O Festiclown volve a Vilagarcía e as súas parroquias

Esta edición do evento terá unha marcada participación internacional

O Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, volve ter lugar por terceiro ano consecutivo en Vilagarcía de Arousa, onde do 10 ao 15 agosto celebrará a súa edición máis internacional a prol da difusión e da reivindicación das artes escénicas do circo e dos pallasos a través dun programa maioritario de teatro de rúa. Esta será a súa décima oitava edición en diferentes localizacións. Na súa vindeira edición, o Festiclown desenvolverase practicamente na súa totalidade nas rúas para chegar a toda a cidadanía. Ademais, este ano recibe espectáculos da escena internacional, como a compañía belga Okidok, coa cómica Slips, a Fundación Tchyminigagua, que trae desde Colombia os seus números de zancos sobre patíns, ou a brasileira Circo no Ato. Tamén estará Desastronauts, compañía integrada polo británico Girisho Gordon e por Raquel Veganzones, con sede en Galicia, que presentará o seu espectáculo Máis alto aínda. Nos apartados Certame Intergaláctico e Superroquiños participarán algúns dos máis recoñecidos grupos de clown, malabares e maxia, como a pallasa Natalia Outeiro “Pajarito”, con A vida tola; a compañía asturiana Vaques, con Ye orbayu; a vasca Malas compañías, con Txatarra; ou as galegas Píscore, co seu Concerto singular (e plural), e mais Circo Chosco, con Forzu2.

O Festiclown, que tamén ofrece un programa formativo mediante tres cursos a cargo de Antón Valén, Laura Muñoz e Mago Teto, estenderase ás parroquias da vila e a outras localizacións. Así, os lugares de Guillán, Carril, Castroagudín, Solobeira e Cornazo poderán gozar tamén de actuacións do mago Dani García ou de Fran Rei; os nenos e nenas ingresados no Hospital do Salnés recibirán a pallasa Laura Mandarina; e os que asisten ao campamento urbano municipal vivirán a acción inaugural do festival o 10 de agosto. O carácter solidario do Festiclown quedará tamén patente na parte do programa relacionada coa acción social. Así, a a Gala Solidaria Infantil, o domingo 13 no Salón García, presentará os magos Teto e Dani García, Os Sete Magníficos Máis Un e Jano Costas. A recadación destinarase aos proxectos que Pallasos en Rebeldía desenvolven en diferentes lugares do mundo.