Lóxicas do patrimonio

Distintos intereses e percepcións determinan en cada momento que elementos é prioritario protexer

Distintos intereses e percepcións determinan en cada momento que elementos é prioritario protexer
Camposanto de mosteiro na neve, de David Friedich (1917).
A evolución á hora de protexer o patrimonio responde a diferentes intereses e sensibilidades. Evitar a destrución ou o espolio dun elemento ou procurarlle un rendemento social ou económico son algunhas das máis habituais. Repasamos algunhas da lóxicas que explican o xeito no que foron mudando os BICs.

As primeiras medidas de protección do patrimonio cultural, alá polo século XIX, eran fundamentalmente defensivas. A ruína que ameazaba a moitos monumentos e o espolio e a venda de moitos outros, sobre todo ao falarmos de bens mobles, motivaron as primeiras medidas legais sobre este suxeito. Segundo nos lembra Begoña Fernández, profesora de Teoría e Lexislación sobre Patrimonio Artístico na Facultade de Historia da Universidade de Santiago, a desamortización de bens relixiosos provocou o abandono e a posterior ruína de moitos templos e mosteiros. "Fai moito dano e é unha das causas de destrución masiva de patrimonio", sinala. Isto explica en boa medida a cantidade de edificios eclesiásticos que se protexen con diferentes figuras nos primeiros tempo da atención lexislativa ao patrimonio cultural. Outro factor que inflúe é a propiedade, que fai máis sinxela a xestión dos bens en colaboración cos posuidores dos bens. "Comézase polo patrimonio que se vencella ao Estado ou a unha institución. Unha vez que se protexe este, pasa a se considerar o patrimonio que está en mans de particulares", lembra esta profesora.

Aperturas internacionais
Canda a estas variacións, outra tendencia clara na nosa lexislación patrimonial é o paso desde a atención a monumentos illados á protección de contornos. É dicir, co tempo un deixa de ser valioso apenas en si mesmo, e pasa a se protexer co seu contexto. Esta evolución chega ata a aparición de conceptos recentes na lexislación como é o de Paisaxe Cultural, figura que se contempla na nova Lei do Patrimonio. Os avances normativos que atopamos nos textos legais non responden unicamente a intereses puntuais dos diferentes gobernos, senón que reflicten tamén as novas concepcións sobre este tema que se xeran a nivel internacional. "A normativa española é o resultado de toda a normativa europea e a nivel mundial no campo do patrimonio. A medida que se van producindo avances teóricos vanse incorporando estas ideas a cada un dos países. A ampliación progresiva do concepto implica a aparición de novas figuras de protección e a creación de novos elementos", explica a profesora Fernández. Acordos internacionais como a Carta de Venecia incidiron no xeito no que se contempla o patrimonio nas nosas leis.

Máis concrección
Na evolución dos nosos BICs, obsérvase tamén como foron desaparecendo as declaracións xenéricas de protección para determinados tipos de monumentos. Estas proteccións, que cubriron todos os cruceiros, hórreos (de máis de cen anos), escudos, petróglifos, castelos ou abrigos rupestres "foron necesarias nun momento determinado", segundo explica Begoña Fernández. No entanto, a evolución no coñecemento do noso patrimonio e, ata certo punto, o menor risco de desaparición de moitos elementos, fan menos necesarias este tipo de declaracións masivas. "Hoxe evolucionamos e penso que non todos os bens que fan parte dunha tipoloxía deberían estar protexidos, se non teñen en si mesmos o valor para acadar a máxima figura de protección. Penso que hai que protexer en función do ben, non da súa tipoloxía", explica. Ademais, en moitos casos, estas declaracións xenéricas non facilitan a xestión do bens que protexen. Ao non axuntar listaxes nin identificar polo miúdo os mesmos non se poden crear perímetros de protección nin indicar cales son as actuacións posibles sobre os mesmos.

Identidades
Canda a isto, non cabe dúbida de que moitas declaracións responden a importante función identitaria que posúe o patrimonio cultural ou ás prioridades políticas de cada período. É dicir, a sociedade ou a Administración, considera que determinados bens representan de xeito especial a súa identidade colectiva. "A política patrimonial de cada momento responde a unha época", lembra a profesora. Así, por exemplo, a protección masiva de castelos e torres defensivas de 1949 relaciónase con que "naquel momento estes monumentos se vinculaban á idea da gloria nacional de España".

Economía
Outro factor que incide na protección patrimonial, especialmente nos últimos anos, é o potencial turístico e económico que poidan ter determinados elementos. Desde cascos históricos ata elementos singulares, en moitos casos os bens patrimoniais supoñen un importante atractivo para os visitantes e poden desempeñar un papel de dinamización económica no seu contorno. "Non hai dúbida de que hoxe o patrimonio converteuse nun recurso de cara á súa utilización de cara ao turismo, e isto non sempre é negativo. De se xestionar axeitadamente pode ser perfectamente válida, e temos aí exemplos como a Alhambra que é un dos principais recursos de Granada", explica Begoña Fernández.