As contas da cultura 2017: Entidades e transferencias

A AGADIC e a Cidade da Cultura concentran as principais partidas económicas dos orzamentos culturais

A AGADIC e a Cidade da Cultura concentran as principais partidas económicas dos orzamentos culturais
Cidade da Cultura
A Axencia Galega das Industrias Culturais e a Cidade da Cultura continúan a ser dous dos grandes eixes das políticas culturais do goberno da Xunta, e así o reflicte a previsión de orzamentos para 2017. Canda a estas entidades, a colaboración da Consellaría de Cultura con museos e fundacións dependentes dela, así como con outros organismos do panorama cultural, mantense estable.

Como é habitual nos últimos anos, a Axencia Galega das Industrias Culturais, cunha partida de 10.382.088 euros é entidade que concentra un maior investimento por parte das contas orientadas ao Fomento de Actividades Culturais. Isto supón un incremento de apenas 3.000 euros a respecto do anterior ano, un incremento mínimo que ademais non incidirá nas posibilidades de gasto desta entidade.

Séguea en investimento, como é habitual, a Fundación Cidade da Cultura, que recibirá 9.092.989 euros das contas públicas, a mesma contía que en 2016. Segundo anunciou o conselleiro, 3,6 millóns (a contía de transferencias de capital) irán destinados a novos traballos de urbanización no complexo do Gaiás, con proxectos como o Bosque de Galicia ou a anunciada creación dunha lagoa. Con esta elevada hipoteca nas contas, similar á de anteriores exercicios, non é de agardar que a nova responsable da Fundación, Ana Isabel Vázquez, poida potenciar especialmente a programación do complexo para o vindeiro ano. En total, con fondos achegados doutras fontes, a Fundación chegará aos 11,1 millóns de euros.

Continuidade
En canto á colaboración da Consellaría de Cultura con outras entidades, públicas e privadas, na maior parte dos casos mantense o apoio económico. O Consorcio de Santiago, que continúa a recibir 2.684.413 euros dos orzamentos, é o máis beneficiado neste sentido. A Real Academia Galega, pola súa banda, contará de novo cunha achega nos orzamentos públicos de 520.000 euros destinados a "investimentos" e a "accións culturais e de investigación lingüística" do programa de Fomento da Lingua galega.

Museos e fundacións
É o mesmo caso da Fundación Camilo José Cela, que contará un ano máis con 257.294 euros. Continúan tamén os 30.000 euros do Padroado de Sargadelos, os 297.800 con que conta o Museo do Pobo Galego, os 731.868 do Museo do Mar ou os 40.000 que sosteñen a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. No entanto, semella que a continuidade dos 100.000 euros que a Xunta achega ao funcionamento do MARCO de Vigo non van ser abondos para lograr que o seu actual director, Iñaki Martínez Antelo, continúe no posto. Martínez Antelo anunciou que non renovará no posto ante unha situación orzamentaria que cualifica como "límite" nesta entidade, que conta tamén con financiamento do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra.

CGAC
En total, tirando gastos de mobiliario, utensilios ou maquinaria, o Centro Galego de Arte Contemporánea contará con 813.414 euros para o vindeiro ano, apenas 1.000 máis do que a suma do anterior. No entanto, os fondos soben unicamente no apartado de adquisición de obras de arte, que pasan de 59.000 a 100.000. Esta é a terceira suba consecutiva que se produce neste ámbito, pero aínda así está na metade dos 200.000 con que contaba o centro en 2011. Pola contra, descenden por segundo ano consecutivo as previsións para funcionamento do centro, a pasar de 750.000 a 710.000 euros. Non recupera o centro tampouco fondos para publicacións, limitadas de novo a 3.414 euros fronte aos 40.000 con que contaba hai tres anos.
No entanto, nesta ocasión os orzamentos da Xunta inclúen, no mesmo programa, ("Fomento das actividades culturais") e mesmo apartado, aínda que sen facer referencia directa ao Centro, unha nova partida para "Exposicións de Artes Plásticas" dotada con 105.000 euros. Está por ver se estes fondos benefician o espazo compostelán que dirixe Santiago Olmo ou se terán outro destino. O mesmo pode acontecer cos 56.000 euros que aparecen para "Difusión e publicacións culturais" no mesmo programa.

Terceiro sector
No marco de transferencias ao terceiro sector, os orzamentos recollen como novidade unha achega de 300.000 euros de transferencias de capital a estas entidades co epígrafe "Axudas a institucións sen fin de lucro en materia cultural". Estas súmanse aos apoios a "Actividades de asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro", que perden 61.000 euros e fican con 308.885. A maiores, están os fondos, aparentemente inamovibles, de "Axudas a institucións culturais", que se manteñen con 60.100 euros desde hai varios anos. É de supor que será esta a primeira destas partidas a que permitirá, segundo anunciou o conselleiro, manter o apoio que se lle estaba dando ás diferentes fundacións de autores literarios como son a Pondal, a Rosalía ou a Otero Pedrayo.

Consello da Cultura
Fóra dos orzamentos da Consellaría en si, o Consello da Cultura recibirá 2.472.550 euros, un lixeiro incremento a respecto do anterior período, dos cales 334.000 cubrirán estudios e traballos técnicos e outros 193.000 irán destinados a reunións, conferencias e cursos.