O trobador eran elas

Boa parte da lírica medieval galego-portuguesa era tradición oral feminina, segundo Ria Lemaire

Boa parte da lírica medieval galego-portuguesa era tradición oral feminina, segundo Ria Lemaire
Os trobadores non crearon as cantigas de amigo galego-portuguesas, só foron os seus transmisores. Na realidade, estas composicións foron un labor colectivo de mulleres no campo da literatura oral. Cando menos, así o defende Ria Lemaire, especialista na relación entre literatura oral e escrita que visitou o noso país o pasado outono. Segundo as súas ideas, estes textos fundacionais das nosas letras farían parte do noso patrimonio inmaterial.

Aínda hoxe, a corrente maioritaria dos estudos de Literatura Medieval consideran que as cantigas de amigo eran obra de trobadores homes que adoptaban nestes temas papeis femininos. No entanto, hai correntes que apostan por considerar que os personaxes aos que se lles atribúe a autoría destas cancións unicamente as terían interpretado e non serían os seus autores.

Ria Lemaire

Ria Lemaire é unha das máis destacadas especialistas internacionais que avogan por esta teoría. A investigadora, nada en Holanda, é profesora da Universidade de Poitiers, Francia, onde dirixe o equipo do Centro de Estudos Latino-Americanos e o Acervo Raymond Cantel de literatura de cordel brasileira. Especializada en literatura medieval, coordina un programa dedicado aos estudos comparados en tradicións orais e a súa relación co mundo da escrita. En relación ao noso país, canda ás súas investigacións sobre a lírica medieval, participou en Cores do Atlántico, un libro-CD editado por Ponte… nas ondas! no que a brasileira Socorro Lira reinterpretaba cantigas de amigo desde unha perspectiva actual coa colaboración de artistas galegos como Uxía Senlle e que se editou en 2010. Lemaire colabora desde hai anos con esta iniciativa, coa que está a elaborar un novo volume do proxecto Cores do Atlántico. Desta volta será Uxía quen versionará 16 cantigas na liña da tradición galega. Ponte… nas ondas! convidouna o último outono a impartir no noso país dúas conferencias para falar sobre a súa visión encol deste tema.

Ria Lemaire explica a súa teoría no vídeo de presentación de Cores do Atlántico
Ria Lemaire explica a súa teoría no vídeo de presentación de Cores do Atlántico

Tradicións semellantes

O pasado mes de novembro, a profesora visitou o Consello da Cultura Galega, onde impartiu unha conferencia co título O valor do patrimonio oral galego-portugués. Segundo asegurou na mesma, os paralelismos coa tradición medieval da súa propia literatura foron os que a levaron a investigar as letras galegas.

Cando comecei a estudar portugués atopei as Cantigas de Amigo, e nelas recoñecín inmediatamente as pegadas da miña propia tradición alemá e holandesa, que tamén comezan con antiquísimos fragmentos de cancións de mulleres. Pero atopei que aquí esas cancións eran atribuídas aos grandes trobadores da época, e fiquei espantada. Suponse que estes autores cunha intuición xenial da alma feminina terían posto esas cantigas nas bocas das mulleres para explicar os seus sentimentos”, explicaba neste foro.

Na miña tradición temos tamén esas cancións, moi parecidas ademais, pero alí considéranse cancións anónima de mulleres. Nos manuscritos máis antigos aparecen deste xeito, pero nos textos medievais máis recentes xa non se recollen como tales, senón que cada vez máis segundo avanza o tempo, atribúense tamén aos grandes trobadores do mundo xermánico. Aquí non se falaba de nada disto, e entón decidín dedicar a miña tese de doutoramento a esa cuestión partindo da teoría de que foran tamén cancións anónimas que se desenvolvían nas tradicións orais, moitas veces de xeito dialogado”.

A partir da conferencia, que se pode escoitar íntegra aquí, inquirimos a Lemaire para saber máis cousas sobre a súa teoría.

CG.org. Ata que punto se poden atopar paralelismos entre a tradición galego-portuguesa de cantigas e a que vostede estudou?

