Os lugares da arte

Os espazos dedicados á creación artística levan anos a achegar combinacións inéditas ao noso panorama cultural

Os espazos dedicados á creación artística levan anos a achegar combinacións inéditas ao noso panorama cultural
Comida Rápida de Federico Fernández en El Halcón Milenario
Como acontece noutros ámbitos tamén á hora de innovar espazos a arte contemporánea ten moito que dicir. De feito, en Galicia hai xa anos que neste ámbito se suceden propostas orixinais que rachan co concepto máis ortodoxo de galería ou de exposición. Iniciativas temporais, espazos multidimensionais ou curiosas asociacións de conceptos son xa habituais e amosan camiños que poden ser interese para outras áreas.

O efémero como concepto
Do mesmo xeito que noutros campos da cultura, a aposta por lugares que nacen con data de caducidade é xa unha proposta que leva tempo a se desenvolver no campo da arte. Espazos-concepto, vencellados a unha liña concreta de traballo e artellados de cara a necesidades específicas fan do propio lugar un xeito de intervención. Así, a iniciativa Diálogos Improbables transformou un baixo comercial de Lalín en espazo para a creatividade entre 2012 e 2013 foi un exemplo de espazo cultural pop-up. Na mesma liña, outros proxectos efémeros dos últimos tempos foron Elefante 330 na Coruña e A Chocolataría e Factoría Compostela na capital galega.

Diálogos Improbables en Culturagalega.gal
Elefante 330
Reportaxe sobre a apertura da Chocolataría
Reportaxe sobre o feche da Chocolataría
Apertura de Factoría Compostela

Galerías aumentadas
Para alén da idea de galería de arte convencional, o panorama artístico galego conta desde hai anos con propostas de espazos multidimensionais que destacan pola súa orixinalidade. En xeral, o modelo reinvéntase e dá pé a espazos nos que a exposición e venda se combina con outras actividades. É o exemplo de Bus Station Space en Compostela, que inclúe formación e actividades na súa oferta, un modelo semellante ao que segue na mesma cidade Aire Centro de Arte. Segundo explica Luisa Pita, de Bus Station, "facemos moitas propostas de cursos e obradoiros, algúns funcionan e outros non. Os de fotografía en particular teñen moito éxito, pero depende moito dos horarios e do interese que haxa". Se nalgúns casos a necesidade de buscar fontes de ingresos explica esta aposta, noutros a intención é atraer novo público. Así, Pita sinala que "ofertamos actividades gratuítas como conferencias, recitais poéticos, presentacións de libros ou mesmo microteatro, e sempre funcionan moi ben". O obxectivo desta diversificación "é animar a xente a se achegar, hai moito medo a entrar nas galerías. Tentamos que a xente vexa a galería como un espazo máis que visitar, espertar a súa curiosidade polo que se amosa". Noutra liña temos a coruñesa Moret Art, que ademais de galería actúa como consultora para os interesados en adquirir e se adentrar no mundo da arte contemporánea.

Bus Station Space
Aire Centro de Arte
Moret Art


Colectivos, periferias e hackers
Tamén proliferan os proxectos que abordan a arte desde espazos periféricos e modelos pouco habituais. Deste xeito, a localización rural marcou unha proposta xa desaparecida como foi o Furancho de Arte Contemporánea, que durante un ano desenvolveu a súa actividade nas aforas de Compostela. Pola súa banda, a Asociación Amalgama e o seu Centro de Gravidade Permanente marcou tendencia desde a perspectiva da autoxestión, artellada a partir dun colectivo de creadores sen ánimo de lucro. O espazo, que funcionou entre 2010 e 2012 en Vigo, acolleu exposicións, concertos e proxeccións ou mercados. Cunha filosofía similar a estas resiste, tamén na Cidade Olívica, El Halcón Milenario, que transformou un piso nun espazo que tentaba facer a arte máis accesible e que orienta o seu traballo cara ao ámbito máis alternativo da creación.

Furancho de Arte Contemporánea
Blog de Amalgama
Blog de El Halcón Milenario
El Halcón Milenario en Disquecool

Entre os espazos que continúan activas logo de anos de actividade está o veterano Alg-a Lab, que continúa coa súa actividade artístico-hacker no barrio vigués de Valadares desde 2008. Residencias, encontros, performances, concertos, actuacións, conferencias e todo tipo de actividades teñen nestes contedores adaptados a súa sede.
Alg-a Lab

Empresa+Arte
Outros xeitos de mestura é o que propoñen a compostelá Miramemira, o vigués Espazo Sirvent ou Dispara, na Estrada. Nos dous primeiros casos, o espazo expositivo aparece como un complemento a unha actividade empresarial a priori pouco vencellada a esta, en concreto a produción audiovisual e a venda de mobles respectivamente. Dispara, pola súa banda combina, a partir do eixe da fotografía, a exposición e venda de imaxes, o alugueiro de espazos, a xestión cultural e mais a tenda de libros e de material, nunha reviravolta á idea máis convencional de tenda fotográfica.

Espazo Miramemira
Espazo Sirvent
Dispara

Novos tempos, novas posibilidades
Dentro das mesturas empresariais-artísticas, é de sinalar a aposta do vigués Lab_In, nado en 2014. Este espazo dedícase á impresión dixital de alta calidade de obras de arte e á exposición e venda de tiraxes limitadas de obras que empregan este formato. Segundo explica Alex Casal, un dos reponsables desta iniciativa, "o xermolo está no mundo da industria gráfica". A experiencia en impresión e xestión de cor de alta calidade e o contacto con xente da facultade de Belas Artes permitiu verificar o baleiro existente. "Facíanse cousas en dixital pero estaban a ser facer moi mal". explica Casal. A calidade aparece desde o comezo como un elemento fundamental no modelo deste laboratorio, que conta coa prestixiosa certificación Hahnemühle e é única entidade no estado co cuño Coleccións e Museos de Epson. Desde esa perspectiva, a firma traballa "nunha dobre vertente. Por unha banda somos un laboratorio de produción. Materializamos unha peza, tanto a partir dun arquivo dixital como dun elemento físico que se queira editar". Pola outra banda, "temos unha parte expositiva na que desenvolvemos proxectos propios con artistas. Ocupámonos da produción e facemos exposicións. A intención é colaborar cos creadores para acumular experiencias e ver xeitos de empregar procesos e equipos novos segundo as súas esixencias que son moi diferentes das industriais", explica Casal.

Lab_In

As posibilidades están abertas, e de certo veremos aínda novas fórmulas de espazos para arte no noso país.