2017 en dez novas

Repasamos a través da nosa hemeroteca algúns dos acontecementos máis relevantes do ano

Repasamos a través da nosa hemeroteca algúns dos acontecementos máis relevantes do ano
Carlos Casares con alumnado infantil. Foto: Fundación Carlos Casares
Polémicas persistentes en cuestións como o Pazo de Meirás, o traballo da Agadic ou a situación do MARCO. A remuda á fronte da Real Academia Galega. Falecementos destacados como os de Xohana Torres ou Manuel Moldes. O repaso da actualidade cultural permite albiscar os principais fitos dun ano no que a visibilización no traballo feminino na cultura tivo especial importancia.

1. Diferentes iniciativas lembran a Maruja Mallo no Día das Artes
31 de marzo de 2017
O Día das Artes dedicado a Maruja Mallo exemplifica o que foi unha constante este ano: A valoración do traballo das mulleres na cultura do país. O ingreso na RAG de Chus Pato, de Marilar Aleixandre e de (como membro de honra) de Marina Mayoral, a ampla presenza de galardoadas nos Premios da Cultura Galega, o I Premio Begoña Caamaño para a Libraría Lila de Lilith, a elección de María Victoria Moreno para o vindeiro Día das Letras ou a entrega pioneira a Margarita Ledo do Premio Otero Pedrayo, son algunhas diferentes iniciativas e homenaxes reivindicaron a importancia feminina na construción da nosa cultura.

2. Víctor F. Freixanes convértese en novo presidente da Real Academia Galega
29 de marzo de 2017
A remuda de Alonso Montero por Víctor Freixanes semella marcar a fin da etapa de enfrontamento entre bandos que vivía a Real Academia Galega. Malia ao número de ausencias na votación, a non proposta de candidatos alternativos e os escasos votos en contra auguran unha menor intensidade nas disensións internas da institución. O novo presidente, chegado do munda da comunicación e da industria editorial pode imprimirlle un maior dinamismo á RAG.
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=

3. Quico Cadaval estreará o primeiro Valle-Inclán en galego
30 de decembro de 2016
A representación pioneira de dúas obras de Valle-Inclán en galego supuxo unha das novas escénicas do ano. Ademais, a polémica acompañou o proxecto do Centro Dramático Galego, con críticas ao proceso de selección do elenco por convocatoria pública, dimisión do director e a necesidade de revisar o procedemento para as novas producións da unidade escénica da AGADIC. Valle promete continuar de actualidade para 2018, cunha nova representación a cargo do CDG que xa arrinca con polémica por motivos similares aos do pasado ano.

4. Exposición, casa museo e un documental sobre Carlos Casares, novas propostas para celebrar a súa figura
12 de xaneiro de 2017
A celebración do Día das Letras dedicados a Carlos Casares amosou ata que punto a sociedade galega é quen de atopar xeitos inéditos de celebrar os nosos literatos. Canda á alta participación popular, a data supón o comezo da institucionalización dun autor aínda moi vivo na memoria da nosa sociedade.

5. O Museo do Pobo celebra 40 anos reflexionando sobre o futuro do país
4 de maio de 2017
A celebrar os seus 40 anos, o Museo do Pobo reivindicou o seu papel central para contribuír ao xeito no que pensamos o país. Múltiples propostas abertas e unha serie de foros sobre temas destacados amosaron a vontade desta institución de se manter como un referente cultural. Ao abeiro deste aniversario chegou tamén o anuncio do apoio público á futura ampliación do centro.

6. Falece Xohana Torres
13 de setembro de 2017
O falecemento de Xohana Torres foi unha das perdas máis choradas na cultura do país. Canda a ela, a desaparición de Alfonso Zulueta, do poeta e activista Paco Souto, dos escritores Miguel Suárez Abel, José Luís Sucasas e Carlos Mosteiro, do fotógrafo Alberto Martí, dos actores Fely Manzano e Mateo González e, no final do ano do pintor Manuel Moldes, marcaron os obituarios culturais de 2017.

7. Asociacións estatais do sector da arte amosan a súa preocupación polo MARCO
21 de abril de 2017
A polémica pola situación do Museo de Arte Contemporánea de Vigo logo do anuncio da dimisión do seu director Iñaki Martínez Antelo marcou en boa medida a actualidade da arte do país ao longo do ano. As sucesivas denuncias de colectivos e artistas do país alternaron coa ausencia da definición do novo modelo de centro que pretende desenvolver o Concello de Vigo.

8. Bota a andar a Academia Galega de Teatro
23 de outubro de 2017
A posta en marcha da Academia Galega de Teatro marca un fito na autoorganización deste ámbito cultural. A seguir unha tendencia de profesionalización e asociacionismo crecente, a nova entidade supón unha oportunidade destacada de cara á visibilidade e á consecución dos obxectivos comúns dun sector marcado en grande medida pola precariedade.

9. Só catro festivais audiovisuais recibirán axudas da Agadic
16 de marzo de 2017
A distribución de axudas a festivais audiovisuais marcou grande parte da actualidade cultural da pasada primavera. Dificultades no proceso de presentación de solicitudes deixaron fóra destas subvencións citas de grande peso como Cans ou Cineuropa. As protextas dos excluídos remataron ao asinar a Agadic convenios de colaboración con estes eventos

10. Institucións públicas e entidades civís crean a Xunta pro devolución do Pazo de Meirás
10 de agosto de 2017
A polémica sobre a devolución do Pazo de Meirás e das estatuas do Pórtico da Gloria en poder da familia Franco ao dominio público foi un tema recorrente na actualidade cultural de 2017. Diferentes reclamacións no Parlamento Autonómico ou no Congreso de Deputados, accións xudiciais por parte do Concello de Santiago ou a ocupación simbólica do Pazo de Meirás foron algúns dos fitos dun proceso que promete achegar novos titulares ao vindeiro ano.