O 2017 desde o miradoiro (II)

Os expertos opinan sobre as artes escénicas e o audiovisual

Os expertos opinan sobre as artes escénicas e o audiovisual
Fotograma de Mimosas, de Oliver Laxe
Continuamos co repaso anual a sectores da cultura galega. Por unha banda, Imma António, presidenta da Academia Galega de Teatro, reivindica a capacidade de crear presente e futuro das artes escénicas, e Miguel Anxo Fernández, crítico audiovisual, reivindica os novos creadores galegos mentres alerta sobre a escasa presenza da lingua galega no audiovisual.

ARTES ESCÉNICAS
Imma António
Presidenta da Academia Galega de Teatro

Este ano 2017 que xa remata pon en evidencia, ao meu ver, a capacidade de resistencia do Teatro Galego. Celebraron os seus trinta anos de existencia Chévere e Teatro do Noroeste: un logro que, botando a ollada atrás e vendo tamén o presente, poderiamos cualificar de case heroico (ou sen case). Foi difícil crear as estruturas que fixeron posible a existencia de compañías profesionais de teatro no noso país e, nos últimos anos, abofé que a existencia destas compañías non se fixo máis doada e moito menos a creación de novas compañías que conformen un auténtico motor para o desenvolvemento profesional e artístico do noso teatro.

Capacidade de resistir, de insistir, de crear presente e tamén futuro. Porque este ano puidemos ver espectáculos de grandísimo nivel tanto por parte das compañías máis veteranas como polas compañías de nova creación. Resistimos e non nos conformamos coa mera supervivencia. Cada día aparecen novas dramaturxias, novos puntos de vista, novas maneiras de funcionamento. Cada día o noso teatro é máis rico e cada día conta con máis espectadores cómplices nos nosos esforzos.

Tamén se fixo evidente, coido, a necesidade dun novo modelo de funcionamento para o Centro Dramático Galego. O centro de produción institucional non pode ser fonte de continuo conflito entre as actrices e actores profesionais do noso país. Tampouco pode conformarse coa mera supervivencia ou cunha carreira cara adiante sen obxectivos claros e sen cobiza de futuro. É unha cuestión sobre a que cómpre reflexionar, poñer en común e solucionar entre todas as xentes de teatro e as súas asociacións. Precisamos un Centro Dramático Galego que una a todas as xentes do teatro, que todas poidan considerar como unha casa propia –artistas e espectadores- cun orzamento digno e cun funcionamento independente. Deste xeito, opino, o Centro Dramático Galego non só sobrevivirá, tamén creará futuro desde esa resistencia que mesmo semella que nos caracteriza.

E nesa capacidade de resistir creando futuro naceu este ano a Academia Galega de Teatro da que resultei ser presidenta. No discurso fundacional afirmaba que nace con "vocación de servizo e perdurabilidade". Un espazo de encontro para todas as xentes de teatro e os seus moitos oficios para, xuntas, seguir resistindo -como non!- creando futuro, poñendo en valor o noso riquísimo patrimonio teatral desde o compromiso e o amor polo teatro de nós.

Outravolta, un ano máis, o Teatro Galego tivo a resistencia como arma para crear futuro. Supoño que non é o presente ideal para moitas das nosas xentes que sobrevivimos na precariedade... Pero non nos resignamos, non. Resistimos. Aínda. Resistimos.

Imma António (A Coruña, 1968) é dramaturga e actriz de longa traxectoria en teatro, cine, televisión e dobraxe. Desde o pasado mes de outubro preside a xestora fundacional da Academia Galega de Teatro, creada nese momento. Imma xa foi a encargada neste 2017 de asinar e presentar o Manifesto Galego polo Día Mundial do Teatro, ao que deu lectura tamén durante a gala dos Premios María Casares. No seu manifesto de título "Quen hai aí?" en prol da arte escénica a actriz defendeu a cultura e o teatro como dereitos humanos.

AUDIOVISUAL

Miguel Anxo Fernández
Crítico de cine

Tendo como inevitables os condicionantes da globalización sobre o audiovisual, seguimos á espera de asumir que se non acompañamos as nosas imaxes do valor diferencial da lingua propia (ao tempo que valor engadido), simplemente non é audiovisual de aquí. Canto ao resto estase a avanzar, sobre todo en valores de creación, versatilidade incluída, tanto en formatos como en estilos. Tres nomes fulxiron ao longo de 2017, pese a ser con produtos rematados no ano anterior: Alberto Vázquez polo dobre Goya de animación con Psiconautas e Decorado; Oliver Laxe pola proxección internacional de Mimosas; e, finalmente, o debutante Andrés Goteira por Dhogs, do máis fresco do cine galego recente e promovido cun modelo financeiro que imitar.

Consolidouse Cinemas de Galicia como circuíto de salas alternativo e complementario. Promoveuse un Conecta Fiction de cara a alianzas de mercado internacionais. E sobre todo, aflora talento, moito talento en clave de renovación xeracional, reflectido igualmente nas axudas da Agadic, que darán froito o ano próximo. Teremos a Dani de la Torre, a Anxos Fazáns, a Xacio Baño e ao propio Oliver Laxe, con filmes a estrear. E outros que comezarán a ser imaxes. Mágoa a debilidade da lingua.

O Carballiño, 1955. Doutor en Comunicación audiovisual, investigador e teórico cinematográfico, está vencellado desde finais dos anos setenta ao desenvolvemento do audiovisual galego, labor polo que se lle concedeu o Premio de Honra Fernando Rey no 2001. En 2012 recibiu o Premio da Cultura Galega polo seu labor a prol da creación audiovisual. Profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, exerce a crítica diaria de cinema e televisión en La Voz de Galicia, ademais de colaborar no Diario Cultural (Radio Galega) e en Planeta Cine (TVG). (Texto biográfico extraído da editorial Galaxia)