A pegada do lume

Un repaso ás consecuencias dos incendios sobre o noso solo

Un repaso ás consecuencias dos incendios sobre o noso solo
Foto: Kiko Delgado
Cando se mira a coñecida augada de Castelao O Paraño pódese aprezar nela, cos trazos do dramático realismo do rianxeiro, como un pequeno outeiro verde cunha ducia de castiñeiros e catro casas sobrevive sobre un impresionante fondo de pendentes ermas e baleiras de solo. Estes montes espidos que perderon toda a súa capacidade produtiva son a consecuencia dun proceso de erosión do solo, lento e persistente, que aconteceu hai xa moitos anos como resultado da acción do lume.

Probablemente, as estivadas que teimaron en ciclos recorrentes de poñer en valor as terras mediante a queima da vexetación que amparaba o solo foron a súa causa primeira cando as chuvias intensas dos outonos e invernos caeron sobre os solos espidos e fráxiles que deixa o paso do lume.

Tamén é posible que incendios forestais ventureiros teñan incidido dun xeito negativo sobre estes solos, pois hai documentos do século XVII que sinalaban que había anos en que en determinadas zonas de Galicia “ardían todos los montes”. En calquera caso, sexa unha ou outra a causa, o que si semella evidente é que a finais do XVII e principios do XVIII as rías do Cantábrico (e probablemente tamén as do Atlántico) sufriron un proceso acelerado de atoamento como consecuencia da erosión dos montes polo lume que complicaron a súa navegabilidade, circunstancia da que se laiaba en 1802 o Marqués de Sargadelos: las aguas de las riadas que suceden a las quemas, libres de los estorbos de las malezas que antes las detenían, se precipitan con violencia, arrastran y llevan consigo las cenizas y todo lo que es movible hasta llegar al barro o a la peña .

O Marqués de Sargadelos xa se laiaba en 1802 da erosión dos montes polos lumes, que chegaba a atoar as rías


Máis recentemente, a partir da década dos oitenta do pasado século, comezaron a realizarse estudos científicos sobre a incidencia dos incendios en Galicia na erosión do solo. Viñan de acontecer os episodios dos anos 1979 e 1981, nos que arderan máis de 100.000 hectáreas (despois ainda viría o 1989 con case 200.000 has. queimadas). Durante dous anos e con métodos bastante rudimentarios (os clásicos pin-erosion púidose demostrar como a erosión podía chegar a eliminar nese período ata 100 toneladas por hectárea de solo. E, como eran sobre todo os primeiros meses de chuvia do inverno, nos que se producía a maior porcentaxe desta perda de solo. Tamén se puido demostrar a estreita relación que existía entre a erosión e a desaparición da cuberta vexetal.

A finais da década dos oitenta, os investigadores do solo galego, tiveron a oportunidade de incorporarse ao primeiro estudo multinacional (España, Italia, Francia, Grecia e Alemania) que poñía en marcha a Unión Europea para o estudo desta problemática, que naquela altura estaba xa a crear unha alarma evidente nos países do contorno do Mediterráneo. Isto permitiu a utilización de métodos moito máis adiantados de estudo, como foi a instalación en Galicia de dúas baterías de parcelas tipo USDA (o método de referencia a nivel mundial para o estudo da erosión do solo) así como doutras técnicas actuais como as medidas paleomagnéticas. Nesas parcelas se puido constatar que as primeiras estimacións da erosión como consecuencia do lume estaban sobredimensionadas e que unha medida máis próxima a realidade era a de perdas de ata 20 toneladas por hectárea, situándose a maioría dos incendios en valores inferiores ás 10 tm/ha. De todas maneiras, púidose tamén demostrar que a práctica das estivadas tradicionais era moito máis agresiva, pois se chegaron a medir perdas do orde das 50 tm/ha.

Comprobouse que a práctica das estivadas tradicionais era moito máis agresiva: chegaron a medirse perdas de 50 toneladas por hectárea


Estudos posteriores puxeron en evidencia o papel protector da vexetación, de tal xeito que con cubertas do solo do 60% xa se tiña controlado a maior parte da erosión. Tamén se puido constatar que a resistencia do solo ao impacto da chuvia ou dos escoamentos superficiais dependía moito do seu contido en materia orgánica así como do entramado de raíces que tiña na súa capa máis superficial.

Aínda que a erosión era o efecto máis grave dos incendios sobre os solos, pois supoñía a perda total deste recurso, tampouco se podían ignorar os efectos negativos que xeraba sobre a fertilidade química. De feito, a calor que orixinan os incendios mobiliza e fai máis solubles moitos dos elementos fertilizantes que se atopan nos solos e que en condicións normais están en formas non facilmente asimilables polas plantas. Esta que é a razón e orixe dos efectos favorables das estivadas sobre a fertilidade dos solos, é a que desencadea tamén unhas maiores perdas por lavado destes elementos nutritivos. Os valores promedio destas perdas de elementos nutritivos estarían da orde dos 300 kg/ha ano de potasio, 100 de nitróxeno e 1 de fósforo. Para ter unha idea do significado deste valores abondaría con sinalar que o nitróxeno que necesita unha boa colleita de millo ou de herba estaría nos 50 kg/ha de nitróxeno, as 40 de fósforo e as 20 de potasio.

Finalmente, habería que concluír que estes coñecementos serven tamén para establecer as medidas correctoras precisas para prever a erosión dos solos queimados. Consonte coa necesidade de restablecer unha cuberta protectora o máis rápido posible desmostrouse que unha das prácticas máis eficaces é a de espallar sobre o solo queimado mediante medios manuais ou aéreos unha capa de palla. Cómpre actuar canto antes, pois anos como o actual, no que as chuvias intensas chegaron con excesivo adianto, mesmo a finais do verán, fan practicamente ineficaces estas medidas.

Francisco Díaz-Fierros
Catedrático Emérito de Edafoloxía da USC. Vicepresidente do Consello da Cultura Galega.