A gardiá das bases de datos da orixe do Universo

A informática ourensá Eva Dafonte é subdirectora dun equipo indispensable para o funcionamento do CERN

10/7/2015 | Santiago. Redacción | Seccións: ciencia
27 lecturas | Compartido 0 veces

A informática ourensá Eva Dafonte no CERN.

O Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN) trata de abrir novas portas ao coñecemento do Universo. Milleiros de físicas e físicos de todo o mundo están implicados nesta atractiva tarefa, pero o éxito deste propósito require tamén outra disciplina esencial: a computación. A ourensá Eva Dafonte, enxeñeira informática formada na Universidade de Vigo, sábeo ben. Dende hai case dous anos, é subdirectora do grupo de bases de datos deste centro internacional, cuxo día a día sería imposible sen estas ferramentas.
"As bases de datos soportan tanto as operacións científicas como as empresariais do CERN. Se se deteñen, o LHC non funcionaría", explica Dafonte. Abonda con pensar na actividade do que é o maior acelerador de partículas do mundo para entender a importancia da computación nun centro como este: o LHC xera 600 millóns de colisión de partículas por segundo que nun primeiro peneirado dos detectores redúcense a 100.000. Os datos son logo procesados con algoritmos especializados que rebaixan o número a só 100 ou 200 eventos interesantes por segundo. E son estes os que se almacenan no centro de computación do CERN, ocupando un espazo equivalente a un CD e medio por segundo, detalla a informática. Premio dende Galicia Eva Dafonte empezou a traballar no laboratorio de Xenebra cun programa de bolsas do centro ao rematar a carreira. Hoxe, ademais de ser subdirectora do grupo de bases de datos, coordina o centro de competencia de bases de datos do programa CERN-Openlab. Esta colaboración coas empresas de tecnoloxías da información e da comunicación líderes permítelle ao CERN traballar cos seus últimos avances antes de que saian ao mercado e mesmo poñelos a proba. A traxectoria de Dafonte vén de valerlle a concesión do premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Con este galardón, o CPEIG pretende visibilizar as achegas das mulleres e ofrecer referentes ás mozas nun sector profesional moi masculinizado.

Galicia e as partículas elementais: de Schrödinger ao CERN

Ver serie completa
10/07/2015

Como tentamos entender a natureza na escala máis pequena

Así se xestou un dos máis resultados máis importantes do LHC ata o momento

09/07/2015

O bosón de Higgs: o comezo dun novo camiño

Claves para entender a partícula fundamental máis buscada durante décadas

08/07/2015

Un anaco do CERN en Compostela

A canteira da USC participa no proxecto máis ambicioso da física contemporánea

07/07/2015

Elemental, querido Schrödinger

A ecuación que leva o nome do físico austríaco, esencial na revolución da física cuántica

06/07/2015

A semana na que Schrödinger non morreu no pazo de Oca

Crónica da primeira visita dun Nobel a unha Galicia que espertaba á ciencia

Universo culturagalega.gal

Universos

Claves

Conceptos
Lugares