As ruínas de Santo Domingo, en Pontevedra, foron o primeiro BIC declarado en GAlicia
A importancia da Igrexa
Como se pode comprobar, a preeminencia de edificacións relixiosas é enorme nestes primeiros momentos de protección patrimonial. De feito, se contamos os 61 declarados ata a fin de 1939, só temos 10 expedientes que non corresponden a igrexas, conventos ou ruínas deste tipo de edificacións. Para alén da Muralla de Lugo, recoñecéronse neste período a Torre de Hércules, o Pazo Arcebispal de Xelmírez, o Hospital Real (ou Hostal dos Reis Católicos), as Termas de Lugo, o templo de Santa Baia de Bóveda, o Castelo de Monterrei, as Torres do Oeste e, como primeiro castro, as ruínas de Santa Trega.
Conxuntos, territorios… e un monte de castelos
Nos anos corenta detéctase unha maior variedade en canto a monumentos protexidos e aparecen os primeiros recoñecementos para conxuntos históricos, a comezar polo de Compostela. Tamén se inclúen partes das zonas monumentais da Coruña e Lugo, a vila de Ribadavia, o xardín de Padrón (único Xardín Artístico da listaxe), ou o Poboado de Portomarín, que se declara Territorio Histórico en 1946 (o que non salvou a vila de ser anegada polo encoro de Belesar anos despois). Mención aparte merece 1949, ano no que un decreto de protección de castelos a nivel estatal protexe todas cantas torres, castelos e fortalezas estean distribuídas por todo o territorio do Estado. Destas, a listaxe da Xunta marca 170 construcións no noso territorio que obteñen a declaración de BIC neste ano.
Dos Museos ao Camiño
En 1962 incorpóranse unha serie de novidades á listaxe. Considéranse por vez primeira como "monumentos histórico-artísticos" os museos de Belas Artes da Coruña, Provincial de Lugo, Arqueolóxico de Ourense, o do Monte de Santa Trega, o de Pontevedra e o de Castrelos, en Vigo, todo un recoñecemento a estas institucións. O Castro de Elviña é o segundo resto deste tipo protexido (no 63 sumaríase o de Armeá, integrado coa Basílica da Asunción en Santa Mariña de Augas Santas) e entran como Paraxes Pintorescas o Conxunto de parque-xardín e carballeira de Caldas e o Monte Lobeira, en Vilagarcía. Pouco tempo despois sumaríanselles Ancares, o lugar de Chelo e Padrón. No entanto, o máis destacado dese ano é a incorporación do Camiño de Santiago á lista, na forma de Conxunto Histórico-Artístico. Esta sería a primeira de toda unha serie de recoñecementos legais para a Ruta Xacobea, que continúan a día de hoxe cos procesos de delimitación da mesma.
Tempos de conxuntos
Esta categoría, que só se aplicara poucos anos antes ao conxunto histórico de Pontevedra, pasou a ser unha das máis empregadas nas declaracións subseguintes, a tomar o relevo dos diferentes tipos de monumentos como a máis popular. Cascos históricos e zonas de Allariz, Betanzos, Tui, Lugo, Ourense, Monforte, Pazos do Arenteiro ou a Comarca Eumesa, así como algún pazos, igrexas e mesmo os restos da antiga fábrica de Sargadelos obtiveron esta declaración ao longo desta década e dos primeiros anos 70. Despois, semellou pasar de moda, xa que non aparece entre o 75 e o 82. No entanto, desde ese ano e ata o 95 decláranse dez máis, o que a volta facer a máis popular das categorías empregadas nese período. A partir de entón, e xa coa Lei de Patrimonio de Galicia en vigor, volta desaparecer case totalmente. Ocupa o seu lugar, de xeito puntual, a categoría Conxunto Histórico, que pasa a se aplicar ás zonas históricas de Castro Caldelas, Ribadeo, Vigo, Cambados e Ferrol desde entón.
Os petróglifos de Pontevedra
En 1974 outra declaración masiva faría engrosar de xeito impresionante a listaxe de bens coa máxima protección no noso país. Nada menos que 196 monumentos histórico-artísticos se incorporaron á listaxe. O responsable deste masivo recoñecemento é o Decreto 3741/1974 que protexe con esta figura os gravados rupestres da provincia de Pontevedra e os lista polo miúdo. Canda a estes, tamén se recoñeceron ese mesmo ano, coa mesma categoría, a Casa museo de Rosalía de Castro, o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá e a Igrexa de San Pedro de Viveiro. Deste xeito temos que os bens amparados polas dúas declaracións masivas de 1949 e 1974 suman un total de 369, máis da metade dos recollidos na listaxe da Xunta (tiradas duplicidades).
Zonas e contornos
Nos anos oitenta son as zonas arqueolóxicas a que máis destacan no inventario, a protexer elementos que, mesmo sen ser espectaculares ou rechamantes, achegan importante información sobre o noso pasado histórico. A partir do 95 o interese por este tipo de mantense, nun bo número de casos a adaptar á lexislación autonómica declaracións anteriores, e engade os contornos de espazos xa protexidos como unha nova categoría que entra con forza. Deste xeito, o reconto final sitúa ás zonas arqueolóxicas, con 44 bens e os contornos, con 30, como segunda e cuarta categoría máis empregadas para a protección do noso patrimonio. De feito, todos os Bens catalogados como Contorno aparecen nesta listaxe a partir do 95. Semella evidente que nos primeiros anos desde a aprobación da Lei houbo un importante interese por delimitar estes espazos de protección e só en 5 anos incorporáronse 23 dos 30 rexistrados.
As máis recentes
Se ben a gráfica apunta que desde 1995, ano no que se aprobou a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, houbo só 90 aprobacións, debemos sumarlle a estas outras 36 que actualizan zonas arqueolóxicas xa declaradas en 1985 e 12 máis vencelladas á delimitación do Camiño Francés por diferentes concellos. De calquera xeito, de todos os BICs recoñecidos neste período trinta corresponden á delimitación de contornos de bens xa protexidos con anterioridade, polo que ficamos cunha cifra relativamente baixa de novas incorporacións en comparación a períodos anteriores.
Innovacións
Neste último período obsérvanse tamén certas innovacións, como é a incorporación (a máis recente da lista, en 2012), do primeiro ben inmaterial, co que se recoñeceu o conxunto da obra de Castelao. Desde aquela, o recoñecemento das coleccións artísticas e documentais de Abanca e de Afundación e mais do legado de Álvaro Gil supuxo un incremento histórico do número de bens mobles protexidos. Do mesmo xeito, a declaración da fábrica de Sargadelos en Cervo amosa a crecente sensibilidade polo patrimonio industrial e arquitectónico. A inminente aprobación da nova Lei do Patrimonio Cultural, con mencións explícitas a patrimonio subacuático, inmaterial, artístico, arquitectónico, ou á arquitectura moderna fan prever novas incorporacións ata o momento inéditas nesta listaxe. Na mesma liña, a declaración do Entroido ou da Semana Santa como Ben Cultural Inmaterial, ao abeiro da recente lei estatal para protexer este patrimonio abre a vía a novas incorporacións neste sentido.


