Alejandro De la Sota: o patrimonio pendente

A obra do arquitecto homenaxeado no Día das Artes conta cunha protección desigual no noso país

A obra do arquitecto homenaxeado no Día das Artes conta cunha protección desigual no noso país
O vindeiro domingo 1 de abril celébrase o Día das Artes Galegas, promovido pola Academia Galega de Belas Artes. Desta volta, a conmemoración destaca o labor dun arquitecto, Alejandro de la Sota, que é recoñecido de xeito unánime como un nome imprescindible a nivel estatal. Na súa obra, edificios declarados Ben de Interese Cultural (fóra de Galicia) conviven con outras que foron derrubadas moi recentemente. Un legado que amosa os complicados procesos de patrimonialización da arquitectura contemporánea.

O vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e arquitecto Celestino García Braña apunta que a elección De la Sota responde a que se trata "dunha figura incontrovertible, das máis senlleiras da arquitectura española do século XX, cunha obra que conecta directamente cos principios da modernidade". A seguir a lóxica pola que se creou o Día das Artes, apunta tamén a busca por parte de institución de recoñecer a arquitectura nunha das primeiras xeiras desta celebración. "Logo do Mestre Mateo, de Castelao e de Maruja Mallo procedía que se lle dedicase a un arquitecto" como un xeito de recoñecer a importancia desta disciplina. "Paradoxalmente, vivindo como vivimos todos na arquitectura, poucas veces nos detemos a saber de quen é a autoría dun edificio, se é que a ten. O coñecemento deste mundo está bastante esquecido e esta homenaxe é tamén a tentativa de divulgar os valores da arquitectura que conforma o noso vivir cotián", explica. Desde esa perspectiva, "barallamos diferentes figuras e finalmente optamos por De la Sota, por mor do interese da Academia de se implicar moi directamente coa modernidade. Non se trata de esquecermos a importante historia da artes en Galicia, pero parecíanos que era unha grande oportunidade elixir un arquitecto como el que se sitúa ao borde do século XXI". Falecido en 1996, a obra deste creador está aínda de plena actualidade.

O nome que marcou unha disciplina
O groso da súa obra máis destacada, concentrado nos anos 60 e 70, exemplifica a capacidade que desenvolveu De la Sota para revolucionar as ideas sobre arquitectura a nivel estatal. Tanto desde o seu labor docente na Universidade de Madrid, ou como arquitecto oficial de empresas como Aviaco, Correos, Iberia ou o Instituto Nacional de Colonización, a súa importancia queda tamén clara polos recoñecementos internacionais que obtivo, a impartir conferencias e a protagonizar exposicións nalgunhas das principais universidades do mundo. Segundo sinala Iago Seara, arquitecto e membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, "foi un líder da modernidade arquitectónica dos anos 60 e 70", cun importante influxo nos seus coetáneos. "Nun momento difícil no Estado Español e por suposto en Galicia, a continuidade de certa posición do Movemento Moderno de arquitectura quedara interrompida pola Guerra Civil. Xorde entón unha xeración encabezada por Alejandro de la Sota que non se satisfai cos criterios da arquitectura autárquica que estaba a emerxer do réxime". Nese sentido, asegura, "a característica máis importante de De la Sota é un compromiso que o leva a se vincular con esa traxectoria e a erguer o facho da resistencia canda a outros da súa xeración. A súa fonda profesionalidade lévao a conectar con esta vivencia cultural dunha arquitectura que ficara cortada". A nivel creativo, "desde o punto de vista da súa arte visual e da arquitectura aposta por unha fórmula moi sinxela, funcional, que tenta traballar o proxecto e a intención desde a modernidade pero ao tempo sabendo captar a tradición desde o punto de vista máis conceptual, vinculándoa sempre ás novidades tecnolóxicas e técnicas que estaban a xurdir fóra de España que serían a imaxe da súa arquitectura".

O caso do pavillón
Dentro da obra galega deste autor, o Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra, proxecto datado en 1965, aparece como unha peza que esperta especial atención, tanto pola súa importancia intrínseca como polas reformas que sufriu e que exemplifica o complicado recoñecemento da arquitectura contemporánea como patrimonio cultural. "É unha obra fundamental na súa traxectoria, que amosa o momento no que comprende cal vai ser a súa traxectoria arquitectónica. Aí dáse conta de que o aceiro laminado, os paneis prefabricados de formigón e o vidro deben ser protagonistas da súa arquitectura", explica García Braña. "No pavillón estes materiais industriais son un dos leitmotiv, canda á riqueza espacial e a intelixente solución estrutural para cubrir esas grandes luces. En conxunto resulta un elemento clave para coñecer a De la Sota debe recuperar o seu esplendor". E é que problemas de filtracións levaron a que en 1986 se cubrise toda a parte superior do edificio cunha nova estrutura que racha totalmente a súa estética e devalúa o proxecto orixinal do autor. Para este mesmo ano está previsto executar unha obra que corrixa as deficiencias do espazo e lle devolva ao conxunto o seu aspecto orixinal.

Edificio de vivendas en Pontevedra
Iago Seara, pola súa banda, destaca "dous edificios moi singulares da súa obra persoal en Pontevedra. Un é a Casa de la Sota, un edificio de apartamentos feito para a familia. É un bloque con grande potencia e novidade plástica no que hai unha comprensión moi importante do oco das fiestras e da composición da fachada. Aí vese a conexión coa arquitectura tradicional ao colocar a carpintería das fiestras ao mesmo nivel da fachada pero empregando as técnicas e os materiais do momento". Sobre este mesmo proxecto García Braña destaca ademais que "amosa como nun edificio no medio da cidade entre medianeiras pode se dar unha resposta intelixente, axeitada e moderna ao tempo que encaixada estupendamente nas persistencias ambientais de Pontevedra".

Vivenda na Caeira
A outra construción que sobrancea en Pontevedra é a Casa Domínguez, na Caeira, "unha vivenda unifamiliar onde revoluciona a estrutura interior e espacial. Desde unha aparencia de reserva e de intimidade coloca as habitacións na parte inferior, nun semisoto, de xeito que a abrir a conexión interior-exterior aproveita a cota ascendente para crear unha sensación moi íntima, de acollida como se o cuarto fose o retorno ao seo, á cova. E Logo a casa vai emerxendo ata pasar a cota e hai un desenvolvemento entre o espazo íntimo da familia e unha primeira planta máis orientada ao uso social. Aproveita esa idea da arquitectura popular coa que non se sabe se se está dentro ou fóra da vivenda desde unha linguaxe moderna e actualizada. E logo está a cuberta, cunha estancia que é un miradoiro. En conxunto é unha xoia". A falar dese mesmo proxecto García Braña salienta que "é un edificio moi visitado e cómpre recoñecerlle á familia Domínguez, que é a propietaria, a súa atención aos visitantes, cun amor inestimable pola arquitectura". E destaca, tamén en Pontevedra, "o edificio da Misión Biolóxica. É un exemplo dese momento de Sota, a mediados dos 50, no que comeza a entender que o seu traballo ata ese intre está ben pero non descobre nada. Revela xa a ansia que tiña de se situar en perspectivas mais modernas, mais radicais e mais fondas, na busca dunha esencialidade arquitectónica inestimable".

Protección desigual
Para alén dos seus méritos creativos, a figura de De la Sota conseguiu na primavera de 2017 unha certa notoriedade logo do derrubamento da Casa Guzmán, que el deseñou na serra madrileña en 1972. Os novos propietarios do edificio optaron por demolelo para construír outra vivenda acorde ao seu gusto, pero carente do valor arquitectónico da primeira. Esta paradoxal situación amosa a complexa aceptación e comprensión da obra de De la Sota. Así, mentres o Gimnasio Maravillas en Madrid foi declarado como Ben de Interese Cultural en 2017, outras das súas construcións carecen de protección específica. De feito, en Galicia, ningunha das obras do arquitecto conta coa declaración de BIC. Algunhas están referenciadas no Catálogo de Patrimonio Cultural, como é o caso da Casa Domínguez ou do edificio da Misión Biolóxica, en Pontevedra, ou a Igrexa de Nantes, en Sanxenxo, mentres outros como o Pavillón dos Deportes da Cidade do Lérez carecen mesmo desta protección, segundo os datos do mapa do Plan Básico Autonómico da Xunta.

