A Deputación da Coruña lanza a súa batería de certames culturais

O ente provincial publica as bases e abre prazo para dez convocatorias diferentes

Dez premios para dez propostas creativas é a nova convocatoria de certames artísticos, literarios e de proxectos que a área de Cultura da Deputación da Coruña promove nesta nova edición dos seus certames culturais. As bases saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste 24 de marzo. As convocatorias cobren os eidos da narrativa, poesía, literatura infantil, música, artes gráficas, banda deseñada e iniciativas culturais que traballen en prol da Igualdade de xénero. Dende hoxe mesmo, as persoas e colectivos que queiran participar nos concursos da Deputación, poderán inscribirse nuns certames aos que se destina un orzamento que supera os 120.000 euros en premios.

Ábrese así o prazo para as dúas modalidades (galego e castelán) do XXXº Premio de Narrativa Torrente Ballester e tamén para participar no XII Premio de Literatura Infantil Raíña Lupa. Doutra banda, a creación poética voltará a ter presenza no conxunto dos certames da Deputación da Coruña coa XIX edición do Premio Miguel González Garcés de Poesía. A música será a protagonista no X Concurso Fran Pérez "Narf" para artistas e agrupacións musicais. O certame repartirá 8.500 euros entre os seus cinco primeiros clasificados. Así mesmo, as formacións musicais infantís e xuvenís – con idades comprendidas entre 12 e 16 anos- que queiran inscribir os seus traballos en lingua galega no III Premio Quero Cantar, teñen até o 19 de outubro para optar a gravación dun disco e máis a unha achega de 6.000 euros para mercar equipamento musical ou produtos culturais galegos.

Galardóns de recoñecemento
De xeito paralelo, tanto o Premio de Arte Gráfica Jesús Núñez como o Premio Castelao de Banda Deseñada, chegan neste 2018 as súas respectivas décimo terceiras edicións. Tan só cunha edición menos conta o XII Certame de Artesanía Antonio Fraguas. De igual xeito, a Deputación da Coruña publica hoxe as bases para participar na II edición do Premio Begoña Caamaño á Acción Cultural pola Igualdade de Xénero. Así, por segundo ano consecutivo o certame establece un premio de 6.500 euros co ánimo de recoñecer a traxectoria e o impacto social daquelas iniciativas realizadas por entidades ou persoas que, dende o campo da Cultura, traballen na promoción da Igualdade de xénero. Finalmente, o Boletín Oficial da Provincia de hoxe recolle a convocatoria do Premio Otero Pedraio. Un galardón que rota anualmente entre as catro administración provinciais galegas e que, nesta edición, será organizada pola institución da Coruña. O premio, ten por obxecto recoñecer o labor e máis a traxectoria das persoas que dun xeito significativo contribuíron á promoción e a difusión da Cultura galega durante a súa vida. O galardón a unha vida adicada á Cultura galega establece un premio de 16.000 euros para a persoa premiada.
Ligazóns