As 10 de Moncho Lemos

O crítico de cinema ofrece unha guía para non perderse en Cineuropa

O crítico de cinema ofrece unha guía para non perderse en Cineuropa
Fotograma de The Square
Hoxe comeza unha nova edición de Cineuropa, o festival de cine de Santiago de Compostela. O Festival poderase seguir nas pantallas da cidade ata o 28 de novembro. E, como xa é tradicional en culturagalega.gal, pedímoslle ao crítico de cine Moncho Lemos, un habitual dos micrófonos da Radio Galega e da Televisión de Galicia, unha selección persoal de dez películas de ficción e documentais imprescindibles para ver nesta edición. Así que aquí tes as 10 de Moncho Lemos!

1. THE SQUARE.
A película que gañou este ano a Palma de ouro en Cannes.
Unha mirada incisiva e chea de "mala baba" sobre o noso comportamento social e a pose da solidariedade. O altruísmo cara os máis necesitados agocha a pura autocomplacencia. Todo vernizado polo humor, nun filme que sucede case todo no interior dun museo de arte moderno.
Unha comedia cínica, con moitas escenas que nos desconcertan, firmada por Ruben Ostlund ( director de Fuerza Mayor). A corrección política, os sentimentos agochados, o xornalismo, a inmigración ilegal ...os valores da burguesía e os lazos sociais, cuestionados con aire de comedia sombría.

2. EL AUTOR.
Manuel Martin Cuenca (director de "Caníbal") posiblemente sexa un dos mellores directores de actores que ten agora mesmo o cine español. O sábado dia 11 recollerá no teatro Principal un merecido premio Cineuropa, que nos permitira ver, días antes da súa estrea, a súa nova película El autor, unha versión libre dun relato de Javier Cercas.
A historia desacougante dun escritor sen talento capaz de manipular a realidade e xogar coa vida da xente para lograr a gloria das letras. Javier Gutiérrez está inmenso dándolle credibilidade a Álvaro, obsesivo pero non psicópata. Incómodo pero fácil de comprender. El autor é unha reflexión moi realista sobre o oficio de crear, e por extensión, sobre a vida mesma.

3. THE PARTY
Hai agora un cuarto de século (como pasan os novembros de Cineuropa) Sally Potter foi un descubrimento do festival pola película Orlando. 25 anos despois regresa cunha imprescindible sátira sobre a esquerda exquisita e acomodada, rodada en branco e negro e cun aire teatral que en moitos tramos vai recordar tamén outra película mítica da historia de Cineuropa: Os amigos de Peter de Kenneth Branagh.
Una aceda comedia de enredos onde caen as máscaras e se presentan as mentiras das relacións de parella, as ambicións desmedidas dunha xeración acomodada cunha vida repleta de contradicións.
Un excelente reparto de actores para unha traxedia que ten moitos momentos de comedia,. Aínda que escrita para o cine, ten moitas posibilidades para acabar sendo unha magnifica obra de teatro. Rotunda e cun perfecto guión.

4. UN SOL INTERIOR
O amor máis alá dos 50. As viravoltas sentimentais dunha muller. Un discurso amoroso verborreico para teorizar, rirnos, crer ou ver como todos nos repetimos diante da gran comedia teórica do amor.
Juiette Binoche esta inmensa neste filme repleto de luz, onde a actriz transmite tenrura e dor nas súas carencias. Unha muller que vive varias relacións afectivas insatisfactorias con homes moi diferentes. Contada cada relación case como si fora un episodio, cada parella sucesiva explica a nosa humanidade, malia as decepcións que provoca.
Claire Denis filma con elegancia esta combinación de comedia e drama onde Binoche recrea a muller sexual que na súa madurez mantén un espírito propio da xuventude.

5. NAPALM
Un dos mellores documentais do ano. O realizador Claude Lanzmann viaxa a Corea en tres momentos distintos: 1958, 2007 e 2015. O director busca provocar no espectador un choque entre as distintas Coreas que se amosan no filme. A primeira parte do documental recolle 20 minutos de gravacións no pais na súa ultima visita o pasado ano. Despois, el mesmo, diante da cámara conta a súa visita o pais hai case 60 anos.
Un retrato persoal dunha sociedade frustrada pero tamén viva. Tan viva coma o mesmo Lanzmann que con 91 anos segue a estar na nosa memoria polo seu lendario Shoah, nove horas de metraxe sobre vítimas e verdugos do Holocausto.
Napalm é tamén a translación á pantalla de algo que xa contara lo seu libro La liebre de la Patagonia , unha historia de amor incompleto que viviu nos anos 50 cunha enfermeira norcoreana.

