A rede Cultura da Deputación coruñesa espallará o cine galego

A metade das proxeccións audiovisuais do programa Visións da entidade provincial serán producións galegas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña inclúe entre as súas novidades un programa de cinema e contidos audiovisuais co nome de Visións destinado á programación dos concellos. Cada concello poderá solicitar un máximo de 8 proxeccións, das que como mínimo a metade deberán ser de produción propia galega. "Visións nace co fin de contribuír de maneira decidida a que a produción audiovisual galega, de gran calidade, chegue ao público. Un dos problemas do sector son as dificultades de distribución e, desta maneira, quixemos que a Rede Cultural incluíse o apoio á difusión do audiovisual galego", explicou a responsable da Área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei. "Con este novo programa queremos contribuír á difusión dun novo audiovisual galego que agromou naqueles anos tan frutíferos da Axencia Audiovisual Galega, flocos.Tv e, en especial, ás axudas ao talento que están na orixe de boa parte das producións dos novos e as novas creadoras do sector", engadiu Sanmartín.

Títulos como a premiada Mimosas, producións que visitaron festivais internacionais como Arraianos ou Costa da Morte, cine experimental como Vikingland ou documentais como Esquece Monelos ou Frankenstein 04155 forman parte do catálogo de Visións. As empresas do audiovisual incluíron tamén nos seus títulos boa parte da obra de dous dos cineastas que máis se teñen empeñado en producir películas en lingua galega. De Ignacio Vilar ofértanse en Visións títulos como Pradolongo, A Esmorga e Vilamor e de Alfonso Zarauza obras como A viaxe dos Chévere, Os fenómenos e Encallados. Filmes de animación dirixidos especialmente ao público infantil como os dous de A Tropa de Trapo ou Maimiño distribuiranse en pantalla grande no novo circuíto da Deputación da Coruña.O programa inclúe así dúas seccións diferenciadas, unha para propostas xerais e outra para a produción propia galega, orientada ao apoio á difusión dos filmes, documentais e creacións audiovisuais das empresas audiovisuais galegas. Os concellos porán a disposición das empresas o persoal necesario, garantirán o cumprimento das necesidades técnicas necesarias para a proxección e difundirán de maneira acaída o programa audiovisual.