida da emboscada da Garda Civil.

É a primeira vez que a arqueoloxía documenta en Galicia como sucederon uns duros feitos da nosa recente. Entre os restos dun esquecido combate do noso país, nace unha nova aproximación ao pasado