Casares: lembranzas alén dos moldes

Unha concentración de Harleys ou unha carreira de cabalos son algunhas das atípicas celebracións deste Día das Letras

Unha concentración de Harleys ou unha carreira de cabalos son algunhas das atípicas celebracións deste Día das Letras
Imaxe da exposición Os mundos de Carlos Casares
O Día das Letras que se lle dedica este 17 de maio a Carlos Casares vai rachar moldes en moitos sentidos. A conmemoración, que continúa a ter unha importante participación social, transcende nesta ocasión a obra do homenaxeado e convértese nunha celebración da propia figura do escritor. Os seus gustos e afeccións, os lugares nos que viviu, traballou e descansou, as súas diferentes facetas persoais e profesionais collen un protagonismo inédito nesta data e dan pé a iniciativas do máis curioso.

A Praza de San Roque, onda a sede do Concello de Xinzo da Limia, acollerá ás 12 da mañá deste 17 maio unha xuntanza do Harley Davidson Galicia Chapter. Afeccionados a estas motocicletas danse cita nun encontro que fai parte da celebración do Día das Letras. Non moi lonxe de alí o hipódromo de Antela acolle dúas horas máis tarde o Gran Premio Día das Letras Carlos Casares, unha carreira de cabalos en homenaxe ao escritor. Como punto común, o interese do autor tanto nas motos como na hípica. Son estas quizais as mostras máis orixinais, pero non as únicas, dos curiosos xeitos nos que se vai celebrar esta xornada en toda Galicia. Outras homenaxes pouco convencionais serán a exposición que amosa fotografías realizadas por el mesmo canda á súa colección de cámaras, ou a que recupera a súa compilación de edicións internacionais de O principiño. Canda a elas, están a se desenvolver distintas iniciativas que lembran as súas afeccións a contar historias, o seu gusto polos trens ou o seu carácter viaxeiro, e revelan en boa medida como neste 2017 celebramos unha figura que transcende o escritor.

Un personaxe popular
Exemplos como reflicten o carácter dun creador que contou cunha proxección pública sen moito parangón na nosa historia literaria. O carácter multidisciplinar da súa carreira, que alén da escrita integrou labores como docente, parlamentario, director de Galaxia ou presidente do Consello da Cultura Galega, entre outros, levou a Casares a contar cunha ampla exposición mediática. El mesmo contribuíu á súa integración como un personaxe do imaxinario colectivo do país a través das populares columnas Á marxe de La Voz de Galicia desde as que narraba, xa ben antes da existencia dos blogs, a súa cotidianidade e puña o público ao tanto das súas afección e intereses. Isto facilitou que os seus gustos e intereses (e ata o gato Samuel) pasasen a ser, en boa medida de dominio público. A relativa proximidade da súa morte, que fixo en marzo 15 anos, facilita tamén a percepción de falarmos dun personaxe aínda presente na sociedade. Algo que se reforza coas diferentes homenaxes que veu recibindo logo do seu falecemento e do traballo da fundación que mantén viva a súa memoria. Canda a isto, a continuidade de obras súas como lecturas recomendadas ou obrigatorias no ensino, tanto infantil como secundario, proxectos como a posta en escena por parte do Centro Dramático de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (en 2004 e 2014) e mesmo a denominación da rede de escolas infantís da Xunta como A Galiña Azul contribúen a manter presente o persoeiro e outórganlle a esta conmemoración o seu carácter distintivo.

As letras desde a figura
Segundo explica Håkan Casares, fillo do homenaxeado e administrador da fundación que leva o seu nome, esta orientación no Día das Letras que se lle dedica ao seu pai "é inevitable. Resulta unha figura moi popular, coñecida por moita xente que aínda vive e que o tratou. Entón isto transcende en todas as súas facetas. A de escritor é probablemente a máis importante, e seguramente sexa a que acabe por perdurar, pero as outras resultan tamén moi curiosas e moi interesantes". Ao seu ver, estes xeitos de abordar a celebración teñen un grande potencial divulgativo e mesmo entroncan con boa parte da actitude de Casares. "Poden servir como forma de enganchar a xente que ao mellor non ten tanto interese pola literatura. Isto xa o practicou o meu pai en vida. Cando el escribía no xornal dunha forma deliberadamente sinxela para chegar a moita xente estaba a facer literatura en galego para públicos amplos a empregar temas en aparencia intranscendentes. E el mesmo explotaba facetas da súa vida privada absolutamente prosaicas como as historias do gato, a súa afección aos trens eléctricos ou calquera outro dos tópicos nos que hoxe se redunda".