O perigo
"Sen dúbida, o derrubamento da Casa Guzmán puxo de actualidade cuestións como que calquera edificio, por bo que sexa, pode ser vítima dun derrubamento de xeito moi sinxelo. A realidade amosou que cando ninguén pensaba que un edificio tan senlleiro podería estar en perigo non só o corría, senón que efectivamente estaba condenado a morte. Isto tamén debía estar no noso subconsciente para escollermos a De la Sota para este Día das Artes", explica García Braña. A incidir na problemática, Seara advirte que "unha vivenda, cando está a ser utilizada pola familia que a encargou a un arquitecto sobranceiro, mentres teña unha implicación afectiva ou mesmo económica coa propiedade, pódese considerar asegurada. Pero cando eses patrimonios comezan a se herdar e se distribuír entre varios membros da familia pode pasar o que pasou en Madrid", coa Casa Guzmán. No caso das obras de De la Sota en Galicia, Seara ten claros os méritos para que conten coa máxima protección. "Se como o di a Lei de Patrimonio Cultural a declaración de BIC debe aplicarse a bens sobranceiros, aquí hai desde unha autoría sobranceira a unhas pezas arquitectónicas sobranceiras e moi significativas dun momento histórico e dun modelo de arquitectura. Eu estou radicalmente decidido desde hai tempo a que sexan declaradas Ben de Interese Cultural na categoría de Monumento".

Recoñecemento pendente
García Braña ten a seguridade de que un maior recoñecemento da obra de De la Sota está próximo. "En 2015 a Academia de Belas Artes fíxolle á Consellaría de Cultura unha proposta para protexer trece edificios da modernidade arquitectónica", moitos deles coetáneos dos deste arquitecto, aínda que ningún da súa autoría. Derivada daquela iniciativa, "neste intre está a se xestionar a declaración BIC da Igrexa de Fernández del Amo no Incio e continuarase con outras obras. Estou convencido de que esta homenaxe vai contribuír a que os seus edificios senlleiros consigan tamén esta declaración cedo". No mesmo sentido se manifesta Seara, seguro dun recoñecemento próximo para a obra do autor. "De conseguir isto seriamos pioneiros e dariamos exemplo de como deben comportarse outras comunidades autónomas con respecto ás obras de De la Sota".

Popularidade relativa
Ademais do xa comentado descoñecemento sobre os valores artísticos da arquitectura, o traballo de De la Sota, aínda hoxe percibido como vangardista por grande parte da poboación, ten unha popularidade relativa. "Sen dúbida é unha obra que aínda hai que dar a coñecer, e nalgúns casos mesmo intervir sobre ela para recuperar algún dos seus valores arquitectónicos", explica García Braña. Seara, pola súa banda, é mais optimista. "Hai xa anos fíxose unha grande exposición, cun catálogo que marcou unha pauta de recoñecemento e de proxección positiva da súa obra". Para alén da monográfica que lle dedicou o Consello da Cultura Galega en 1990, da que visitou o noso país en 2001 ou da mostra que acolleu o CGAC en 2014, diferentes exposicións colectivas, publicacións, homenaxes ou xornadas como a que conmemorou o centenario deste creador en Pontevedra en 2013, mantiveron vivo o legado do autor. "Para un grande sector da cidadanía galega as pezas de De la Sota son parte dun imaxinario que non se pode perder nin ver deturpada a súa autenticidade", destaca Seara.

A celebración
Nesta xeira, a celebración do Día das Artes conta con apoios institucionais de peso. Unha fundación co nome do arquitecto, radicada en Madrid, mantén e actualiza o seu legado con publicacións, encontros e actividades para dar a coñecer o seu traballo e reivindicar a súa importancia. Ademais, o Colexio de Arquitectos de Galicia, entidade que lle remitiu a Academia de Belas Artes a proposta de homenaxe, supón outro soporte destacado para encher de contidos esta celebración. "O programa está perfilado e quere prolongarse ao longo de todo o ano", adianta García Braña. Dentro do mesmo, unha exposición itinerante percorrerá as rúas do país a amosar o traballo do arquitecto. "Visitará as principais cidades e aquelas vilas que teñen unha vinculación con el ou que queren difundir a súa obra", adianta o vicepresidente da Academia de Belas Artes. O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o día 14 de abril o acto institucional de homenaxe. A maiores, tamén en colaboración co Colexio de Arquitectos e a familia do homenaxeado, está a se elaborar "un vídeo inédito que intervencións públicas e gravadas, con achegas da familia, que pode ser moi interesante. Tamén estamos a pensar nun caderno divulgativo sobre o seu pensamento, que pensamos que é algo que ten moito interese non só para quen elixe un labor creativo senón para calquera persoa que quere enfrontarse co futuro dun xeito ambicioso e coherente". As posibilidades para se achegar a Alejandro De la Sota multiplícanse.


Vídeos


Xornadas organizadas en Pontevedra por TresPes Arquitectos co gallo da celebración do centenario do nacemento de Alejandro De La Sota 1913-2013.


Palestra Presencias intensas. Tenacidade poética na obra de Alejandro de la Sota por. José Manuel López Peláez. Arquitectura de Galicia.

Ligazóns