As contas da cultura 2017: Lingua

Uns orzamentos conxelados que deberán cubrir máis accións limitarán a política lingüística da Xunta

Uns orzamentos conxelados que deberán cubrir máis accións limitarán a política lingüística da Xunta
Os fondos económicos para normalización lingüística en 2017 medran lixeiramente. No entanto, o anuncio de novos programas neste ámbito de actuación, coa necesidade de repartir estes fondos van dificultar melloras destacadas neste traballo. Como grandes eixes, anúnciase o desenvolvemento do Plan de Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Socio-Económico e o comezo dos traballos do programa específico para a mocidade.

Por segundo ano consecutivo e logo de varios anos de caida, os fondos orientados ao fomento da lingua galega non baixan, e mesmo acadan un lixeiro incremento de 62.000 euros. No entanto, os algo mais de 6,8 millóns de euros con que conta este apartado deberán atender teoricamente a novos programas e accións. Ao desenvolvemento do plan para promover a nosa lingua no sector empresarial e industrial súmase o previsto programa orientado de xeito específico para a mocidade. Deste xeito, resulta difícil crer que o maior reparto de fondos non acabe afectando a algunhas das accións e programas que se viñan desenvolvendo ata o momento. Todo isto sen esquecermos que os fondos para lingua foron os máis duramente castigados polos sucesivos recortes orzamentarios e que en comparanza con 2009 contan con vinte millóns de euros menos.

Campañas
En concreto, en 2017 a Xunta prevé investir 867.598 euros en Campañas de Normalización, 33.000 euros máis que marcan a única suba real do programa de Fomento da Lingua Galega a respecto do anterior exercicio. É de supor que a posta en marcha en 2017 do Plan de Dinamización da Lingua Galega na Xuventude e o desenvolvemento do orientado ao Tecido Socio-Económico absorberán en boa medida estes fondos. En concreto, no marco deste último, Rodríguez anunciou un investimento de preto dun millón de euros. É de supor que no mesmo se inclúen os 700.000 euros de transferencias a empresas privadas para programas de promoción do galego, que se manteñen conxeladas nesta contía desde hai varios anos.

Ademais, o conselleiro asegurou que se manterán as actuais actividades, cun especial fincapé no circuítos de ocio familiar integrados nos plans Falaredes e Axóuxeres, o cal é difícil de explicar sen un incremento nas partidas correspondentes. É de supor que son de novo os fondos de campañas de normalización os que cubrirán en grande medida estas diferentes apartados. En paralelo, o apoio ao traballo municipal sobre lingua contará con 245.000 euros de transferencias.

Proxección
Mentres a maior parte dos fondos mantéñense estáticos, medra lixeiramente o apartado de Creación de Lectorados e Centros do Estudos Galegos no Exterior e fica con 274.416. Deiminúe no entanto (3.000 euros) o montante destinado ás bolsas para lectorados de lingua galega no exterior, que fican con 204.117. Deste xeito, o incremento na presenza exterior na nosa lingua, darase nunha grande medida da man do acordo polo que o Instituto Cervantes incluirá tamén actividades de promoción do galego na súa programación. En concreto, Rodríguez anunciou no Parlamento que se abrirán en colaboración con esta entidade novos espazos para nosa lingua en China e Xapón e que nacerá un novo lectorado en Nova Zelanda en colaboración coa Universidade de Aukland.

Sen novidades
Pola súa banda, o soporte a accións de promoción da lingua galega da man de entidades sen ánimo de lucro (39.507), os fondos para traballos de investigación (487.570), actividades de formación (500.000), os 50.000 de convenios con medios de normalización e os 126.407 para outros convenios mantéñense coa mesma contía que en 2016.