O groso das axudas á tradución vai para trasladar libros doutros idiomas ao galego

Sesenta proxectos benefícianse desta liña de subvencións

Un total de 60 proxectos editoriais benefícianse das axudas á tradución promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura para apoiar o sector do libro, segundo a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia. A Xunta inviste neste caso cerca de 160.000 euros nestes proxectos editoriais dos que o 25%, arredor do 40.000 euros, dedicaranse a levar 15 obras orixinais en galego a outros idiomas, maioritariamente o inglés en 10 dos casos seguido do brasileiro en dous, mentres que ao portugués, catalán e castelán traduciranse unha obra a cada un ao abeiro destas axudas. As 45 obras restantes que recibirán subvencións o farán para traducir ao galego obras doutros idiomas para o cal recibirán case 120.000 euros da partida destinada a este fin que tiña 200.000 euros de orzamento para 2017-18.

Os proxectos beneficiarios foron presentados por un total de 16 entidades editoriais: Edicións Xerais, Rinoceronte, Kalandraka, Kalandraka Catalunya e Kalandraka Portugal, Sacaúntos S.C.G., Novovinilo Ed., Irmás Cartoné, Edicións Laiovento, Hércules de Ediciones, Alejandro Tobar Salazar (H. e M.), Catro Ventos, Fundación Uxío Novoneyra, Editorial Galaxia e Small Stations Press. A editorial cun maior número de traducións subvencionadas é Rinoceronte Editora, con 19 proxectos, seguida de Kalandraka con 7 e Sacauntos con 5 proxectos. Malia que a media de subvención por proxecto é igual nocaso des traducíóns ao galego ou a outros idiomas as contías varían para cada proxecto existindo diferenzas que van desde os 6.000 euros concedidos á editorial Small Stations Press para a tradución ao inglés do libro Ámote Leo A. Terminal de....chegada, escrito por Rosa Aneios, aos 80 euros asignados á Fundación Uxío Novoneyra por pasar tamén ao inglés a banda deseñada A voz herdada, de Kike Benlloch (guión) e David Rubín (debuxo).


Entre os títulos publicados orixinariamente en galego que verán a luz noutros idiomas atópanse tamén Minimalario, de Pinto & Chinto, ao catalán; Muros de aire, de An Alfaya, ao castelán; O último día de Terranova, de Manuel Rivas, ao portugués; A soidade das medusas, de Iria Collazo, ao brasileiro; e mais Nordeste, de Daniel Asorey, tamén ao brasileiro. Completan esta relación os seguintes títulos galegos para a tradución ao inglés: Tártarus, de Manuel Antonio Fraga; Europa Express, de Andrea Maceiras; Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández; O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz; Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo; e mais as obras de Uxío Novoneyra Os Eidos, Tempo de elexía e Antoloxía poética. A señora Dalloway, Saltón verde, O curioso mundo de Calpurnia Tate, Biodiversidade: Cara a unha sexta extinción masiva, Ler o mundo, O ano da lebre, O neno do vestido, A avoa gángster, Oryx e Crake, Carta a un profesor mozo, a banda deseñada Pyongyang, e Corredoira-Holloway son algunhas das 45 obras escritas orixinariamente en diferentes linguas e que estarán accesibles para o público en galego.