O Courel e O Couto son epicentros culturais estes días

O Festival dos Eidos e o Festiletras levan ao rural o orgullo pola nosa cultura

O Festival dos Eidos e o Festiletras levan ao rural o orgullo pola nosa cultura
Carteis dos festivais
Estas fins de semana con sabor xa a epílogo ofrecen dúas citas festivas nas que a literatura, a lingua e a cultura son os eixos sobre as que se tecen as actividades. As provincias de Lugo e Coruña acollen, en dous espazos rurais vencellados ás nosas figuras literarias, dous eventos tan veteranos como celebrados e recoñecidos. Nas montañas do Courel, desde o venres 29 e ata o domingo 30 de setembro celebrarase a décima edición do Festival dos Eidos, organizado pola Fundación Uxío Novoneyra nas terras natais do poeta. Un evento recoñecido dentro é fóra das nosas fronteiras pola súa dinamización e actitude coa que se fai. Por outro lado, nas terras pondalianas, en Ponteceso, na aldea de O Couto, celébrase esta fin de semana nin máis nin menos a 43ª edición do Festiletras, unha acción qyue comezou en 1982 nese emprazamento rural grazas á Fundación Eduardo Pondal e que, décadas despois, segue reunindo dun xeito lúdico e didáctico á par, unha importante representación da nosa cultura en moitas formas e variantes.

No Couto está prevista unha intensa programación tanto sábado todo o día como domingo. As actividades para cativos, os obradoiros e as charlas altérnanse con concertos dalgúns dos artistas máis relevantes da escena galega actual como Ortiga, Baiuca, De Ninghures, Caamaño & Ameixeiras ou Eris Mackenzie, entre outros. Moitas das actividades son de balde e para outras hai que sacar entrada. Hai tamén danza, palestras e presentacións literarias, entre outras actividades durante o sábado e domingo.
Na aldea de Parada, no Courel, sede do Festival dos Eidos, as activiades darán comezo o venres 29 coa inauguración dunha exposición fotográfica de Nerea Vilaboa na sede da Fundación Uxío Novoneyra. As intervencións durante a fin de semana de escritores e poetas alternarase con actividades de contacto coa natureza circundante así como con actuacións musicais. Por Parada do Courel pasarán Xabier Cordal, Manuel Jabois, Antón Lopo, Oriana Méndez e as agrupacións Loita Amada, Lobeira, Moura ou Son de Corda, entre outros moitos nomes vencellados á poesía e a música.