A capacidade produtiva dun solo vén determinada polas súas propiedades físicas, químicas e biolóxicas, que a súa vez están condicionadas principalmente polos denominados factores de formación do solo: material xeolóxico, clima, relevo, organismos e tempo. Considérase que unha zona ten unha boa capacidade produtiva cando ten escasa pendente, e o solo non ten limitacións de profundidade e de dispoñibilidade de aire, auga e nutrientes.
Os parámetros climáticos, principalmente a precipitación e a temperatura, afectan a produción vexetal, tanto polo efecto directo sobre a planta como pola influencia que exercen nas propiedades dos solos. De modo xeral, o clima de Galicia pode considerarse temperado- húmido, con invernos suaves e chuviosos e veráns temperados e con escasa precipitación. A temperatura media anual oscila entre 8 e 15 ºC e a precipitación, entre os 600 mm da cunca do Sil ata os máis de 2.000 mm que se recollen en certas áreas montañosas. Os parámetros climáticos teñen importantes variacións dentro do territorio galego, o que inflúe nas características dos solos e afecta de forma directa á produción vexetal. A heteroxeneidade climática de Galicia é consecuencia principalmente da influencia mariña e do relevo, presentando a zona costeira unhas condicións climáticas moi suaves ó longo de todo o ano, que lle permiten a produción dunha gran variedade de plantas e froitos, mentres que nas zonas de montaña se obteñen as condicións máis desfavorables.
As limitacións á produción vexetal relacionadas con parámetros climáticos están asociadas fundamentalmente á seca estival e ó risco de xeadas. As plantas que concentran a maior demanda de auga nos meses de verán, en ausencia de rega, poden ver comprometida seriamente a súa produción, especialmente en solos areosos e de escasa profundidade, xa que o déficit de auga no solo pode iniciarse en xuño e manterse ata ben entrado o mes de outubro. En canto as xeadas, nas zonas de Galicia con altitudes superiores ós 300-400 m, a produción vexetal pode verse afectada polas xeadas tardías (abril ou maio), as máis problemáticas, pois ocorren normalmente despois dun período onde se inicia un ascenso térmico que provoca unha floración anticipada. O 70% do territorio galego ten un período de risco de xeadas superior ós 6 meses, o que limita o ciclo produtivo de moitos cultivos.
En Galicia tense demostrado que a rocha é un factor moi relevante na distribución e nas propiedades dos solos. A litoloxía galega é moi variada (ver mapa), pero máis dun 90% da superficie está ocupada por rochas de composición granítica (45%) (provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña) e rochas que experimentaron un metamorfismo de baixo grao, principalmente xistos e lousas (46%) (ricos en cuarzo na provincia de Lugo e na parte oriental das provincias de A Coruña e Ourense; xistos da Serie de Ordes, en A Coruña). Tamén hai rochas de composición básica como gabros, anfibolitas, granulitas (provincias da Coruña e de Pontevedra, principalmente nas zonas de Moeche, A Capelada, Santiago, Arzúa, Monte Castelo, Bergantiños, Bazar, Lalín, Silleda e Bandeira) ou ultrabásica como dunita e rochas serpentinizadas (5%) (A Capelada, Moeche, Melide, Bandeira, Bazar) e sedimentos de distinta textura, composición e idade (4%) (cubetas terciarias de Monforte, Terra Chá, Sarria, Samos, Verín, Maceda, A Limia, depresións asociadas a antigas fracturas como Budiño, Ortoño, As Pontes ou Meirama, sedimentos cuaternarios de tipo eólicos, aluvial ou mariño). Outros materiais orixinais que hai puntualmente son cuarcitas, arenitos e calizas, que adoitan presentárense intercaladas entre os materiais do Paleozoico de Lugo. A composición química da rocha determina que elementos herda o solo dela, mentres que a composición mineralóxica, o grao de fraturamento e a tectónica da zona inflúen na alterabilidade da mesma e, polo tanto, na profundidade do solo e na existencia de fraccións grosas ou finas (textura).
O relevo tamén condiciona fortemente a produtividade do solo, pois afecta principalmente a súa profundidade e a dinámica da auga. En Galicia é moi accidentado, con superficies a diferentes niveis de altitude, ocupando a maior extensión (preto do 52%) as comprendidas entre 200 e 600 m, seguidas das situadas entre 600 e 1.000 m; por debaixo dos 200 m atópase a zona litoral e encima dos 1.000 m están as serras orientais.
