Vigo anuncia celebracións polo Día das Letras dedicado a Carlos Casares

Tres exposicións, faladoiros e outras actividades fan parte da conmemoración

A Fundación Carlos Casares e mais o Concello de Vigo anunciaron onte as actividades que desenvolverán en colaboración por mor do Día das Letras que se lle dedica ao autor. O programa, que reivindica "a importancia e relevancia da cidade olívica no labor cultural e cívico do autor galego", comeza o vindeiro 4 de maio coa celebración dunha mesa redonda sobre "A muller na obra de Carlos Casares" na que participarán Rexina Vega, Iolanda Galanes, Camiño Noia, Inma López Silva e Amparo Solla. Do 8 ao 28 de maio a Casa Galega da Cultura acollerá a exposición O Principiño arredor do mundo, na que se poden ver 100 traducións desta novela en máis de 60 idiomas a partir da propia colección acumulada Casares de versións da obra. Para o día 10 celebrarase a actividade Café Voltaire - O Sabor das Letras, unha proposta que combina unha conferencia literaria coa degustación de bocados elaborados polo chef Miguel Oliveira.

As actividades continuarán con posterioridade ao propio Día das Letras, cun faladoiro literario o día 20 de maio na Biblioteca Juan Compañel e dúas exposicións. Así, do 31 de xullo ao 3 de setembro a Casa Galega da Cultura acollerá a mostra Carlos Casares e a fotografía, que repasa este aspecto creativo do autor mediante medio cento de instantáneas así como cámaras, libros e manuais da súa propiadade ademais de artigos nos que fala da súa afección a esta arte. Finalmente, do 18 de setembro ao 29 de outubro a Casa das Artes acollerá a exposición Os mundos de Carlos Casares, unha exposición que repasa mediante máis de 300 pezas, entre elas obxectos e documentos nunca antes amosados ao público, a vida e a obra do autor.