As contas da cultura: unha pausa nos recortes?

Os orzamentos de 2016 manteñen as contias de moitos investimentos en ámbitos culturais

Os orzamentos de 2016 manteñen as contias de moitos investimentos en ámbitos culturais
As contas para a Cultura medran. O proxecto de orzamentos para 2016 que presentaba onte a Xunta prevé un incremento xeral dos programas adscritos a este ámbito, que acadan 61.982.435 euros fronte aos 57.743.500 do ano actual. En total, un 7,3% máis de fondos. Dentro destes, é de destacar o xeito no que a Cidade da Cultura recupera peso nos fondos que a Xunta de Galicia prevé destinar a Cultura en 2016.

A Consellaría de Facenda acaba de facer público o proxecto de Orzamentos para Comunidade Autónoma para 2016. Pendentes de superar o trámite parlamentario, as previsións económicas do goberno preséntanse como "as primeiras contas expansivas da Administración galega dende 2008". Os 8.804 millóns de euros dos que disporá o gobernó galego en 2016 supoñen un 4,3 por cento máis do que neste ano. Nos programas adscritos a Cultura, o crecemento é de algo máis de 4 millóns de euros, un 7,3% do que en 2015.

Histórico de orzamentos dos programas adscribibles a Cultura



Distribución dos orzamentos da Xunta de Galicia, por programas adscribibles a Cultura. 2016



A Cidade da Cultura volta cobrar protagonismo nas contas da Consellaría, e concentra un destacado incremento de recursos. Así, a Fundación que xestiona o complexo do Gaiás recibirá o vindeiro ano 9.092.989 euros, dos cales 5.430.052 corresponden con transferencias correntes e 3.662.937 coas de capital. Isto supón un incremento de case un millón de euros no primeiro destes apartados e doutro tanto no segundo, que daban os 6.716.168 cos que se sostivo a entidade en 2015. As contas da Fundación pasan do programa de Dirección e Servizos Xerais de Cultura ao de Fomento das Actividades Culturais, o que explica o acusado descenso dos fondos dedicados ao primeiro destes apartados e o incremento, case equivalente, do segundo.

A lingua deixa de caer
Como novidade nos orzamentos de 2016, non se prevén novas minguas nos fondos do programa Fomento da Lingua Galega logo de continuos recortes. No entanto, o incremento orzamental deste apartado é mínimo, xa que pasa de 6.740.182 en 2015 a 6.756.815 nas previsións para o vindeiro ano. Ademais, non semella repercutir nas principais liñas de acción do programa, de xeito que os fondos previstos para campañas de normalización mantéñense con 834.739, ao igual que os cartos previstos para cursos e actividades de formación, que fican con 500.000 euros. Tamén quedan sen cambios as subvencións á edición de proxectos en lingua galega con 170.000 euros, e os fondos para campañas de promoción do galego para empresas privadas, que suman 700.000 euros. As previsións de 487.570 euros para estudos e traballos de investigación, que subiran nos anteriores orzamentos repítense, como tamén o fan as de cursos e actividades formación, con medio millón. A nivel de proxección exterior, continúa a súa lixeira liña ascendente o investimento na creación de leitorados e centros de estudos galegos, que pasan de 273.416 a 274.416 euros.

A Xunta mantén neste apartado a súa achega ao financiamento da Real Academia Galega, que segue a ser de 475.000 euros orientados a accións culturais e de investigación e outros 45.000 para investimentos.

AGADIC modera o seu crecemento
As contas para 2016 manteñen a aposta da Xunta pola Axencia Galega das Industrias Culturais, aínda que desta volta, por vez primeira logo de varios anos de incrementos, a cifra final diminúe minimamente a respecto deste ano. Así, serán 10.379.154 os euros que xestionará Jacobo Sutil a dirixir esta entidade fronte aos 10.385.409 de 2015. No entanto, o maior peso na distribución destes fondos que obteñen as transferencias de capital fronte aos gastos correntes permite un incremento de 70.000 euros nos fondos de que disporá para as súas actividades e convocatorias.

CGAC
Santiago Olmo, flamante director do CGAC, non contará con moitos máis fondos do que os seus predecesores máis recentes. Os orzamentos para 2016 recortan en preto de 20.000 euros as previsións para o funcionamento do centro, a deixalas en 750.000 logo do ascenso do pasado ano. Do mesmo xeito, o recorte que se aplicara ás publicación da entidade, mantense, e só haberá 3.414 euros neste apartado, fronte aos 40.000 que tiña hai dous exercicios. A única partida que sobe é a destinada a adquisición de obra; 59.000 euros fronte aos 35.000 do ano pasado seguen a ficar moi lonxe dos 200.000 da altura de 2011.

Máis apoio ao libro no exterior
Os recortes non afectan, logo de varios descensos, aos fondos destinados á Edición do Libro en Galego que saen do programa de Bibliotecas e que se manteñen en 348.860 euros. Tampouco mudan os apoios directos á edición, promoción e difusión do libro, que fican en 210.000 euros. Outra das grandes partidas que sosteñen esta industria, a de adquisición de lotes fundacionais e fondos para as bibliotecas si sofre, no entanto, unha merma de 40.000 euros e fica con 560.000. A estes apartados súmanse os xa comentados 170.000 euros de política lingüística, que polo xeral se destinan a apoiar a edición de materiais didácticos na nosa lingua.

A tan anunciada aposta pola proxección exterior ás nosas empresas semella verse reflectida nos fondos que van á presenza en feiras internacionais do libro. Así, desta volta serán 400.000, fronte aos 150.000 euros dos últimos exercicios, os fondos destinados a este fin. A coincidencia coa presenza de Compostela como cidade convidada na Feira do Libro de Bos Aires pode estar tamén detrás deste destacado incremento, o principal arredor do libro. Mantén o seu orzamento o apoio á Feiras do Libro que se celebran no país. Corenta mil euros soben as previsións para campañas de animación á lectura, que fican con 240.000, mentres se manteñen os 56.000 destinados a difusión e publicacións culturais e mais os 250.000 de actividades de promoción e difusión cultural.

Seguiremos en vindeiras reportaxes as nosas análises das contas previstas para cultura de 2016, a atender ao apoio a diferentes entidades privadas, museos e políticas sobre o patrimonio.

Orzamento por programas no web da Consellaría de Facenda.