A cultura mora en casas anovadas

Os espazos dedicados á creación ou á programación están a mudar no noso país

Os espazos dedicados á creación ou á programación están a mudar no noso país
Inauguración de A Unitaria
Son pequenas, multimedia, sustentables, de iniciativa privada ou social. Difíciles de
conceptuar, comparten venda de libros ou discos, espectáculos, concertos, formación e actividades de todo tipo. E a miúdo non falta o bar. Nin salas de concertos, nin librarías, nin tendas de discos, nin teatros pero un pouco de todo ao tempo. E moito máis. Os novos espazos da cultura chegan a Galicia.


Entre os espazos culturais que abren polo país adiante nos últimos tempos hai propostas de todo tipo. Na oferta combínanse formatos totalmente anovadores coa reformulación de conceptos xa habituais. Facemos un repaso por algunhas destas iniciativas que queren mudar o xeito no que consumimos e nos relacionamos coa cultura.

Salas enriquecidas
Teatros que complementan a súa oferta con actividades de formación ou que contan cun bar propio, sen ser algo totalmente novo, están a ampliar a súa presenza no país. No último anos vimos casos como os vigueses Teatro Estepario, que inclúe concertos ou festas infantís na súa programación ou a sala Ártika, tamén na Cidade Olívica. Tampouco é novo o concepto de Café Teatro, que recuperou hai pouco o Melandrainas Café en Arteixo.

Nova sobre Teatro Estepario
A presentación de Ártika
Facebook do Melandrainas

De xeito semellante mais coa música ao vivo como eixe da súa programación e, en boa medida, da súa propia existencia, espazos como A Casa Tomada na Coruña ou o Liceo Mutante de Pontevedra xorden arredor da necesidade de espazos para o traballo colectivo. Para alén da música, as proxeccións, as exposicións ou as feiras de edición, así como actividades formativas son citas habituais nestes lugares.

Reportaxe sobre A Casa Tomada
Web do Liceo Mutante

A proposta de salas multimedia deste tipo conta con ilustres antecedentes como é a NASA,
actualmente en Teo logo de décadas en Compostela, na que conviven teatro, cabaret, concertos e outras propostas culturais. De xeito semellante, espazos como Salasón en Cangas ou a extinta Sala The Star de Carral desenvolven tamén unha perspectiva multifuncional a partir do eixe da música.
Rede NASA
Quince anos da NASA nesta reportaxe
Salasón

A tendencia semella ter perspectivas de continuar. Para o vindeiro mes de outubro está previsto a apertura en Compostela de Voga Avante, unha sala que recupera o antigo local da NASA e que pretende, segundo sinalan os seus promotores, recuperar o espírito deste proxecto para a capital.
Facebook de Voga Avante


Librarias multitodo
A innovación chega tamén, como xa temos recollido en anteriores reportaxes, a lugares que estamos afeitos a vencellar ao consumo cultural, como son as tendas de discos ou as librarías. Aos poucos, estes espazos incorporan ás súas axendas propostas pouco habituais e mudan o seu xeito de traballo. Vermuts literarios ou catas de viños, música ao vivo ou mesmo cinema teñen espazo onda os libros. Propostas como Berbiriana, Linda Rama e Mishima amplían as apostas neste sentido,.

Reportaxe sobre novas librarías (2012)
Tendencias nas librarías nesta reportaxe

Pola banda das tendas de discos, o auxe do vinilo e a crise da industria musical levou a estes establecementos a se reinventar hai xa anos, a acoller propostas como concertos e actividades, ao xeito das celebracións do Record Store Day.

A reinvención das tendas de discos nesta reportaxe
A celebración do Record Store Day

Microteatro
La Tuerka 27 na Coruña e A regadeira de Adela en Compostela puxeron sobre a mesa esta tendencia no noso país hai xa tres anos. Obras de pequeno formato en espazos de pequeno formato e para pouco público. A iniciativa trascendeu ás propias salas, e outros lugares están a incorporar tamén propostas similares, como é o caso de El Halcón Milenario de Vigo ou de O Manancial de Cangas, que mesmo chegou a organizar un festival de "nanoteatro". Aínda que agora mesmo La Tuerka está en oferta para traspaso e finaliza a actual etapa de actividade o vindeiro 27 de xuño, o formato semella ter prendido na nosa escena.
La Tuerka 27
A Regadeira de Adela


Pop-up
Este concepto de tenda está de moda, e chega aos espazos da cultura. Os comercios que abren con data de caducidade adáptanse no noso país a diferentes formatos. Deste xeito, Vigo está acoller estes meses o segundo espazo Pop-up do Mercado da Colleita, unha tenda que, canda á venta, quere servir como lugar físico no que coñecer as iniciativas anovadoras que se están a dar no noso medio rural. O pasado ano fora A Coruña a que contou durante uns meses cunha tenda deste tipo.

Mercado da Colleita

Tamén o autor e editor de banda deseñada Manel Cráneo apostou recentemente por este formato para dar a coñecer o seu proxecto Planeta Mincha. Ademais de achegar merchandising e produtos sobre este mundo extraterreste que xa conta con varias publicacións, o local acolleu tamén obradoiros de ilustración e actividades. Por se fose pouco, a xeito de performance, a propia tenda funcionaba como consulado do Planeta Mincha da Terra, co propio Cráneo como cónsul.

