As contas da cultura: Reorientacións patrimoniais

O peso do persoal e a redistribución de partidas limita o crecemento dos programas culturais

O peso do persoal e a redistribución de partidas limita o crecemento dos programas culturais
A orde do caos, por David Inclán
A Cidade da Cultura e os maiores gastos en persoal neutralizan nunha grande medida os incrementos orzamentarios nos programas do campo da cultura para 2016. No campo do patrimonio, as contas apostan pola recuperación de edificios e de infraestruturas mentres baixan as transferencias a concellos en distintos apartados e continúa o recorte en apoio a entidades sen ánimo de lucro. Completamos o noso repaso do proxecto de orzamentos para 2016.

Redistribución en patrimonio
Un recorte de máis de 800.000 euros marca os orzamentos do programa dedicado a Protección e promoción do Patrimonio Histórico, Artístico e Cultural nas contas para 2016, que pasa de 13.683.366 a 12.834.588. A rebaixa sorprende ante o mantemento e o incremento dos fondos xerais orientados á cultura. No entanto, unha importante rebaixa nos gastos do persoal adscrito a este programa, que pasan de máis de 10 millóns de euros a 7,6 explica en certa medida este descenso e, en teoría, permitiría manter os niveis de investimento dos diferentes apartados. No entanto, detéctase o reparto dos recursos que leva a un incremento das partidas orientadas a recuperar edificios, infraestruturas e bens da Igrexa e unha mingua no apoio a concellos e en apartados como a arqueoloxía e os bens mobles.

En concreto, e a partida de "intervencións no patrimonio cultural e nas infraestruturas culturais" a que máis medra neste programa, xa que pasa dos 632.981 euros con que estaba dotada o pasado ano a 1.473.497, máis do dobre. De xeito similar, unha sección que acada un importante incremento é a destinada a intervencións en edificios e outras construcións, que sobe nunha porcentaxe similar, de 1.155.496 a 2.221.651 euros. Canda a estas, a dotación do convenio coa igrexa para intervención no patrimonio artístico da súa titularidade é outro dos apartados que medra e pasa de 120.000 a 335.000.

Fican sen cambio nengún as axudas a entidade sen ánimo de lucro no campo patrimonial (133.334 euros), os fondos orientados a exposicións e artes plásticas (105.000) e mais os cartos para a adquisición de bens culturais (208.938). No campo das intervencións arqueolóxicas mantense o apoio a empresas (25.000 euros), e as axudas (25.000) para a realización deste tipo de prospeccións, mentres as entidades sen ánimo de lucro poderán optar de novo a 10.000 para a protección do patrimonio cultural.

Pola contra, descenden en xeral os investimentos para restauración e conservación en diferentes apartados. Así, baixa á metade, 50.000 euros, o investimento na conservación e restauración a pintura, murais e retablos, e a de conservación protección de consolidación de xacementos arqueolóxicos pasa de 250.000 a 100.000 euros. As transferencias a corporacións locais para conservación do patrimonio cultural afúndense nas contas de 2016, e pasan de 305.000 euros a apenas 90.000. Ao tempo, a partida para promoción, catalogación e inventario tamén se ve severamente recortada, e pasa de 428.748 euros a 378.748

Actividades culturais
A adscrición da Cidade da Cultura ao programa de Fomento das Actividades culturais explica, como xa comentamos o importante incremento de fondos deste apartado, no que tamén se integran as transferencias que manteñen a Axencia Galega das Industrias Culturais e mais o Centro Galego de Arte Contemporánea. Deste xeito, fóra de partidas xa analizadas como as de Promoción e Difusión Cultural, que se manteñen, detéctase un recorte xeral nas propostas deste programa.

A seguir unha tendencia que se mantén varios anos, os fondos para actividades de entidades sen ánimo de lucro volven a se recortar, e baixan ata 369.493, fronte aos 544.493 de 2015 ou os 601.422 do ano anterior. As "axudas a institucións culturais" pola súa banda mantéñense conxeladas nos xa habituais 60.100 euros. Do mesmo xeito que no campo patrimonial, tamén descenden os investimentos en concellos neste programa. Fano lixeiramente no apartado de construcións e equipamentos, que pasa de 1.542.000 a pouco máis de 1,5 millóns e dun xeito máis acusado nos convenios en materia de cultura, para os que só hai dispoñibles 175.000 euros fronte aos 250.000 de 2015.

Máis gastos de persoal en museos e bibliotecas
A destacada suba orzamentaria que se dá no programa dedicado a bibliotecas, arquivos, museos e equipamentos culturais, que pasa de 14.361.204 a 17.708.421 fica maioritariamente absorbida polos gastos de persoal, que se incrementan de 7,5 millóns de euros a algo máis de 10. Explícase así que na maior parte dos investimentos que reflicten as contas se verifiquen descensos. Así, por exemplo, as actividades difusoras de museos e infraestruturas culturais pasan a contar con 410.560 euros fronte aos 583.560 deste ano. Baixa tamén o orzamento para difusión de museos de actividades culturais (de 583.560 euros a 410.560) e a partida para a restauración de patrimonio moble e documental (de 84.000 a 70.000). Mantéñense sen cambios o investimento en novos museos e centros de interpretación (20.000 euros) e mais en promoción da lectura (200.000). Os incrementos céntranse nos apartados de actividades de animación á lectura, que contan con 240.000 euros (40.000 máis que en 2015), e mais nas actividades "difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental", que case triplican a súa contía e acadan 141.250 euros. Non se pode esquecer que neste programa intégranse tamén importantes axudas ao libro galego, como xa comentamos na nosa anterior reportaxe, que manteñen maioritariamente as súas contías.

Apoios directos sen cambios
As axudas directas a entidades e museos que dependen de diferentes programas mantéñense sen variacións, agás o xa comentado caso da Cidade Cultura. Así, o Consorcio de Santiago recibirá de novo 2.684.413 euros, a Real Academia, como xa comentamos, continúa co mesmo orzamento, a Real Academia Galega de Belas Artes mantén os seus 40.000 euros, o MARCO de Vigo contará de novo con 100.000, a Fundación Camilo José Cela con 257.294, o Museo do Pobo con 297.800 e o Padroado de Sargadelos 30.000. Pola súa banda, o Museo do Mar conta de novo con 731.868 para o seu funcionamento.

Repaso
Así pois, pódese comprobar como o peso da Cidade de Cultura e mais dos gastos de persoal concentran o incremento de máis do 7% que sofren os programas vencellados á cultural. Fóra destes, obsérvase como o incremento que se dera neste último ano no apoio a concellos para actividades culturais e patrimonio, a coincidir cun ano de eleccións locais, comeza a baixar nas contas. De xeito paralelo, redúcese o apoio a entidades do terceiro sector no campo das actividades, mentres semella consolidarse o financiamento para propostas deste tipo no campo do patrimonio. Destaca tamén o incremento económico que reciben en xeral as iniciativas de promoción e difusión da cultura tales como as feiras internacionais do libro, difusión de arquivos e as actividades de animación á lectura.