Comunicación entre tres augas

Blanca Berasátegui comentou con nós a evolución e os retos do xornalismo cultural

Blanca Berasátegui comentou con nós a evolución e os retos do xornalismo cultural
Por unha banda, unha democratización que multiplica os axentes e que corre o risco de banalizar os contidos. Pola outra, unha perspectiva cada vez máis difusa e máis ampla do que se considera cultura. Para rematar, unha industria cultural cada vez máis presente. O xornalismo cultural debátese entre fortes e complexas tensións. Para analizar esta situación, entrevistamos a Blanca Berasátegui, actual directora da revista El Cultural cunha ampla carreira ás súas costas e que participou na xornada Cultura e comunicación na Europa do século XXI do Consello da Cultura Galega


Conferencia de Blanca Berasátegui na xornada Cultura e comunicación na Europa do século XXI

Ata que punto considera que se está a democratizar a cultura?
Eu penso que se produce esta democratización sobre todo porque a cultura chega a máis xente. Logo as redes sociais e as novas tecnoloxías están a permitir que cheguen as mesmas cousas a todo o mundo ao mesmo tempo. Non hai centro nin periferias e pódese acceder máis facilmente aos bens culturais. Isto pode ter unha parte negativa, no sentido de que pode ter baixado o nivel. Esta é a cuestión para min, democratizouse pero temos que ver a qué prezo, se se "abaratou" ou rebaixou o nivel para a comprensión da maioría. E eun penso que en moitos aspectos si. A min sempre me interesou saír do gueto e baixar á praza pública, aínda que na praza haxa máis caos e algarabía, é algo moi positivo. A medida que pasan os anos cada vez compénsame menos traballar para uns poucos, prefiro atraer a atención de xente nova, non ficar nos escritores e a xente do oficio.

Un fenómeno que estamos a ver nos últimos tempos é mestura entre cultura e entretemento.
Efectivamente. Nós movémonos entre a cultura do espectáculo e do entretemento e a cultura rigorosa. Ese é o dilema que temos os medios que queremos facer as cousas ben e a quen nos importa moito manter un rigor e unha honestidade. Non cabe dúbida de que o entretemento marca a pauta, e a miúdo mídese o éxito polo entretemento que produce un proxecto ou polo número de xente ao que chega. Pero temos que tentar compaxinar e compatibilizar a difusión coa calidade, e que a valoración artística non se confunda coa valoración económica.

En paralelo semella que produce unha ampliación do concepto de cultura, ou cando menos dos temas que debe tratar a información cultural. Videoxogos, divulgación científica e outras propostas vanse integrando nestes espazos.
Non serei eu quen poña barreiras a iso, desde logo está claro que a cultura rachou as súas costuras e agora é un campo impreciso. O filósofo Javier Gomá preocúpase por iso, e sinala que hai moitos tipos de cultura. Agora abríronse portas ao campo e hai bastante confusión. Eu síntome na obriga de tentar xerarquizar un pouco, penso que cómpre pór algo de orde e seguir unhas pautas de calidade. Para iso hai que se rodear dunha serie de persoas ás que lles damos criterio. Son filósofos, escritores ou críticos. Pero medios como o meu, que non son xeralistas, teñen que saber xerarquizar e arriscarse a iso. Tentar atraer a atención do curioso sen desprezar en absoluto os artistas.

Fronte a esa aparente democratización, está a se dar unha concentración crecente das industrias culturais que tamén afecta aos medios. Como modifica iso o xeito de traballar?
Eu creo sinceramente que o xornalista cultural é responsable en boa medida do bo e do malo que lle aconteza á cultura, porque somos os seus principais catalizadores. Nese sentido facemos parte dunha cadea que comeza cos artistas, continúa con nós e co medio que difunde o contido ata que chega ao público. O que acontece é que existen baremos e niveis nesa mediación. O feito de que o mercado marca a pauta e que as grandes concentracións de poder tamén o fan está claro. Pero hai que ser consciente diso e tentar atender, no meu caso por exemplo, as pequenas editoriais. Están a nacer moitas e moi boas, de xeito que conviven as dúas cousas. Non podemos deixarnos arrastrar polos grandes poderes, porque o outro tamén existe, e moito. Estamos rodeados de dinamizadores culturais, de xente do mundo teatral que traballan con moi poucos recursos e pouca repercusión, ou de artistas e editores que están a facer cousas moi interesantes. Nós somos un medio relativamente pequeno, e somos conscientes de que un premio Nobel escribe un libro e ao mellor o crítico pono mal, porque considera que non está ao nivel doutros do autor. Pero como podemos loitar contra cinco minutos no telediario sobre esa mesma cuestión? A nosa obriga é facer o que penso que debo facer, que é falar del e dicir que é malo. Tamén se pode non falar do tema ou deixar a opinión para cando as cousas chegan a un nivel de fenómeno sociolóxico. Se non, hai que elixir, e falar doutras cousas, que hai moitas e boas.

Como ve a evolución do xornalismo cultural desde a súa experiencia?
O labor faise moi difícil. A industria cultural e os excesos do mercado complicounos moito o traballo. Eu levo corenta anos a traballar e ao comezo non era así para nada. Ten as súas cousas boas, porque antes eramos catro gatos e agora non, pero faise máis difícil compatibilizar o rigor e o bo facer con conseguir que non nos fechen a revista, porque hai que ser rendible, aí é onde está a maior liberdade.

A maior mudanza foi por suposto a aparición de Internet. Hoxe non podo nin imaxinar como puiden facer a metade da miña vida profesional sen Internet. Mudounos para ben e púxonos no mundo. Antes non había xeito de nos decatar do que pasaba en Latinoamérica, tendo o mesmo idioma, xa non falemos de África ou de Asia. Logo, sen ser eu puritana, non cargo sobre a industria cultural, que ten cousas boas. É bo que se vendan máis libros, e haxa editores, e que se fale de libros, de arte e de exposicións. O problema é que só uns poucos copen iso. É marabilloso que un escritor apareza no Telexornal, e tería que se falar a diario de escritores, pero que se fale un día xa é positivo. O que cargo é contra os escesos e a terxiversación que produce ás veces o mercado. A nós a industria cultural complicounos a vida, os nosos críticos nunca tiveran que loitar tan vehementemente contra as terxiversacións do mercado. Se esta cultura do entretemento fose un primeiro banzo para ascender a outros ámbitos daríaa por boa. Se consegue que xente que nunca lera un libro ou fora unha exposición os descobre e vai subindo aos poucos, pois benvido sexa. Pero seguramente a maioría vai ficar no espectáculo e iso si que o atopo negativo.

Nos meus comezos, ao ser poucos, había moitas vantaxes. Coñecías directamente os creadores, e de feito estabamos practicamente sos os creadores e os xornalistas. E agora hai unha cantidade tremenda de xente que nos illa, por exemplo, dos escritores. Ao tempo tiñamos acceso a moita menos xente, polo que ao final penso que o cambio é positivo. Chegamos a máis xente, hai máis lectores aínda que se diga que se le pouco, e dou por bo o cambio logo destes 40 anos, hai moitísima xente á que lle interesan moitas cousas culturais e antes era algo minoritario, case local.