Espazo Mincha no web de Demo Editorial


Espazo para o traballo (e non só)
Dedicados a albergar cultura, mais abertos ao que se queira facer deles. Dentro a oferta comezan a aparecer nas nosas cidades espazos que son precisamente iso, lugares cun mínimo de instalacións que permiten desenvolver todo tipo de propostas. Nesta liña nacía recentemente en Compostela Espazo Noventa, un local de 90 metros cadrados para calquera uso que se lle queira dar. Presentacións, obradoiros, conferencias, sesións de venda e todo tipo de actividades con Internet, proxector e mesmo café ou té incluídos. Polo momento, a oferta que pasou polo espazo inclúe algunha conferencia, monólogos e obradoiros de encadernación ou calceta. "A nosa actividade é o alugueiro de espazo para calquera cousa", resume Irene Villaverde desde esta iniciativa. "Existen espazos orientados para artes como a fotografía ou o cinema, pero non algo así". Entre os seus clientes "hai autónomos, artesáns e xente que non ten como dar a coñecer o seu traballo. Aquí teñen onde facer presentacións, charlas ou mercadiños puntuais".

Aínda que a proposta compostelá non se oferta como espazo de coworking, esta opción si que a recollen outros locais similares, como é The Room na Coruña e mais o vigués Espacio Nido. Ademais de traballar, ambas as iniciativas completan as súas actividades con eventos, obradoiros e cursos de formación. Segundo explica Bernal Prieto, responsble de actividades en The Room, o proxecto pretende "ser un espazo multidisciplinar de acollida de experiencias artísticas. Normalmente mantemos un espazo de coworking durante o día, a última hora fanse cursos semanas en nas fins de semana clases maxistrais máis estensas.", sinala. "Tamén acollemos mercardiños, como o Autobahn, dedicado á autoedición, obradoiros, showrooms ou mesmo castings".

Espazo Noventa
The Room
Espacio Nido

E formación
Precisamente a formación é o eixe da Unitaria, un proxecto que se acaba de presentare en Compostela e que de novo se abre ás propostas que se queiran desenvolver nel. Vídeo de combate, presentacións multimedia, animación caseira ou xoiaria reciclada son algunhas das primeiras propostas que acolle o lugar. "Imos tentar que sexa un espazo configurable para o que se queira facer", explica Fernando Lema, un dos promotores.
Unitaria


Inclasificables
Como se pode conceptualizar o proxecto FOCUCU, (Foro de Cultivos Culturais) de Lalín, que ten a súa base nunha leira que cultivan os seus membros? E o compostelán NUMAX? Esta cooperativa cinema-libraría-cafetaría-centro de deseño-produtora audiovisual (e que ademais aluga o seu espazo para eventos varios) non ten moitas semellanzas con outras propostas. O recentísimo Charenton Club Cultural de Vigo tamén atravesa as clasificacións convencionais, ao mesturar biblioteca, exposicións, café, concertos, espectáculos, roupa de segunda man e propostas de todo tipo. Segundo explica Silvia Penas desde esta iniciativa "Non sei como se pode definir. Para nós é un lugar onde estar e desenvolver o que a cada un lle guste. E non só aos promotores senón á xente que nos rodea. Quixemos xuntar afeccións e intereses de todos para que todo o mundo poida achegarse".

As posibles combinacións son moitas, e sirva como un exemplo máis a compostelá Nave de Vidán que integra o restaurante coas actividades culturais e que xa acolleu concertos, conferencias e outras iniciativas.
Reportaxe sobre o Foro de Cultivos Culturais e o proxecto Caldo de Cultivo
Reportaxe sobre o NUMAX
Web do Charenton Club
A Nave de Vidán

Privados e sociais
Como se pode ver, a iniciativa privada predomina nos espazos máis anovadores que están a nacer arredor da cultura. No entanto, boa parte dos mesmos, xa sexan centros sociais ou iniciativas como a Casa Tomada, o Liceo Mutante, a Unitaria ou Charenton parten de asociacións sen ánimo de lucro que procuran fundamentalmente conseguir a sustentabilidade do proxecto e mellorar a axenda da súa localidade. Mesmo en casos en que os promotores das iniciativas pretenden vivir delas, predomina o interese por traballar nun ámbito de interese antes do que a rendibilidade económica, como é o caso de NUMAX, constituído en cooperativa sen ánimo de lucro.

Antecedentes
Malia ao factor anovador que presentan todos estes novos espazos, non se pode esquecer que na nosa cultura existiron e mantéñense propostas pioneiras á hora de achegar espazos multifuncionais. Así, hai que lembrar necesariamente as Galerías Sargadelos como un exemplo nesta liña. Do mesmo xeito, os centros sociais xa se poden considerar clásicos nas vilas e cidades do país. A proposta de locais con actividades nados da man de asociacións prendeu con forza e deixou, con diferentes aperturas e feches, un nutrido mapa en Galicia. Concertos, excursións, presentacións, cursos de todo tipo, actividades co patrimonio cultural, xogos tradicionais, grupos de baile ou mesmo edicións teñen cabida nestes locais polivalentes. Ferrol, coa Fundaçom Artábria a funcionar desde comezos dos anos 90, Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Ponteareas, Noia, Bertamiráns… contan centros deste tipo. Por non falar de librarías e espazos de todo tipo que no seu día abriron as portas a proposta non convencionais.

Reportaxe sobre as librarías como canles de comercialización da nosa cultura


Arte
E, por suposto, para alén dos xa mentados o mundo dos espazos dedicados específicamente ás artes plásticas amosa unha importante efervescencia a nivel de innovación. Todo un universo de posibilidades que trataremos á parte.