A lusofonía domina a nova temporada do Centro Dramático

Fefa Noia presentou o seu primeiro programa co Tartufo como principal produción

18/5/2016 | Santiago. Redacción | Seccións: espectáculosteatro
43 lecturas | Compartido 0 veces
Nunha data atípica, segundo recoñeceu ela mesma, a flamante directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, presentaba esta mañá no Salón Teatro de Santiago a programación para esta temporada do Departamento de Produción Teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais. Das propostas do CDG ata decembro destaca a posta en escena do Tartufo de Molière, unha obra de grande formato que se estreará o vindeiro 23 de setembro con dez actores sobre as táboas e que dirixirá o catalán Carles Alfaro. Noia enmarcou esta proposta na busca de novos públicos, para os que considera que unha comedia como esta pode resultar especialmente acaída, e mais no desenvolvemento de intercambios artísticos con outras escenas, que marcou como dous dos grandes eixes da súa acción.
Nesta segunda liña, destaca a elevada presenza de obras vencelladas á lusofonía no programa do Centro para os vindeiros meses. Así, a segunda entrega do Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia, xa iniciado coa anterior dirección, levará ás táboas do Salón Teatro O mundo persistente. A dramaturxia do galego Fernando Epelde e a dirección do tamén galego Tito Asorey artellan unha montaxe na que participarán profesionais das dúas bandas da raia.

Canda a esta, a dúas coproducións que abordará o CDG este ano tamén se orientan ao Alén-Miño. Deste xeito, en colaboración co Teatro Oficina e o Centro Cultural Vila Flor de Guimarães, así como da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, levaqrá ás táboas O conto de inverno de William Shakespeare, con dirección do portugués Marcos Barbosa. Vida e morte de Daniel Faria é o título da segunda coprodución do ano, un proxecto que dirixirá Pablo Fidalgo e no que aborda o traballo do poeta místico portugués que dá título á obra. O Teatro Municipal do Porto e o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa son os parceiros nesta iniciativa.

Fefa Noia sinalou tamén a importancia de Dramaturxente, un novo programa que pretende impulsar a posta en escena de autores galegos contemporáneos. Como primeiro paso nesta liña, desenvolveranse o vindeiro mes de xuño unhas xornadas sectoriais en colaboración coa asociación Dramaturga para determinar as necesidades do sector as liñas que pode seguir esta iniciativa. En xeral, a directora do CDG apuntou a importancia que no seu mandato pretende dar á colaboración co sector, cuxos colectivos profesionais estiveron representados no acto de presentación.
Ligazóns externas

Centro Dramático Galego

Ver serie completa
29/04/2022

Seguinte parada: o teatro

O programa de mobilidade do CDG crea unha nova dinámica territorial de asistencia aos espectáculos da compañía pública

11/03/2020

"Temos o reto de levar o CDG cara outro lugar do século XXI"

Fran Núñez, director do CDG, móvese entre a continuidade das liñas de traballo e un novo modelo de proxección galego e internacional do Centro

28/05/2019

Fefa Noia deixa a dirección do CDG

Noia substituíu a Manuel Guede en 2016 e agora pecha o que desde a AAAG consideran unha "etapa convulsa"

21/01/2019

O CDG mantén a aposta pola contemporaneidade

A programación da temporada segue a liña iniciada no pasado ano coa reflexión sobre a identidade

09/01/2018

A identidade no centro da escena

O Centro Dramático Galego propón cuestionar a identidade colectiva galega na súa nova temporada

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego