A Fundación Vicente Risco e mais a Deputación de Ourense presentaban onte en público Dédalus en Compostela. Fernando Iglesias asina o álbum co que adapta a banda deseñada o relato homónimo de Vicente Risco. Publicado orixinalmente en 1929, o texto narra o encontro entre o propio Risco e mais Stephen Dédalus, alter ego de James Joyce, e o seu paseo polas rúas da capital galega. Segundo asegurou Iglesias, "máis do 70 por cento do texto orixinal da obra está recollido no cómic, que ten un punto fantástico porque o relato tamén o é". A obra sae cunha tiraxe de 1.000 exemplares a toda cor.