As localidades de Casares
Resulta rechamante tamén a multilocalización das homenaxes ao autor, que lle outorgan un grande protagonismo a diferentes concellos. Se ben o acto oficial da Real Academia Galega vai se desenvolver en Xinzo da Limia, de onde se dicía orixinario Casares (aínda que naceu en Ourense), outros lugares reivindican tamén a súa pegada na vida do autor. Así o Concello de Ourense reclámase como escenario de moitas das obras do autor e creou un Roteiro a rememorar a presenza de Casares na cidade. Nigrán, pola súa banda, onde residía o escritor, preparou tres meses de actividades arredor da súa figura. Vigo, onde desenvolveu a súa actividade como director de Galaxia, acolle exposicións e diferentes actos de lembranza. E Santiago de Compostela creou tamén outro roteiro da man do Concello, que tamén publica o libro Santiago de Compostela. A cidade do milagre sobre o autor, que se suma o que lanzou a Universidade sobre os anos que o Casares pasou na cidade. Ata A Porqueira se reclama como concello onde veraneaba durante a infancia e conmemora tamén a figura do escritor.

Administracións e empresas
Se ben os concellos aparecen como promotores de boa parte das actividades son os centros de ensino e as institucións, canda á propia fundación cargan co peso das conmemoracións. "É certo que o grande peso de organizar isto parte da administración", explica o administrador do padroado da Fundación Casares, "pero é normal. Esta é unha festa de todos e quen debe coidar disto é quen administra o que é de todos, o público. Pero non é pouca a iniciativa directamente privada. Atendemos solicitudes de moitas asociacións privadas de todo tipo, desde a ONCE a grandes empresas que tamén se implican ou os empresarios en Vigo. O que me queda claro é que o Día das Letras hoxe é algo de toda a sociedade, non hai ningún estamento que quede fóra". Deste xeito, no faltan á cita conmemoracións xa habituais como as bolsas con textos que distribuirán Vegalsa-Eroski e Gadis (esta última empresa tamén repartirá o volume Contos do sol e da lúa) ou os cartóns de leite Feiraco que permiten descargar dúas obras do autor. No campo institucional, e canda aos actos habituais da Xunta e da Real Academia Galega, destaca de xeito particular a actividade que vai desenvolver o Consello da Cultura, institución que presidiu Casares ata a súa morte. A iniciativa Chíos por Casares en Twitter, a reedición facsimilar de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas o xa habitual Concerto das letras galegas ou un simposio son algunhas das actividades en marcha na súa honra.

A Fundación
Desde a Fundación Carlos Casares, pola súa banda, apostaron por desenvolver poucas propostas concretas e prestar apoio ao máximo de solicitudes posibles doutras entidades. "O que podemos facer en celebracións deste tipo, tanto a Fundación como a familia, é tentar estar á altura das circunstancias, apoiar todas as iniciativas e procurar estar presentes nas que poidamos. Desde logo o noso papel non é de protagonistas, o protagonismo é para o meu pai e para a xente que decide celebralo. Nese sentido imos un pouco a remolque de todo o que se vai facendo". Así, de cara a esta celebración, "a Fundación centrouse en facer tres ou catro cousas que puidesen achegar valor a todo isto como a exposición Os mundos de Carlos Casares", unha proposta comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez que propón un achegamento á vida e á obra do autor e que supera en boa medida, pola súa magnitude, as exposicións de homenaxe habituais con ocasión desta data. Canda a isto, "estamos a traballar nun documental e propomos tamén outras exposicións" como O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares ou Carlos Casares e a fotografía, con imaxes tiradas polo propio autor. "Logo adherímonos a cantas iniciativas hai. Apoiamos as propostas editoriais de Galaxia e doutras editoras, colaboramos os biógrafos fornecéndolles material, pomos en valor o arquivo da fundación, que está a resultar moi útil para moitos traballos de investigación e en xeral tentamos atender o que fan outros", explica Håkan.

Produción cultural e oralidade
En contraste con anteriores Días das Letras, nesta ocasión a produción cultural vencellada ao autor non está a acadar cotas tan importantes como as que se deron en celebracións recentes. Cando menos a falar de propostas escénicas, musicais, audiovisuais ou literarias de carácter comercial que xorden ao abeiro da data. Dentro destas semella que o mais abondoso son as propostas vencelladas á narración oral. Contacontos con diferentes formatos como A Galiña Azul de Fran Rei, os Babacontos con Carlos Casares de Larraitz Urruzola, Unha viaxe ao mundo de Carlos Casares de Soledad Felloza, o monólogo cómico de Avelino González Entre un galo e un polbo, os Contos para cativos de Galeatro, as historias con acordeón de Servando Barreiro sobre As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, as contadas de Lisístrata, ou mesmo o espectáculo de ilusionismo A maxia de Carlos Casares que está a presentar Martín Camina por todo o país amosan diferentes perspectivas co fío común da narración oral. De novo, esta reivindicación de Casares como contador ten o seu reflexo na aposta polo Consello da Cultura de publicar un CD de audio con gravacións da súa voz. Para o seu fillo "isto honra a súa propia afección e importancia que lle daba á oralidade. É unha forma literaria que se se coida e se fai ben ten tanto valor como calquera outra, e Galicia conta con grandes narradores orais e unha importante tradición neste sentido. Entón reivindicar esa faceta paréceme pertinente e mesmo san. Se se propaga este exemplo e a xente se anima a elaborar máis as súas historias e isto fai que xurdan contadores e que se valore este tipo de actividade será un logro que tamén honrará a súa memoria".

Centros de ensino
De novo unha boa parte das propostas que xorden arredor desta celebración teñen o público máis cativo como obxectivo, e non é de estrañar dado que o propio Casares foi un importante cultivador deste público. Isto pode explicar en boa medida a importante achega que están a realizar diferentes centros de ensino arredor da festa, cunha inxente produción de vídeos, cancións, xogos e todo tipo de achegamentos ao autor. Entre estes, destacan propostas como a o IES Carlos Casares de Vigo a través do seu proxecto Galaxia Casares ou o orixinal Casares-Tón do no C.E.I.P. Do Carballal de Marín. E é que os espazos educativos están a se consolidar como un ámbito de innovación no xeito de se achegar aos autores que se conmemoran nesta data.

Propostas escénicas
Non está a conseguir moito eco a conmemoración no campo escénico. O Centro Dramático Galego porá en escena entre os días 16 e 18 a lectura dramatizada de Os mortos daquel verán cunha adaptación de Diego Rey e Artur Trillo, en colaboración con Talía Teatro e a Fundación Carlos Casares. O feito de que o CDG xa recuperase en 2014 o texto de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (a integrar tamén historias de A galiña azul), non debeu animar a outras compañías de tentar unha adaptación da única obra de teatro escrita polo autor. O que si pasou polos escenarios, no marco do programa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística, foi a adaptación que Ubú teatro fixo do conto A Galiña azul. Da man da editorial Galaxia, a montaxe achega "cinco historias entrelazadas que transmiten mensaxes tan importantes como a defensa da diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión".

Cancións
Pola banda musical, tampouco está a ser moi abondosa a produción este ano. Xardín Desordenado ten en cartel un concerto completo dedicado a Casares con temas realizados a partir da obra deste autor como Primeiras lembranzas, Dous normandos, A Galiña azul, ou Amemos. Gelria, pola súa banda, apostou pola adaptación deste último poema como homenaxe, o mesmo texto que emprega o Casares-tón. Tamén o músico Toñyto García subiu á rede a súa propia versión do poema. A pouca produción poética do autor explica en boa medida a escasa oferta neste sentido en comparanza con outros homenaxeados recentes.





Desde o campo audiovisual, e canda ás abondosas propostas que chegan desde os centros de ensino, destaca de xeito especial o documental Contando a Carlos Casares de Gonzalo Y. Veloso, que comeza súa as proxeccións a coincidir do 17 de maio. Canda a este, a Fundación está a promover outro proxecto documental sobre o homenaxeado que verá a luz en vindeiros meses. A maiores, o pasado outono vía a luz o último episodio da webserie Vento ferido. O proxecto, que botara a andar no verán de 2015 desde o obradoiro audiovisual do CeMAC, o Curso de Medios Audiovisuais de Celanova adapta diferentes textos desta coñecida obra do autor.



Comezo da institucionalización
Se ben a fundación que o rememora botou a andar ao pouco da súa morte, é agora cando se está a proceder á integración de casares no panteón de autores do país. A proposta de creación dunha casa museo en Xinzo, pendente de se concretar, ou a posta en marcha dos primeiros premios literarios que levan o seu nome, como o dedicado a artigos xornalísticos que convocan o IES Afonso X O Sabio, de Cambre, e a ANPA Castelao ou o Certame de Relatos curtos en Galego da Federación de Asociacións de Mulleres Anaral amosan o comezo dun proceso de institucionalización da figura do autor. Segundo recoñece Håkan Casares "isto é unha das funcións do Día das Letras. Serve para promocionar a lectura e difundir a cultura entre a xente máis nova, que non ten por que coñecer a este autores. Pero ademais, os autores que son homenaxeados quedan moi ben situados para que se sigan a facer cousas sobre eles despois dese día, porque xa son moi coñecidos e xa existe unha produción importante ao seu arredor. Entón penso que despois de 2017 será posible seguir a facer cousas sobre Carlos Casares que continúen a espertar interese durante moitos anos máis".

Investigación
En relación a este proceso está tamén o desenvolvemento de traballos de investigación sobre a súa vida e obra. O feito de se tratar dun autor recente fai tamén que a celebración deste ano sirva tamén para pór as primeiras pedras do edificio teórico co que o noso mundo cultural vai entender a Casares. Atopamos pois traballos pioneiros como o de Montse Pena que se pode ler na edición facsímile que publicou o Consello da Cultura Galega de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, e outras propostas na maior parte dos casos na forma de artigos ou de conferencias. Os dous números que Grial vai dedicar á súa figura, o imprescindible simposio que lle dedicará a Real Academia Galega en novembro, ou a xornada que prevé realizar o Consello da Cultura Galega han supor importantes achegas neste sentido. Canda a isto, a biografía Carlos Casares. Un contador de historias de Henrique Monteagudo e Casares o libro de conversas de Ramón Loureiro supoñen polo as principais achegas a esta figura, ás que se suma Damián Villalaín, que aproxima o personaxe ao público máis novo en Carlos Casares. Vida e literatura. "No campo da investigación está a resultar moi interesante. Desde que morrera foran saíndo algunhas cousas, pero este ano está a servir como escusa perfecta e apareceron xa moitos traballos moi interesantes. As biografías de Monteagudo e Villalaín, as coleccións de artigos que publica Grial ou o monográfico de Raigame dan conta traballos de bastante profundidade. Cónstanos ademais que están a se elaborar máis libros neste momento. E ademais está a espertar interese pola súa figura en novas xeracións de investigadores que non o trataron directamente", lembra Håkan Casares.

Inéditos
O que semella claro é que non podemos contar con que a efeméride permita descubrir novos textos do autor. "Compiláronse textos que estaban espallados e algunhas conferencias que estaban inéditas", como é o caso do artigo Vigo: a man da xente que acaba de recuperar este concello, "pero pretender a estas alturas atopar unha novela inédita do meu pai ou algo así é unha fantasía. El publicou o que escribiu. Foi un autor que elaboraba moito a súa prosa, non era un escritor impulsivo que podía facer unha obra e deixala nun caixón, non funcionaba dese xeito. E desde moi novo o que escribiu fíxoo con idea de publicalo. Entón non sendo que haxa algunha obra de mocidade por aí perdida vexo moi difícil que apareza nada". O que si podemos agardar é contar con novo material dixitalizado de audio, como o que xa anunciou o Consello da Cultura, vídeo ou textos accesibles ao público, así como as habituais reedicións dos seus traballos que han pór de novo a Casares ao alcance de moitos vellos lectores e con certeza dalo a coñecer entre moitos outros novos.