O 2017 desde o miradoiro (I)

Expertos de diferentes áreas analizan o ámbito da arte, literatura e música

26/12/2017 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: sociedadeaudiovisualliteraturapolíticas culturaismúsicaarte
1 lecturas | Compartido 0 veces

As últimas datas do ano é un bo momento para botar a vista atrás e ver que deron estes doce meses no ámbito da cultura. Hoxe, achegamos a primeira entrega destas primeiras valoracións sobre a cultura en Galicia en 2017, da man de Natalia Poncela, crítica de arte, Ramón Nicolás, crítico literario e Adrián Cunha, fotógrafo e director dun programa musical. O venres teremos outra entrega destas análises.
ARTE

Natalia Poncela López

Crítica de arte

Remata o ano coa chegada dun solsticio. Unha sentencia que marca o presente do MARCO de Vigo: "Winter is coming". Unha incertidume sen fisuras á esperanza para un centro de arte asfixiado pola presións e inxerencias. Un Padroado sen vontade de presentar unha convocatoria pública e transparente para o cargo de Dirección, que desoe as numerosas voces que reivindican unha realidade normalizada e profesional. Coa ameaza próxima e nítida de anularlle ao MARCO a súa pertenza á esfera da contemporaneidade, da reflexión, da difusión e da investigación das prácticas artísticas contemporáneas.

Ao revisar a situación doutros centros e museos de arte no Estado español, faise evidente que existiron, desde a súa creación, políticas museolóxicas disfuncionais ao servizo de vontades políticas - seguindo calendarios políticos, nin culturais nin artísticos - que esixen, hoxe, unha revisión deses modelos museísticos. Porén, institucións museísticas como o MARCO pertencen, sen dúbida, ao eido da contemporaneidade nun contexto galego onde as eivas nas súas infraestruturas evidencian, novamente, a fraxilidade que caracteriza a este sector.

Natalia Poncela é crítica de arte, comisaria de exposicións e membro da Sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega. Foi redactora xefe durante 11 anos da revista Art Notes.

LITERATURA

Ramón Nicolás

Crítico literario

Nunca os balances son doados, e menos aínda se gozan dunha escasa perspectiva temporal. Con todo, alén deses galardóns que fan volver a vista á importancia do que aquí se fai -e penso nas concesións de senllos premios de carácter estatal a Antonio García Teijeiro e Ledicia Costas-, das publicacións orientadas a actualizar a obra e a vida de Carlos Casares, alén das inevitables despedidas como foron as de Xohana Torres e Miguel Suárez Abel, talvez se poidan percibir algunhas liñas de sentido xerais.

En síntese apuntaría o excelente momento que atravesa a poesía –con achegas de salientable calidade-, a literatura infantil e xuvenil e mesmo o ensaio, mentres que o teatro continúa a tendencia resistente dos últimos tempos. Na narrativa talvez salientaría a relevancia que van gozando os roteiros literarios organizados aquí e alá, ademais do retorno dalgunhas voces -Reimóndez, Lopo, Moure, Feijoo, Eyré, Pedreira, Calveiro, DoCampo, Nacho Taibo ou Riveiro Coello- ou a estrea de voces como as de Eli Ríos, Carracedo Porto ou Benito Reza, entre outras.

A aparición dun selo editorial moi atractivo como "Oqueleo" e a posta en marcha doutro proxecto como é Aira Editorial, cando Edicións do Cumio xa é só un recordo, completan esta visión á espera doutro ano que, coma sempre, ha traer magníficos libros.

Ramón Nicolás (Vigo, 1966) é profesor e exerce a crítica literaria desde hai máis de dúas décadas. Dirixe a colección Bibliotecas das Letras Galegas de Xerais, administra o blog cadernodacritica.wordpress.com, escribe semanalmente no suplemento Fugas de La Voz de Galicia e é patrón da Fundación Celso Emilio Ferreiro. (Texto biográfico na editorial Xerais)

MÚSICA

Adrián Cunha (PixelínPhoto)

Fotógrafo e director do programa musical O Torreiro de Radio Ames

O panorama musical en 2017 estivo, coma sempre, amosando visos de mellora, de progresión e ampliación de propostas de estilo e forma cada vez mais variada. 2017 deume a sensación de que a xuventude vólvese animar a facer música e que cada vez se pensa mais no público xuvenil tanto por parte de concellos, festivais etc... Lonxe queda aquela proposta televisada que era o Xabarín Club que en verán ía de vila en vila amosando o seu amplo abano de estilos, atopámonos de novo cunha crecente proposta de grupos infantís. Volve estar aberta a porta á rapazada nos festivais, salas e concertos e iso gusta e anima un futuro cultural que non pintaba moi alá para a cultura galega.

Falando do eido festivaleiro a oferta aumentou ata un punto no que as axendas víronse impotentes de poder satisfacer a todo o mundo, iso dende o punto de vista bo. Dende o punto de vista menos bo considero que se está a tirar moito do "as na manga" que xa está na manga de tod@s os organizadores, eses grupos que nunca erran, que costan o 75% do presuposto do evento e esquécense, infravalóranse e chégase a regatear cachés aos grupos de menos peso co que iso prexudica ao futuro das novas propostas. Velaí un desexo que lle quero pedir ao 2018: Que non esquezades que eses grupos "descoñecidos" poden ser algún día un cabeza de cartel antes ou despois. Exemplos coma Agoraphobia que agora conquistan as táboas fora de Galicia ou a mesma Sés non hai tanto tempo que ían de garito en garito loitando a prol do seu proxecto e proposta novo e pouco coñecido.

Ledo de que concellos aumentaran as súas propostas ampliando as ofertas de sempre, as sinxelas, arriscando con novas propostas de dentro e fóra de Galicia, non vai mal orientada esa intención a prol da variedade pero aínda queda un chisco para que a nosa música de aquí gañe o protagonismo que envexamos doutras autonomías e países, dende aquí agardo que esas distancias vaian acurtándose e que sigamos a considerar o noso un orgullo, algo tan bo como o de fóra e unha aposta cada vez mais segura.

Coma sempre, a cultura musical amosa visos de mellora, fagamos porque o 2018, que pinta cheo de proxectos novos, sexa outro pasiño adiante.

Adrián Cunha (Ferrol, 1983) creceu rodeado de fotografías e negativos. Desde detrás da cámara leva moito tempo tamén achegándose a outra das súas paixóns e afeccións: a música. Adrián afirma gozar aínda máis dos concertos cando os ve a través do obxectivo e saca algunhas desas instantáneas que elevan o ocorrido nos escenarios á categoría de momentos míticos. Na radio pública do Concello de Ames leva desde outubro producindo e conducindo un programa – O Torreiro - sobre a actualidade musical polo que fai pasar a músicos, e representantes do sector. Desde Bertamiráns, saca adiante a súa marca pola que é coñecido: PixelÍnPhoto. Ademais de retratar e escoitar a música, Adrián tamén ten moito que dicir sobre ela.

Perspectiva cultural do 2017

Ver serie completa
15/01/2018

Entre Lume e Vendetta

Bala e Presumido destacan nas listas musicais de 2017

03/01/2018

Anuario 2017

A perspectiva do que deu de si o ano 2017 en noticias

29/12/2017

2017 en dez novas

Repasamos a través da nosa hemeroteca algúns dos acontecementos máis relevantes do ano

27/12/2017

O 2017 desde o miradoiro (II)

Os expertos opinan sobre as artes escénicas e o audiovisual

Universo culturagalega.gal

28/12/2020

O 2020 desde o miradoiro (1)

Ana Estévez, Pablo N. Sanmartín e Anna R. Figueiredo valoran o ano desde a xestión cultural, a literatura e o patrimonio

15/10/2012

Causa de Honoris

Estado crítico remata a súa primeira edición cunha intervención artística crítica cos Honoris Causa