Quiosco: Erregueté, 89 e 90

Dupla entrega da renovada Revista Galega de Teatro

Dupla entrega da renovada Revista Galega de Teatro
Capas dos números 89 e 90. Foto: Erregueté
A Revista Galega de Teatro, Erregueté, presenta esta semana dous novos números ao tempo. As entregas 89 e 90 desta publicación son a terceira e cuarta desta nova etapa renaovada desde o pasado novembro coa dirección de Vanesa Sotelo. Para esta semana anuncian a chegada da erregueté 89 correspondente ao inverno de 2016 e inician a primavera coa saída da erregueté 90.
Dedicada a FORMATOS DE PRODUCIÓN, a erregueté 89 conta con traballos das compañías Ibuprofeno, Chévere, Voadora e Eme2. A revista presenta a nova sección PROSCENIO coa reportaxe sobre o proceso de selección do CDG, cuxa produción se estrea o vindeiro 20 de abril. En ESCENA ABERTA destácase a presenza da danza no II Mulleres Creando e faise tamén unha entrevista a compañía Lagartijas tiradas al sol co gallo do seu paso polo FITO. O número achega unha nova peza de dramaturxia contemporánea, Winnie son eu, de María Armesto.
Na Erregueté 90 aténdese á "querela do posdrama" e as reflexións xurdidas durante as Xornadas de Dramaturxia “Dramaturxente”. PROSCENIO recolle as reaccións da Asociación de Festivais de Artes Escénicas ás declaracións do director de Escenas do Cambio na erregueté 88, abrindo un debate sobre a xestión cultural pública. Erregueté conversa con Roberto Taboada con motivo da desaparición do ALT de Vigo despois de 16 edicións. A creación escéncia en lingua portuguesa ten presenza a través dos textos de Joana Craveiro con Bairro das Ex-Colónias e Jorge Palinhos con D’Abalada.

As reseñas de obras representadas que se publican nas entregas en papel da revista xa poden consultarse na sección do blog da crítica.