As 10 películas para Moncho Lemos

O crítico da Televisión de Galicia fainos unha selección de "imprescindibles" para Cineuropa

O crítico da Televisión de Galicia fainos unha selección de
Fotograma de Frantz
Xa é unha tradición en culturagalega.gal. O crítico da TVG Moncho Lemos fainos unha selección de urxencia con dez filmes imprescindibles para esta edición 2016 de Cineuropa, o festival cinematográfico do outono de Compostela.

1.O CIDADÁN ILUSTRE.
Sempre é un ritual necesario en calquera festival acudir a película inaugural. E máis aínda se o festival cumpre unha data redonda. 30 anos de Cineuropa que dende o martes e, durante tres semanas, traen a Compostela o cine mais creativo dos certames como Cannes, Venecia e San Sebastián.Para abrir telón un filme hispano-arxentino que conta a historia dun premio Nobel que regresa o seu lugar de orixe, fonte das súas inspiracións. Un argumento que serve para retratar con humor e ironía, feblezas humanas como a vaidade, a envexa e o complexo de inferioridade. Por algo os arxentinos son mestres a hora de rirse de si mesmos. Unha cinta recomendable para espectadores que en pasadas edicións de Cineuropa, desfrutaron das películas de directores como Juan Jose Campanella ou Daniel Burman.



2. FRANTZ.
Francoise Ozon é un dos nomes mais iconoclastas do actual cine europeo e dos poucos capaces de sorprendernos en cada título. Habitual da programación do festival este ano trae un filmee recomendado para os que desexan ver algo refinado, sutil elegante...xogando co branco e negro e a cor, a acción sucede nunha pequena cidade alemá despois da primeira guerra mundial: Unha noiva viúva prematuramente , un misterioso mozo.Os dous deixan flores na mesma tumba. A moza inocente nun mundo sombrío. Estamos diante da adaptación dunha peza teatral de Maurice Rostand pero recomendo vivamente a película aos lectores de Stefan Zweig.Frantz fascinou os espectadores dos festivais de Venecia, Toronto e San Sebastián.



3. LAS FURIAS. Carmen Machi, Mercedes Sampietro e Gonzalo de Castro.,Emma Suárez, Sacristan, Alberto San Juan...un reparto de altura para a estrea no cine do dramaturgo Miguel del Arco. Os interiores dunha familia, as súas vergoñas, a figura paternal maiestática, a institución indestrutible ...a familia como refuxio fronte a soidade , pero tamén como escenario de incomunicación. No espello desta estrea de Miguel del Arco ,buscamos referentes como Familia de León de Aranoa , Secretos e mentiras de Mike Leigh ou a afamada Celebration de Thomas Vinterberg. E sempre tendo moi presente que na mitoloxía clásica As Furias sempre castigan a todos aqueles que se atreven a atentar contra a familia.



4. THE HANDMAIDEN (A DONCELA).
Unha fermosa proposta repleta de beleza e sensualidade,ambientada na ocupación xaponesa en Corea . Un estafador coreano que se fai pasar por un conde xaponés e que trata de casar cunha millonaria moza xaponesa. Para iso, contará coa axuda dunha criada que entra ao servizo da moza e que terá que convencela de que se namore del.
Park Chan-wook conta a historia dende distintos puntos de vista ofrecendo un recital de elegancia e erotismo, incuso nas súas partes mais ásperas. Unha das mellores películas do ano , incluso para os que non sexan fans do cinema de época. Absolutamente imprescindible na súa exuberancia visual.




5. MENTRES ELAS DURMEN. A bela durminte de Javier Marías, un escritor con moitas seguidoras entre o publico de Cineuropa. O cineasta hongkonés Wayne Wang fascinado pola historia dunha muller que durme, trae esta version para o cine do libro de Javier Marias Mientras ellas duermen. Con claras influencias de Patricia Highsmith a película non escapa de referencias como a Lolita de Kubrick ou La ventana indiscreta. A obsesión do paso do tempo e a procura da perfección. Mudando o relato orixinal que tiña lugar en Menorca, polas exóticas costas de Xapón, Mientras ellas duermen é unha proposta clara e próxima para os seguidores de Javier Marías.




6. THE SALESMAN.
O director de "Nadser e Simin" (Oscar no 2012) conta a transformación dun home amable e encantador, en alguén machista e violento.Unha película mais que recomendable. Incluso para os máis reticentes as cintas de cinematografías como a Iraní. Asgar Farhadi conta a metamorfose do protagonista, a parte masculina dun matrimonio de actores ,que estrean unha versión da famosa obra Morte dun viaxante de Arthur Miller. O mesmo tempo que ensaian teñen que cambiarse de vivenda. Unha nimiedade provocara a convulsión das súas vidas.
A virtude do director é lograr, con esta premisa, unha cinta chea de tensión que se move en parámetros proximos o thriller. Un director que vai dar moito xogo o vindeiro ano. Anunciou que no outono do 2017 rodará un filme con Penelope Cruz e Javier Bardem.



7.TRAIN TO BUSAN .
Atentos á mellor película de zombies (¿ou son infectados?) dos últimos anos. Vén de Corea . É un filme con empaque, magnificamente resolto e xoga ,desde os primieros minutos, con todas as situacións de tensión que posibilita un lugar pechado que se despraza a toda velocidade. Zombies que impresionan no seu realismo. Rápidos e flexibles,. capaces de protagonizar escenas espectaculares.Moi diferentes a todo o que acostumamos a ver no cine.Guerra mundial z e Snowdown quedan curtas ao carón desta absoluta sensación do ano no cinema fantástico. Un título imprescindible desde 2016.




8. AS PELÍCULAS DA MIÑA VIDA.
Inmenso documental de tres horas que é unha maxistral lección de cine de Bertrand Tavernier. Un repaso polo cinema francés entre finais dos anos 30 e a década dos 60. O propio director, exercendo de narrador e comentando as escenas seleccionadas de forma didáctica e amena. Becker, Renoir, Louise Malle, Claude Sautet...un documental moi similar , nesa mesma liña divulgativa, o que fixera hai uns anos Scorsese co cinema americano. Un repaso a filmes de misterio, comedias, títulos costumistas...un percorrido apaixonante por distintas décadas e xéneros do cinema francés, contado de xeito didáctico, sen tecnicismos. Aprendemos neste documental a descubrir nas películas eses detalles que acostuman a pasar desapercibidos.
Como complemento ideal deste viaxe polo cine francés, resulta máis que recomendable o ciclo "O polar:a idade de xenero do cinema francés". A metade das películas que o conforman, permaneceron inéditas neste pais por problemas de censura.




9. EL FUTURO PERFECTO.
Premio a mellor opera prima no festival de Locarno. Un retrato dun estado de animo e das particularidades da vida dunha inmigrante china de 17 anos recen chegada a unha megalópolis como Bos Aires, e sen falar nin unha soa palabra de español. O drama persoal da inmigración unido a todos os atrancos que temos se sumamos a iso o descoñecemento do idioma do país de acollida. A directora Nele Wohlatz, formada no campo do documental, rodou este filme independente con actores non profesionais , e tirando do recurso do plano fixo en abundancia. Distintas culturas e diferentes códigos de comunicación teñen como resultado o illamento do recén chegado. Un exemplo de película independente das que unicamente teñen percorrido en festivais de cine que buscan a análise de cuestións actuais a debate.




10. AMOR E AMIZADE.
Jane Austen no cine. Unha película de época ,costumista, para retratar a unha muller sutilmente intelixente , que busca marido para ela e a súa filla, mentres trata de convencer á súa familia politica de que son infundados os rumores relativos a súa vida persoal e social.
Película perfecta para os amantes da alta comedia. Dirixe Will Stilman pero poderia ser un filme de Peter Bogdanovich. Lady Susan podería parecer hoxe en dia unha "femme fatale", manipuladora e sibilina. No seu momento, astuta e dotada dunha capacidade estratéxica, pasa por ser unha muller admirable. Sen cartos e sen patrimonio, so ten a beleza e a reputación.
Kate Beckinsale ,perfecta sedutora, acompañada dun reparto de secundarios comedidos, transmite á perfección un dos rasgos característicos do cine do director Will Stillman (Metropolitan, Los ultimos dias de la disco): o retrato livián dos usos e costumes da alta sociedade.