O rural galego desertízase, iso é sabido. Os xeitos de vida das cidades están a penetrar ata tal punto o noso territorio que mesmo hai investigadores que cuestionan a propia idea de que exista un medio rural diferenciado. Nesa transformación que están a sufrir as áreas non urbanas do país aparecen xeitos diferentes de habitar e de producir. Para coller consciencia sobre eles e crear ferramentas para os comprender, o colectivo 1aUN e mais o sociólogo Manuel García Docampo convocaron para o comezo deste mes de setembro o curso de verán Habitar o campo en Galicia.
Familias que viven nunha aldea e que traballan en explotación agrícolas e gandeiras. Persoas que se trasladan a diario desde o campo á cidade para os seus empregos no sector servizos. Xente que vai á aldea un par de veces pola semana para coidar a horta, ou que dedica a estas tarefas sábados e domingos. Casas que fican baleiras ao longo do ano ata que no verán se instalan nelas familia enteiras de emigrados. A variedade de xeitos nos que, nos nosos días, se habita e se produce nas áreas non urbanas de Galicia son variados e complexos. Sobre esta cuestión levan xa varios anos a pensar no colectivo de arquitectos 1aUN. Como parte da súa investigación, este ano organizan, canda ao profesor de socioloxía Manuel García Docampo o curso de verán da Universidade da Coruña Habitar O Campo en Galicia. Relación entre os modos de vida e o soporte territorial, que se desenvolve en Sarria entre o 31 de agosto e o 1 de setembro. "No colectivo levamos un tempo a traballar este tema", explica Fiz Seixo desde 1aUN. "Entendemos que Galicia ten unha estrutura territorial na que o rural non está separado. Cando se fala de rural, a miúdo vennos á cabeza unha visión que ás veces é bucólica, e a imaxe que temos do que é tradicional non se corresponde coa realidade".
A necesidade de conceptos
A explicar a organización territorial, Seixo sinala que "o campo fai parte dunha estrutura que está baseada nas cidades e nas áreas metropolitanas, coas vilas como puntos de fixación de poboación e de estruturas moi importantes. Logo hai toda unha serie de espazos que chamamos de matriz rural e que son moi difíciles de definir". De feito, apunta que "a nivel técnico moita xente non se atreve xa a falar de rural, porque ese xeito de vivir autoxestionado, con ciclos enerxéticos e económicos fechados xa non existe". Esta carencia mesmo de palabras claras para definir unha grande parte do noso territorio é unha das cuestións nas que está a tentar avanzar o colectivo. A variedade nos xeitos de vida está estreitamente relacionada coa diversidade que presenta a paisaxe do país. Vivendas, construcións anexas, utilización do terreo, cultivos ou especies arbóreas reflicten de diferentes xeitos a maneira no que nos relacionamos co noso hábitat. "Antes a vivenda tiña uns terreos adxacentes para traballar, e outros espazos nos que se desenvolvían a vida e os diferentes labores. Este era o xeito habitual de traballar e de reproducir a familia, coa parroquia a funcionar como un espazo territorial sustentable. Agora isto mudou totalmente, e a nosa idea é estudar o presente desde o pasado para poder intuír así como pode ser o futuro", lembra Seixo.
Carácter diferenciado
Por se fose pouco completo o panorama, o abano de formas nos que se está a transformar a vida nas zonas menos urbanas de Galicia carece de semellanzas noutras partes do mundo, polo que tampouco se pode agardar a que investigadores de fóra veñan a nos dar respostas sobre o que está a acontecer. "En 2014 convidáronnos a falar nun encontro en Málaga sobre como eran estes territorios porque resultan moi diferentes ao resto do Estado. Todo o norte e Euskadi amosan realidades moi diferentes neste sentido", recoñece este arquitecto. Toda unha singularidade que chama a atención dos estudiosos.
Tipos de fogares
Nunha primeira aproximación a esta realidade, os membros de 1aUN propuxeron unha tipoloxía de fogares no espazo rural que está dispoñible no propio web do curso. Así, segundo eles, pódese falar dun tipo de fogar produtor "herdeiro dun modo relacional de habitación e traballo. Os seus compoñentes manteñen no sector primario a súa actividade principal. A explotación é extensa e especializada, pero seu carácter relacional co espazo vivideiro mantense, exercendo en moitos casos a vivenda o papel de centro organizativo da actividade económica". Pola súa banda, a categoría de fogar híbrido "mantén un estreito vínculo co medio e coa súa explotación, sendo a actividade primaria capital para seu sustento, aínda que o fogar nútrese tamén doutras actividades dentro ou fóra do ámbito. O seu impacto territorial é menor dada a súa coexistencia con outra fonte de ingresos, pero mantense en niveis altos, apoiándose en explotacións de orixe tradicional". Como tipo non agrario entenden "aquel que, ubicando súa residencia nun ámbito de base rural, ten perdido súa actividade primaria, aínda que mantén a actividade económica conectada ao espazo que habita. Trátase dun fogar sustentado na prestación de servizos, comercios, talleres vencellados en boa medida ao ámbito xeográfico no que se implanta". Están tamén os fogares de xubilados que "pola súa idade non transforman substancialmente o territorio, inda que contribúen a manter por inercia as formas anteriores. Estes individuos, que no seu pasado estiveron fortemente vencellados ao rural, unha vez rematado seu ciclo laboral, fan das tarefas agrarias a pequena escala súa principal dedicación" son outra das realidades que se presentan nestas zonas.