A interacción, principalmente, de clima, rocha e topografía condiciona a produtividade do solo. Un 39% dos solos de Galicia teñen unha profundidade tan escasa (< 50 cm) que limita o enraizamento profundo que precisan algunhas planta. Moitos solos teñen un escaso espesor porque a rocha é dificilmente alterable (cuarcitas, granitos pouco tectonizados, algunhas lousas), atopándose os de maior profundidade (máis de 1 m) sobre rochas básicas (gabros, anfibolitas) e xistos da Serie de Ordes. Outras veces os solos son delgados pola excesiva pendente ou a localización na zona de retroceso da vertente (cume, reborde), o que favorece o rexuvenecemento continuo do solo por erosión, de modo que se a rocha é resistente á alteración, pode aflorar. A súa vez, a pendente está influenciada pola natureza das rochas e o seu grao de tectonización. En xeral as rochas básicas e os xistos da Serie de Ordes orixinan paisaxes suaves, mentres que nas rochas ácidas a pendente é máis pronunciada. Un 13% das terras de Galicia teñen pendentes por riba do 20% ou afloramentos rochosos, o que limita fortemente o cultivo. A rocha tamén inflúe na textura dos solos, nos formados sobre rochas duras predominan as fraccións grosas, polo que teñen menor capacidade de retención de auga e maior problema coa seca estival que aqueles que se formaron sobre rochas facilmente alterables e que polo tanto son de texturas máis finas. Nestes últimos, nas zonas de depresións pódense formar solos hidromorfos e, nalgúns casos, turbeiras pois a ausencia de osíxeno e as baixas temperaturas favorecen a acumulación de materia orgánica, como ocorre nas serras do Xistral, dos Ancares ou Manzaneda.
Ás limitacións químicas dos solos de Galicia están relacionadas coa natureza do material orixinal e/ou co efecto do lavado motivado polas altas precipitacións e a ba drenaxe. En Galicia a precipitación predomina sobre a evapotranspiración durante boa parte do ano, o que provoca un movemento descendente da auga dentro do solo. Isto, unido a unha boa drenaxe, fai que os produtos máis solubles (haluros) e os de solubilidade media (carbonatos) sexan eliminados nas augas de drenaxe, xunto cos elementos máis móbiles como o calcio (Ca), o magnesio (Mg), o sodio (Na) e o potasio (K) (catións básicos), provocando un descenso do pH, e enriquecendo os solos en aluminio (Al), ferro (Fe) e silicio (Si), elementos menos solubles que forman o sistema residual. Este proceso é máis rápido nos solos derivados de rochas ácidas, pero ó sistema residual tamén se chega co paso do tempo nos solos sobre rochas básicas.
Polo tanto, a elevada precipitación e a rápida perda de bases explica o carácter ácido que teñen a maior parte dos solos de Galicia, incluso os formados a partir de rochas de carácter básico. Nestes solos predominan na fracción fina as arxilas de baixa relación SiO2/Al2O3 (maioritariamente de 1, arxilas 1:1), as cales presentan na súa superficie unha carga que varía co pH, sendo positiva en medios moi ácidos e negativa a partir dun certo valor de pH (sobre 5 ou 5,5, dependendo do coloide). Xa que logo, ó pH habitual dos solos de Galicia hai poucas cargas negativas, mesmo hai cargas positivas, polo que a capacidade para reter catións é pequena (baixa capacidade de cambio), o que provoca unha escasa reserva dos nutrientes que absorbe a planta en forma catiónica (macronutrientes como Ca, Mg e K). A isto habería que engadir que sobre esas superficies cargadas positivamente pódense fixar fortemente algúns nutrientes que a planta toma en forma aniónica como é o caso do P, S ou do Mo, proceso especialmente intenso nos solos novos sobre rochas básicas. Ademais, nestes medios o Al é altamente soluble e ocupa a maior parte das cargas negativas existentes nos coloides, saturando o complexo de cambio (conxunto de cargas negativas) frecuentemente en máis dun 60%, saturación que non soportan a maioría das plantas de cultivo (algunhas como a alfalfa non soportan máis do 10%).
A modo de síntese, as maiores deficiencias que presentan os solos de Galicia no tocante á fertilidade química son a forte acidez, a baixa capacidade de intercambio catiónico ó pH do solo, o elevado contido de Al en posicións de cambio, a fixación de fósforo (P), xofre (S) e molibdeno (Mo) e o retardo do paso do nitróxeno orgánico a formas inorgánicas. Sobre rochas graníticas pode haber fixación de K polas arxilas, mentres os solos sobre rochas básicas teñen déficit deste elemento porque non o hai nos minerais primarios. Estas limitacións químicas son facilmente modificables a través da adición de cal e fertilizantes, que ha de facerse de modo racional para evitar procesos de degradación que poderían comprometer seriamente a fertilidade dos nosos solos.

A rocha é un factor moi relevante na distribución e nas propiedades dos solos galegos

O relevo tamén é un forte condicionante: afecta a profundidade e a dinámica da auga
O relevo tamén condiciona fortemente a produtividade do solo, pois afecta principalmente a súa profundidade e a dinámica da auga. En Galicia é moi accidentado, con superficies a diferentes niveis de altitude, ocupando a maior extensión (preto do 52%) as comprendidas entre 200 e 600 m, seguidas das situadas entre 600 e 1.000 m; por debaixo dos 200 m atópase a zona litoral e encima dos 1.000 m están as serras orientais.
