O Salón Viñetas premiará a visita ás súas exposicións

O documento informativo de man servirá como pasaporte para certificar as visitas

Cartel do Salón 2017. Obra de Das Pastoras
Cartel do Salón 2017. Obra de Das Pastoras
Co ánimo de promover a visita das súas exposicións o Salón Viñetas desde o Atlántico porá en marcha unha acción usando para iso o seu propio folleto informativo. A guía informativa, da que se editarán e distribuirán 5.000 exemplares servirá tamén como un "pasaporte" polas distintas sedes expositivas do Salón de este ano. O documento de man, que inclúe información sobre as exposicións deste ano e as súas localizacións, así como as conferencias e mesas redondas ou as sinaturas e actividades da Rúa da BD, que un ano máis se situará nos xardíns de Méndez Núñez. O documento conterá, como novidade, un apartado especial con seis espazos nos que a veciñanza poderá certificar, coa axuda do persoal das salas, a súa visita a seis das sedes desta edición de Viñetas: o Kiosco Alfonso, o Pazo Municipal de María Pita, a Sala Municipal de Exposicións Palexco, a Casa de Cultura Salvador de Madariaga, a Sala AFundación e a Fundación Barrié. Deste xeito, tras cada visita, o persoal das salas de exhibición selará o documento de man ás persoas que así o desexen. Unha vez estea completo o documento acreditativo, a cidadanía poderá achegarse até as casetas de Información da Rúa da BD.e as 500 primeiras persoas que presenten o seus folletos selados con todas as opcións obterán un dos catálogo conmemorativos do Salón de este ano.

Viñetas desde o Atlántico contará, nesta edición, con sete sedes expositivas. Así, o Pazo de María Pita acollerá unha mostra coa obra do último Premio Nacional de Cómic, Pablo Auladell; o Kiosco Alfonso, a obra de Eduardo Risso, Ralph Meyer, Kiko Da Silva, Cameron Stewart e Julie Rocheleau; a Sala Municipal de Exposicións Palexco, o traballo de Bruno Chevrier (Nob), Rayco Pulido, Dave McKean e Natacha Bustos; a Casa da Cultura Salvador de Madariaga a proposta Da novela ao cómic , de Javi Rey e Ernest Sala, e o Fóra de Mapa de Emilio Fonseca, premio Castelao 2016; e a Torre de Hércules mostrará todos os carteis das distintas edicións de Viñetas desde o Atlántico. Ao circuíto de equipamentos municipais este ano súmanse dous espazos expositivos. Así, a Fundación Barrié acollerá Dez anos de Premio Nacional de Cómic , unha mostra pioneira na que a cidadanía poderá achegarse á obra dos últimos dez galardoados con este recoñecemento, entre os que se atopa Miguelanxo Prado, director do Salón; e Sala Afundación será a sede da mostra A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas .