A RAG desprázase a Xinzo para o acto central do 17 de maio

A localidade natal de Carlos Casares acollerá a sesión extraordinaria da Academia

Como xa ven sendo habitual en anteriores anos, A Real Academia galega, elixe a localidade natal do persoeiro homenaxeado no Día das Letras galegas para celebrar alí o seu acto central. Se o ano pasado estes actos foron na casa natal de Manuel María en Outeiro de Rei este 17 de maio, Xinzo da Límia, localidade de nacemento de Carlos Casares acollerá a sesión extraordinaria da institución dedicada ao escritor, que terá lugar no salón de plenos do concello a partir das 11:30 horas e contará con intervencións arredor da figura homenaxeada a cargo da académica Fina Casalderrey e dos académicos Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, será o encargado de pechar o acto, que poderá seguirse en directo a través da pantalla instalada na carpa que se montará na praza Carlos Casares.

Nado en 1941 na cidade de Ourense, Carlos Casares marchou a vivir con só tres anos a Xinzo de Limia, a vila da que seu pai era natural, e onde este exerceu como mestre durante décadas. A comarca da Limia deixou unha importante pegada na súa vida, reflectida na súa obra literaria. Este territorio da súa infancia e adolescencia foi o elixido para o acto central da Real Academia Galega neste ano dedicado á súa figura no que a institución tamén desenvolverá outras iniciativas noutros escenarios destacados da súa traxectoria. A RAG abriu en febreiro o Ano Carlos Casares coa presentación do proxecto web Primavera das Letras no CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde estableceu o seu fogar, e a finais de ano celebrará un simposio sobre o autor.