Imaxe de capa de Lume, de Bala
No magazine dixital Ultrasónica, do xornalista Xavier Valiño, Vendetta acada tamén unha privilexiada posición, a sétima, entre os 25 mellores disco nacionais do 2017, lista na que tamén hai sitio para o recente lanzamento de Eladio y los Seres Queridos Historias de caza (Autoeditado) no posto oitavo para o disco de Xoel López Sueños y Pan (Esmerarte) no décimo lugar do listado. O novo de Xoel acada un importante quinto posto para a revista EfeEme entre os 20 discos nacionais a destacar do pasado ano e na metade (posto 26) da súa lista de 50 mellores referencias estatais o coloca do Dod Magazine. Tres productos musicais galegos desta colleita anual son os que elixiu o blog de Colectivo de raro propósito para destacar sen ordeación xerárquica entre os 20 discos do ano: os recentes discos Incoming Noise (Dotbeat) das roqueiras do Barbanza Agoraphobia e o sexto LP dos veteráns Igloo, Aquellos maravillosos daños (La Alianza Rebelde Producciones); a selección complétase con ese brillante Vendetta de Presumido aparecendo tamén destacado para o Colectivo.
BFlecha, o proxecto da músico e produtora viguesa Belén Vidal, abríu este ano o festival Sónar coa súa actuación no espazo Sónar Village presentando o seu segundo traballo de longa duración, o experimento sonoro Kwalia editado co selo do colectivo Arkestra do que forma parte. Este traballo tamén acadou importante repercusión para os medios especializados. A revista Rockdelux clasifícao como "R&B Metafísico" e outórgalle a posición trixésima entre o seu top de 45 discos nacionais e inclúe a súa canción Rutas circulares na lista de 25 mellores temas do Estado no 2017 no posto 15. O xornal catalán El Períodico, cuxas seleccións anuais tamén son prestixiosas, pon o rompedor disco de BFlecha no sétimo lugar da súa proposta de 10 mellores discos nacionais. Outra revista de recoñecido prestixio na escena musical moderna, a veterana Ruta 66, dalle presenza a outra referencia galega o Vol. III da banda viguesa The Soul Jacket. Os sons sureños do folk e blues americanos psicodelia e country rock deste traballo colocan o disco no sexto posto da lista dos 15 mellores álbumes nacionais do 2017 para a publicación especializada. O segundo lugar nunha sub-lista específica de 10 mellores discos españois de música americana dallo a revista Mondosonoro. E aínda que non se trata de disco compre mencionar o recoñecemento que acadaron entre o público programa de Radio 3 Disco Grande, os directos de dúas bandas que este ano non presentaron novo disco pero que si o fixeron encabezando listas do 2016: Triángulo de Amor Bizarro e Novedades Carminha. Os oíntes do programa de Julián Ruíz colocan as súas actuaciópn nos postos 4 e 5 respectivamente.