Outros fogares
Relativamente recente é a aparición do fogar suburbano que "representa a ruptura co medio, tanto no seu mantemento como na súa explotación. Este fogar obtén seu sustento en actividades implantadas fóra do hinterland do núcleo, xerando unha alta dependencia do vehículo privado. Este tipo de fogar aparece especialmente nas áreas de influencia das urbes e núcleos de certa entidade urbana". Completan a listaxe, polo momento, os fogares temporais, "que non pernoctando con asiduidade, desprázanse frecuentemente á vivenda ou ao asentamento, incluíndo entre súas actividades accións de mantemento e explotación recreativa do medio produtivo, configurándose nalgúns casos mesmo nun complemento económico da súa fonte económica principal" e mais o tipo vacacional "que é ocupado durante períodos concretos do ano, permanecendo pechado durante a meirande parte do tempo. Este tipo de fogar non realiza actividade económica no ámbito e súa relación co medio é case nula, limitándose no mellor dos casos a sufragar o mantemento dos espazos directamente relacionados coa edificación principal. No entanto, desde o colectivo insisten en que esta é unha clasificación provisoria. "De feito, xa nos fixeron notar que existe aínda outra clase, a dos non residentes, xente que non vive na zona pero no entanto transforma o territorio e traballa alí, como poden ser moitos produtores vitivinícolas".
Perspectivas
A complexa cuestión atrae a atención de investigadores de diferentes ramas. "Hai moita xente a tentar traballar definir isto, e moitas opinións diferentes. Álvaro Domínguez, que é xeógrafo, fala de espazos transxénicos para tentar definir estes espazos. Outros falan de neorrural ou de espazo rururbano, moitos conceptos están no aire. Nós pretendemos centrarnos en como funciona o fogar hoxe nestas áreas, e en base a isto comezar a traballar". Para tentar buscar puntos de encontro, o curso que se celebrará en Sarria a vindeira semana conta con relatores chegados de diferentes disciplinas. "Vemos que é fundamental tratalo desde diferentes prismas, é por isto que non van participar no encontro unicamente arquitectos ou sociólogos. Tentamos tratar tamén a economía, a antropoloxía ou a visión de enxeñeiros agrónomos ou forestais que é fundamental polo traballo a pé de terra que realizan". O xeógrafo Álvaro Domingues, arquitectos como Plácido Lizancos, o antropólogo Santiago Prado ou o economista Edelmiro López son algúns dos nomes que achegarán as súas visións sobre o tema ao curso.
Traballo de campo
O encontro, para alén de formar encol desta problemática aos participantes, busca xerar unha reflexión colectiva. Deste xeito, unha parte importante do programa consiste en traballo de campo realizado polos propios alumnos, a analizar os xeitos de vida e de hábitat dos veciños da parroquia de Louseiro, en Sarria. "Queremos investigar estes espazos, falar coa xente, ver que poden contar do seu día a día e que conclusións se poden sacar. O curso quere ser un tamén un caso de estudio".
Un exemplo
Esta orientación da actividade determinou en grande medida a elección do lugar. "Sarria ten moitas zonas cunha dinámica intermedia. Estes son espazos ande hai unha dinámica económica agraria ou mixta e nas que se mestura xente que se dedica só ao sector primario, con outra que ten unha ocupación máis vencellada ao comercio, parellas nas que un dos membros traballa fóra e outra no sector primario ou mesmo persoas que retornaron á casa familiar ao se xubilar". Esta estructura facilita, segundo asegura Seixo, o traballo previsto para o curso. "Onde hai máis variedade é mais sinxelo activar cousas. Non se produce o fenómeno da urbanización no sentido de facer das parcelas de terreo lugares que valan cartos. Neste territorio hai asociacións de veciños ou cooperativas, e iso tamén facilita o contacto cos veciños".
Como resultado do curso, para alén da formación dos alumnos, o colectivo pretende "seguir avanzando na teoría e conseguir novas ideas sobre o futuro destes territorios. Tentaremos de cada ao futuro facer algunha publicación cos resultados", apunta "Estes territorios son fundamentais para a estrutura de Galicia e o seu funcionamento no século XXI", resume Seixo. "Compre que estean activos, teñen que ser espazos factibles para que a xente teña unha vida do século XXI, e ao tempo non se pode hipotecar o territorio para as vindeiras xeracións".