6. POROROCA
A sensación nos últimos anos en festivais internacionais é o cinema romano. Constantin Popescu filma aquí unha das mellores secuencias de apertura dunha película. Unha familia feliz. Dous fillos. Un matrimonio na trintena. Unha parella agradable na súa vida envexable. Ata que todo cambia unha mañá de domingo.
A descomposición do protagonista, o complexo de culpa pola desaparición dun fillo. Un filme aterrador, de angustia crecente coa culpa levada ata as últimas consecuencias. Un acontecemento tan triste do que nin sequera somos quen de falar. Como afrontar a vida despois dun trauma semellante?
O titulo da película fai referencia en lingua tupí guaraní a unha grande onda de auga do Amazonas que o mar devolve á terra.

7. CUSTODIA COMPARTIDA.
A película que obtivo o León de Prata na ultima edición do Festival de Venecia. Un tema candente : a desprotección da vítima de malos tratos fronte a un abusador que insiste e non dá tregua. Pero sobre todo Custodia compartida e unha máis que necesaria chamada de alerta sobre o fatal que pode resultar un erro xudicial.
Un drama implacable onde non hai espazo para a mínima empatía para ese personaxe desprezable, cheo de ira ,celoso, primitivo....a quen os seus compañeiros de traballo cualifican de eficiente e resolutivo.
Un filme emocional, doloroso e terrible que asusta polo que supón de retrato dunha xustiza inútil, cando actúa só polo libro e os preceptos marcados.

8. MOM AND DAD
Unha trasnada que provocou no festival de Sitges algúns dos momentos mais aplaudidos da ultima edición. Unha comedia negra, esperpéntica e desatada. Uns pais fartos dos seus fillos aos que perseguen e non precisamente para salvalos. Nicolas Cage demostrando que, canto máis pasado esta de rosca, máis nos encanta.
No fondo desta comedia tola está a critica dos pais a eses fillos mal criados, egocéntricos e desagradecidos. Sen buscar unha reflexión nin nada que se lle pareza, os diálogos mordaces e sarcásticos enriquecen un divertimento a maior gloria deses pais que deron os mellores anos da súa vida polos fillos e só obteñen indiferencia e protestas dos seus descendentes. A familia modelo americana dá moito xogo nesta trasnada recomendada para pais que botan de menos os tempos de liberdade e promiscuidade que nunca volverán.
9. SITIO DISTINTO.
David Cabaleiro retrata neste documental as diferentes etapas que viviu a emigración galega a Euskadi ao longo de 150 anos...Desde os anos da pesca e as minas de ferro ata a época das siderurxias e os altos fornos. Un documental que é unha viaxe que para moitos non tivo regreso pero que tamén serve de retrato de dous pobos que comparten lingua e cultura minorizadas.
O título fai referencia a eses barrios creados polos emigrantes que os autóctonos cualifican de "sitio distinto". A 700 km de casa esas rúas onde escoitas falar a túa lingua, provocan a sensación do emigrante que a identidade, lonxe da casa, tamén existe.
Un mirada para descubrir dende a cotidianidade da vida real da xente común.

10. EX LIBRIS NEW YORK PUBLIC LIBRARY

Este ano Cineuropa vai demostrar en varias proxeccións a idade dourada que vive o documental. Outro titulo imprescindible que non me resisto a deixar de recomendar e Ex libris. O seu director, Frederick Wisemann, é un dos nomes esenciais da historia do documental norteamericano. Pese a súa veteranía segue entusiasmando coa cámara, como nesta ocasión, unha viaxe ao interior da famosa biblioteca de Nova York.

A película e unha obra mestra de como facer un documental sobre algo aparentemente tan pouco visual como unha biblioteca. A cámara de Wiseman retrata como esta lendaria institución protexe e fomenta a súa historia o mesmo tempo que se adapta a revolución dixital dende distintos campos . Nun século de cambios tecnolóxicos muda, evoluciona, para ser mais que un centro de consulta, investigación, estudo e lectura.

Un documental enormemente didáctico que vai mais ala do obxecto da filmación. Tamén é un exemplo de ensinanza e adestramento para entender como a tradición se reinventa para non morrer e lograr conectar cos novos tempos e necesidades.

Un documental elegante que fascina a hora de analizar todos os camiños dos que dispón o ser humano para ter acceso o coñecemento.