A USC abre unha canle de vídeos didácticos para a divulgación do coñecemento

A nova colección do Servizo de Normalización lingüística conta xa cunha ducia de pezas

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago (USC) ven de presentar a Colección de Vídeos Didácticos, unha iniciativa que pretende colectar unha serie de pezas audiovisuais útiles para a docencia e a divulgación ao tempo que crear novas oportunidades de comunicación para o profesorado e o alumnado universitario. A natureza ondulatoria da luz, que é unha constitución, illando a diversidade ou os ósos están vivos, son algúns dos títulos cos que bota a andar. Na actualidade, a colección conta cunha ducia de vídeos, cunha duración media de entre 8 e 10 minutos, ademais doutros en etapa de produción. Esta é unha actividade aberta a todas as áreas de coñecemento que seguirá medrando en datas próximas con novas incorporacións.


Esta iniciativa xunta no seus obxectivos a posta en valor do saber e do talento científicos coa promoción da lingua galega na docencia virtual e preséntase como un soporte de comunicación que trata de espallar o coñecemento máis alá das aulas e dos laboratorios universitarios para achegarse tanto ao alumnado como ao posible público interesado nas temáticas propostas. Como explicaron na presentación ao medios de comunicación, os contidos xa dispoñibles na web permiten mostrar o talento ao servizo da sociedade que se pode atopar na Universidade para que non quede recluído nas aulas. Esta Colección retorna para un público interesado coñecemento con vocación didáctica disposto a ser consumido en múltiples soportes. Á oferta inicial de pezas audiovisuais xa producidas, o Servizo de Normalización agarda ir incorporando paulatinamente novas propostas de todas ás áreas de coñecemento na que os seus protagonistas son docentes e persoal investigador tanto de longa traxectoria na institución académica compostelá como quen se atopan nas primeiras etapas da carreira universitaria, xa sexan do Campus de Lugo como do de Santiago.