Un 39% dos solos de Galicia teñen unha profundidade tan escasa que limita o enraizamento que precisan algunhas planta
A interacción, principalmente, de clima, rocha e topografía condiciona a produtividade do solo. Un 39% dos solos de Galicia teñen unha profundidade tan escasa (< 50 cm) que limita o enraizamento profundo que precisan algunhas planta. Moitos solos teñen un escaso espesor porque a rocha é dificilmente alterable (cuarcitas, granitos pouco tectonizados, algunhas lousas), atopándose os de maior profundidade (máis de 1 m) sobre rochas básicas (gabros, anfibolitas) e xistos da Serie de Ordes. Outras veces os solos son delgados pola excesiva pendente ou a localización na zona de retroceso da vertente (cume, reborde), o que favorece o rexuvenecemento continuo do solo por erosión, de modo que se a rocha é resistente á alteración, pode aflorar. A súa vez, a pendente está influenciada pola natureza das rochas e o seu grao de tectonización. En xeral as rochas básicas e os xistos da Serie de Ordes orixinan paisaxes suaves, mentres que nas rochas ácidas a pendente é máis pronunciada. Un 13% das terras de Galicia teñen pendentes por riba do 20% ou afloramentos rochosos, o que limita fortemente o cultivo. A rocha tamén inflúe na textura dos solos, nos formados sobre rochas duras predominan as fraccións grosas, polo que teñen menor capacidade de retención de auga e maior problema coa seca estival que aqueles que se formaron sobre rochas facilmente alterables e que polo tanto son de texturas máis finas. Nestes últimos, nas zonas de depresións pódense formar solos hidromorfos e, nalgúns casos, turbeiras pois a ausencia de osíxeno e as baixas temperaturas favorecen a acumulación de materia orgánica, como ocorre nas serras do Xistral, dos Ancares ou Manzaneda.
Ás limitacións químicas dos solos de Galicia están relacionadas coa natureza do material orixinal e/ou co efecto do lavado motivado polas altas precipitacións e a ba drenaxe. En Galicia a precipitación predomina sobre a evapotranspiración durante boa parte do ano, o que provoca un movemento descendente da auga dentro do solo. Isto, unido a unha boa drenaxe, fai que os produtos máis solubles (haluros) e os de solubilidade media (carbonatos) sexan eliminados nas augas de drenaxe, xunto cos elementos máis móbiles como o calcio (Ca), o magnesio (Mg), o sodio (Na) e o potasio (K) (catións básicos), provocando un descenso do pH, e enriquecendo os solos en aluminio (Al), ferro (Fe) e silicio (Si), elementos menos solubles que forman o sistema residual. Este proceso é máis rápido nos solos derivados de rochas ácidas, pero ó sistema residual tamén se chega co paso do tempo nos solos sobre rochas básicas.
A forte acidez é unha das maiores deficiencias do solo de Galicia no tocante á fertilidade química
Polo tanto, a elevada precipitación e a rápida perda de bases explica o carácter ácido que teñen a maior parte dos solos de Galicia, incluso os formados a partir de rochas de carácter básico. Nestes solos predominan na fracción fina as arxilas de baixa relación SiO2/Al2O3 (maioritariamente de 1, arxilas 1:1), as cales presentan na súa superficie unha carga que varía co pH, sendo positiva en medios moi ácidos e negativa a partir dun certo valor de pH (sobre 5 ou 5,5, dependendo do coloide). Xa que logo, ó pH habitual dos solos de Galicia hai poucas cargas negativas, mesmo hai cargas positivas, polo que a capacidade para reter catións é pequena (baixa capacidade de cambio), o que provoca unha escasa reserva dos nutrientes que absorbe a planta en forma catiónica (macronutrientes como Ca, Mg e K). A isto habería que engadir que sobre esas superficies cargadas positivamente pódense fixar fortemente algúns nutrientes que a planta toma en forma aniónica como é o caso do P, S ou do Mo, proceso especialmente intenso nos solos novos sobre rochas básicas. Ademais, nestes medios o Al é altamente soluble e ocupa a maior parte das cargas negativas existentes nos coloides, saturando o complexo de cambio (conxunto de cargas negativas) frecuentemente en máis dun 60%, saturación que non soportan a maioría das plantas de cultivo (algunhas como a alfalfa non soportan máis do 10%).
A modo de síntese, as maiores deficiencias que presentan os solos de Galicia no tocante á fertilidade química son a forte acidez, a baixa capacidade de intercambio catiónico ó pH do solo, o elevado contido de Al en posicións de cambio, a fixación de fósforo (P), xofre (S) e molibdeno (Mo) e o retardo do paso do nitróxeno orgánico a formas inorgánicas. Sobre rochas graníticas pode haber fixación de K polas arxilas, mentres os solos sobre rochas básicas teñen déficit deste elemento porque non o hai nos minerais primarios. Estas limitacións químicas son facilmente modificables a través da adición de cal e fertilizantes, que ha de facerse de modo racional para evitar procesos de degradación que poderían comprometer seriamente a fertilidade dos nosos solos.
Escrito por Esperanza Álvarez
Profesora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC.