Causa de Honoris

Estado crítico remata a súa primeira edición cunha intervención artística crítica cos Honoris Causa

Doctor honoris causa é o máximo rango que concede unha universidade a persoas “eminentes e relevantes”. Dalai Lama, Kylie Minogue, Margaret Thatcher…. Son milleiros os que recibiron este recoñecemento que lles concede os mesmos privilexios que aqueles que obtiveran o seu doutoramento trala defensa da súa tese. Este galardón sérvelle a Rubén Santiago e Natalia Poncela, artista e comisaria, de pretexto para reflexionar sobre a institución académica. E fano, no marco de Estado Critico, un proxecto de produción artística innovador coordinado por Xosé M. Buxán que xa ten os ollos postos na seguinte entrega.

O obxectivo era simple “darlle unha volta a Alterarte, a sala que a Universidade de Vigo mantén no campus de Ourense desde 2002, e para a que había que deseñar un novo proxecto de contidos” explica Xosé Manuel Buxán. Este profesor e crítico promove desde 2010 Espazo críticounha proposta cultural na que dez comisarios seleccionan a dez artistas para elaborar un proxecto artístico que se renova cada oito semanas.”Na primeira edición xurdiu a idea de que fóra xente que escribía crítica de arte en medios de comunicación a que fixera o labor de comisariado. Convidei a dez nomes, dunha lista que poderían ter sido máis, que fosen os que programasen e dotasen de contidos á sala con total liberdade”. Jose Manuel Lens (crítico en EL Pais) elixiu a Mar Vicente, Chus Martínez Domínguez (que escrebe en Tempos Novos,) Andrea Cosas e Carlos L. Bernárdez a Lito Portela, entre outros. Foi así como xurdiron propostas innovadoras por parte de artistas destacados nun contorno periférico tan pouco propicio a este tipo de actividades como é Ourense.

Honoris causa
Pon o broche de ouro a esta edición, un traballo compartido entre Natalia Poncela e Rubén Santiago que reflexiona sobre as propias estruturas académicas a partir do que significa o recoñecemento “Doutor Honoris Causa”. “Rubén ten un tipo de traballo que reflexa como se relacionan os individuos que permanece nelas e as reflexións que xeneran, que o convertía en idóneo para esta proposta” explica Natalia Poncela. Un vídeo de oito horas de duración, en clara alusión á duración dunha xornada laboral, na que o artista documenta todos os elementos recorrentes deste tipo de recoñecemento, os birretes, as luvas, o bastón, o libro da sabidoría… todo un universo icónico e simbólico que lembra traballos anteriores de Rubén.
Nesta ocasión, a man de Natalia Poncela aprécisase nesa visión estética do proceso final de exhibición do vídeo (proxectada parte sobre unha plancha troquelada e parte sobre a parede) e que revela de xeito colateral outro dos intereses deste proxecto. “Queríamos redundar na importancia da figura do comisario, como mediador entre o traballo de artista e o público” incide Buxán e que na súa opinión enriquece o proxecto poliédrico. “O traballo de Chus Martínez Domínguez está moi afastado do que fai Carlos L. Bernárdez ou Natalia Poncela de Mercedes Rozas, por iso a riqueza de contar con xente moi diversa e con posicionamentos que poden ser moi diversos”. Esa variedade figurará no catálogo compilatorio que reúne o labor de dous anos de traballo. “É unha especie de vademécum, de lembranza e estudo de todo o que pasou pola sala e que ao mesmo tempo é unha especie de pegada do proxecto”.

da produción propia á colección alterarte
Alén de por en valor a figura do comisariado, o proxecto encerra a riqueza de que estas dez propostas xeraron obra creada ex profeso para este espazo. “Faise cun orzamento mínimo, de 600 euros para o artista e de 500 para o comisario, que son cifras baixísimas para calquera proxecto artístico que leva meses de desenvolvemento” asume Buxán, pero que ofrece resultados únicos. E tece outra dimensión nova pola norma non escrita de que cada artista que participa deste espazo cede (de xeito gratuíto) unha das súas pezas expositivas para a universidade de Vigo. E así como, despois de dez anos de traballo, a Universidade conta cunha interesante colección que ascende a unha corentena de pezas. “Hai pintura, gravado, escultura, vídeo… unha pequena riqueza patrimonial que está espallada entre os edificios adminsitrativos do Campus e que é un exemplo de máxima xenerosidade do artistas” expón Buxán. Esta pequena colección, única na singularidade da súa xénese, xa foi obxecto dunha exposición no marco desta mesma universidade,e no espazo Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que, para Buxán “é a marca máis singular de alterarte”.

“Vimos que a iniciativa de facer copartícipes da salas a un mangado de críticos e comisarios resultou enormemente rica e xa puxemos en marcha Estado crítico 2” recoñece Buxán. Neste nova etapa xira un pouco máis o parafuso e, tirando de recursos internos, pediulle a profesores universitarios (Manuel Sendón, Susana Cendán, Antón Castro…..que fagan un proxecto semellante e que comezará a concretarse en 2013.