Os centros de I+D das Letras Galegas

O mundo educativo explora cada dezasete de maio propostas anovadoras para conmemorar o Día das Letras

O mundo educativo explora cada dezasete de maio propostas anovadoras para conmemorar o Día das Letras
Libro de artista sobre Vento ferido. Claudia Álvarez, IES Carlos Casares de Vigo
A proxección dos traballos cos que os centros de ensino abordan cada ano o Día das Letras Galegas está a facer destes espazos auténticos laboratorios sobre o xeito no que conmemoramos os nosos autores. Apoiado polas posibilidades das novas tecnoloxías, o ámbito educativo está a afirmarse cun peso crecente no xeito no que concibimos esta conmemoración.

A celebración do Día das Letras Galegas conta desde hai décadas cun importante arraigo nos centros educativos de todos os niveis. Programacións de moitas materias integran esta efeméride e desenvolven actividades do máis variado arredor da vida e da obra do autor homenaxeado en cada ocasión. No entanto, nos últimos anos colexios e institutos están a coller unha especial relevancia na celebración. As posibilidades que achegan as novas tecnoloxías fan que propostas que no seu día non pasaban dos muros destes centros pasen agora a ser de dominio público. Isto engrosa de xeito espectacular a produción cultural que a sociedade galega desenvolve con ocasión da data. E non só iso, senón que é da man de profesores e alumnos que aparecen algunhas das propostas máis anovadoras e mesmo irreverentes arredor de cada xeira.

Letras transversais
Non hai materia que escape ao influxo das Letras Galegas. Alén da máis evidente ligazón desta efeméride coas disciplinas de lingua e literatura, xa non é nova a integración da festa nos programas de Educación Física, Plástica, Música ou mesmo en ciencias. Aínda está na memoria de moitos a adaptación coreografada do poema Revisando os danos de Lois Pereiro que realizaron nunha clase de Educación Física do CEIP Felipe de Castro de Noia. E non foi a única. Vídeos musicais, bandas deseñadas, dramatizacións e todo tipo de propostas están a tomar a rede, e especialmente Youtube ao asalto ano tras ano. Así, hai xa iniciativas clásicas como o telexornal que presenta cada ano o CPI dos Dices, Rois.



A este súmanse de xeito habitual propostas animadas de textos do autor, como foron neste ano as realizadas polo alumnado do colexio San Pío X de Ourense.



Outros centros, como o CEIP Antonio Fernández Flórez de Sarria ou o CEIP Ortigueira se sumaron nesta ocasión á adaptación escénica, coas súas propias versións de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas ou, no caso do colexio Salesianos de Ourense, a representar a propia vida do autor. Tamén o Centro de Educación Especial María Mariño e o CEIP Eusebio da Guarda puxeron en escena unha grande representación de Un polbo xigante. O Teatro Colón acolleu a grande estrea desta peza, na que participou a Orquestra Sinfónica do Conservatorio de Música herculino.







Innovacións
Entre as propostas máis anovadores deste 2017 non cabe dúbida que unha das aproximacións máis orixinais á figura do autor homenaxeado é o Casares-Tón que realizaron no C.E.I.P. Do Carballal de Marín. Coreografías para todas as idades, canto e vídeo mestúranse nun proxecto que integra un poema de Casares co ritmo do reggaetón. Desde o IES Carlos Casares de Vigo tamén tiveron oco para adaptar o conto Lolo anda en bicicleta ao rap.





Outra aposta que saíu deste centro na actualización e na mestura do legado creativo do autor, foi integrar o xogo de coordinación das cuncas, un desafío viral moi espallado pola rede a nivel internacional, para facer unha musical do conto A galiña azul de Carlos Casares, poñéndolle a melodía das canción que acompaña este entretemento.



Coma este, formatos habituais na rede, como o de vídeos que recollen ilustracións feitas ao vivo sobre un tema ou as animacións coa técnica stop motion teñen tamén as súas aplicacións para honrar o autor, de novo da man do centro vigués.





Galaxia Casares
E é que non hai dúbida que nesta edición está a destacar especialmente pola súa espectacular produción o IES Carlos Casares de Vigo, que ademais obtivo o premio Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 polo seu traballo Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historias. Claro que partían con vantaxe, xa que están a traballar sobre o autor desde 2015, antes de que se lle acordase dedicar o Día das Letras deste ano. Segundo explica Bea Martínez Cordeiro, profesora de Lingua e Literatura Galegas no centro e unha das coordinadoras do proxecto, a aposta por abordar a Casares de xeito multidisciplinar comezou “ao ver que moitos alumnos non sabían quen era o autor que lle dá nome ao centro”. A proposta para se achegar á súa figura non partiu do máis convencional. “Non queriamos traballar como se facía sempre sobre os libros que escribiu, queriamos darlle unha volta”, recoñece. E vaia se lle deron. “Ao comezo de cada curso xúntome con outra coordinadora do proxecto, Almudena Lacomba. E cando chegamos ás aulas propomos cousas e son os propios alumnos os que comezan a dicir ideas que nós tentamos canalizar por onde queremos”. A dedicatoria ao autor do Día das Letras Galegas non fixo máis do que reforzar a liña de traballo xa aberta. “Este ano foi moito máis traballo, continuamos co web Galaxia Casares” que recolle a maior parte dos traballos do alumnado".

Outras propostas
Unha das iniciativas máis ambiciosas neste sentido foi a realización e a edición de As estrelas máis estrelas de todas as estrelas, un álbum ilustrado no que os alumnos do IES Carlos Casares mesturan a vida e a obra do autor e que viu a luz da man da editorial Bolanda. Canda a isto, abordaron propostas como a adaptación a pictogramas de A Galiña Azul, a versión en xogos de mesa de textos do autor ou a creación de toda unha novela gráfica de estética manga. Por se fose pouco, a produción tamén inclúe booktrailers, a preparación e desenvolvemento de roteiros literarios ou a creación de libros de artista entre moitas outras iniciativas, entre elas, dúas curtametraxes.







O papel dos centros
Sobre a evolución do papel que os centros de ensino están a desempeñar na celebración, Martínez apunta que “como profesora de galego paréceme que ás letras hai que lles dar un cambio de rumbo, non poden ser só o aspecto institucional. Cómpre darlles un aspecto lúdico e ensinar a través do xogo cada autor. Para saber quen é, que importancia tivo, os nenos teñen que o vivir e crear a partir del, é o único xeito. Desde que traballamos así, resúltame impresionante o que chegan saber”. A maiores de incrementar o coñecemento dos alumnos sobre o autor homenaxeado cada ano e de divulgar a súa figura, non se debe esquecer que todas estas propostas pretenden tamén traballar os contidos curriculares de cada materia. Como exemplo, Martínez apunta que "en primeiro de ESO traballamos os contacontos, neste caso sobre historias de Casares. É un xeito de facer que os alumnos empreguen o galego en público, alumnos que apenas o falan chegan poden engancharse a través de algo así. Para eles escenificar o que crearon e verse ante un público que lles fai caso é moi positivo, collen soltura coa lingua e séntense máis seguros".

A proxección
O salto que supuxo o feito de que, no canto de quedar restrinxidos ao centro, estes traballos cheguen ao conxunto da sociedade a través da rede, ten tamén a súa importancia. “Cando os veñen entrevistar e saen na televisión senten que o seu traballo ten unha utilidade, que é tamén o que buscamos”. Alén deste ano, no centro teñen claro que van a continuar a apostar por esta liña alén de Casares. “Seguiremos no traballo por proxectos e coordinando as diferentes iniciativas en vindeiros Días das Letras", promete a profesora.
Ligazóns