Moitos dos símbolos que aquí fican a nivel de metáfora na miña cultura flamenca e na alemá son explicados abertamente. O cervo de aquí tamén existe alí, pero son un cervo que fala e unha cerva que fala, e sabemos o que significa. Aquí dise “foste miña filla bailar e rompiste o brial”, e alí existe da mesma forma só que tamén se di “e nove meses despois naceu o fillo”. A nivel simbólico está tamén o verde pino, o verde prado ou a ribeira. En canto aos animais aquí é o cervo, na miña cultura é mais o oso, pero eran os animais sagrados, as divindades que o pobo adoraba. Toda esa simboloxía é indoeuropea e está presente nas dúas tradicións.

A incidir neste ámbito, a autora aseguraba, na súa conferencia que

A maioría dos grandes trobadores non sabían escribir, sabémolo perfectamente. Ditaban cancións que logo foron transcritas. Os cancioneiros que transcriben esas cancións na tradición galego-portuguesa son relativamente recentes, especialmente se os comparamos cos primeiros textos de tradicións xermánicas. Isto coincide cun momento no que as linguas vernáculas pasan da oralidade á escrita, que ata entón se facía en latín. Na práctica as primeiras literaturas non son escritas, son ditadas e transcritas, é unha transición entre a oralidade e a escrita”. Isto fai que “a propia noción de autor se vexa cuestionada polas cantigas de amigo paralelísticas, que semellan o resultado de cantares dialogados”, asevera.

Como se produciou ese cambio nas cantigas, do anonimato oral á autoría na escrita

Falamos dun tipo específico de cantigas, as cantigas de amigo paralelísticas. Como exemplo deste proceso, temos unha das cancións máis antigas dos Carmina Burana é bilingüe, e resulta moi interesante. Neste caso canta dunha moza, en antigo alemán que fala de que “eu era unha menina delgada e quería ir no verde prado”. E logo ven a voz en latín do goliardo que conta como ela foi estuprada. Comentarios como estes son máis recentes, non de cando se fixeron as cantigas, senón dun momento no que se fixo necesario explicar cousas que xa non se entendían. Cando se canta hoxe esa canción cántase normalmente por un cantor, mais a parte que está en antigo alemán cántaa con voz feminina.

Por qué se perdeu esa tradición oral das cantigas?
Aquí no fondo non se perdeu, senón que se mantivo dun xeito máis tradicional. A literatura oral continuou en paralelo á escrita. En Galicia, ao haber dúas linguas diferentes, a lingua do poder foi primeiro o latín e logo o español, mentres o galego ficou sempre na posición subalterna. Isto tal vez teña permitido que esas formas ficasen na tradición, que ata hoxe os símbolos fosen máis ou menos comprendidos polas mulleres que ata hai pouco cantaban. Cando eu comecei as miñas pescudas aínda os comprendían. Traballei neste tema pouco despois da Revolução dos Cravos en Portugal, cun grupo de estudantes que participaban tamén en traballos en cooperativas agrarias. Alí vin que as mulleres do rural botaban todo o día a cantar mentres traballaban en grupo. Tiñan unha división sexual do traballo moi grande. Elas cantaban aquelas cantigas de mulleres que ían sentar embaixo do limoeiro, e eu traducíalle todas as conversas ás alumnas, que lles preguntaban “que quere dicir iso?”. E elas divertíanse moito de que unha persoa con formación universitaria non soubese o que era sentar no verde prado, baixo do limoeiro, comer non sei que ou beber na fonte.

Esta transición á cultura escrita restoulle protagonismo á muller como creadoras

A cultura da escrita comeza con Platón, porque Sócrates ensinaba en forma dialogada e oral. Platón é o primeiro en redactar, aínda que en forma de diálogo oralizante. Desde ese comezo hai unha rivalidade entre a voz da oralidade, que é de toda a comunidade, e a voz dunha elite que se acha superior, que escribe en prosa e que posúe a tecnoloxía da escrita. Para min a historia da miña Europa é tal vez a loita entre home e muller. Na nosa civilización dáse tamén esa loita entre a voz da comunidade, que é oral e se basea na experiencia da vida cotiá, na observación da natureza e da vida, e a dunha elite que adquire o poder político e crea un discurso superior. Xa Platón acusa os poetas de dicir mentiras, desde entón o verso conta a mentira, e o prosista conta unha verdade superior. Ese conflito aínda está moi forte visto desde a literatura de cordel brasileira. Os poetas acusan os xornalistas de ser mentireiros todo o tempo. A rivalidade é esa, entre quén di e quén escribe.

Cal foi o proceso polo que seu esa masculinización da poesía?

Na nosa civilización acontece algo interesantísimo na Idade Media cando moitos homes se tornan superfluos. Nunha grande crise económica comezan as cidades, nace a burguesía, os artesáns. Nesa época, a nobreza entra nunha crise total e moitos homes da nobreza perden a súa función tradicional como guerreiros. É nese momento que nacen as universidades e comezan a se organizar as cruzadas, onde morren milleiros. E nacen os torneos poéticos para os homes e xorden os trobadores, primeiros homes especializados nisto, que crean unha nova poesía, a poesía cortés. Tórnase preciso lexitimar e compensar a perda radical do poder e da función que tiña a nobreza na sociedade, valorízase o épico e ábrese a posibilidade para os homes de se crear novas posicións na sociedade grazas á poesía.

A análise de Lemaire muda ademais a nosa perspectiva sobre a muller na Idade Media.

Non son mulleres choronas, infelices e traizoadas por homes. Colócanse nas cantigas como axentes activos. O verbo máis empregado é ir, trátase de persoas que procuran activamente o seu namorado e con metáforas falan dun desexo feminino e da necesidade de o satisfacer. Aparece unha muller sexualmente activa, que sabe o que quere facer e o que vai facer. Isto amosa unha cultura diferente ao que se nos ensinou, e que tamén está moi relacionada coa cultura que había na altura no resto da Europa. As mulleres non foron sempre o que a sociedade burguesa do XIX as considerou.

Segundo esta teoría, un dos grandes fitos da nosa literatura é en realidade parte da tradición oral

O discurso oficial mantén que o pobo fai pouca cousa e imita só a civilización que crea a elite. Isto impediu ata hoxe, aínda que na Península Ibérica algo menos, ver como a literatura oficial escrita aproveita, transforma e se alimenta con esas formas do popular, é algo moi difícil de admitir polas elites. Co proceso de patrimonio da humanidade reclamamos que eses grandes fitos literarios son parte tamén dese patrimonio inmaterial.

Desde esa perspectiva o papel da mulleres revélase fundamental na configuración do patrimonio inmaterial
Acho que ten un importante papel como transmisora, o propio Menéndez Pidal di que son as mulleres as detentoras e divulgadoras do patrimonio oral, con formas específicas de cantos e contos. Os homes dentro daquela visión indoeuropea tiñan unha vertente máis épica, e mesmo a nivel global semella que as mulleres levan o lírico e o lírico narrativo e os homes o épico e o épico narrativo.

O interese por crear historias nacionais da literatura está, segundo Lemaire, detrás do desinterese por esta interpretación.

Prefírese, tamén en Holanda, a suxestión da homosexualidade dos autores do que a idea dunha autoría feminina. Agora mesmo aínda está a se revisar esa idea da literatura medieval como unha literatura transcrita.

De xeito semellante, a investigadora apunta tamén o aspecto transfronteirizo da literatura medieval fronte ás visións nacionais da literatura.

Os primeiros textos neerlandeses son de Flandres, que agora está en Bélxica. E acontece o mesmo cando os portugueses atopan que a única referencia xeográfica das cantigas é Vigo, que está en Galicia.

Estas novas perspectivas teñen o potencial, para esta investigadora, de reconectar a xente coas súas auténticas raíces, alén das historias creadas desde o Estados Nación. Isto permitirá rachar as fronteiras artificiais impostas pola política nacionalista, supón unha forma de rexionalización.

Así, ao seu ver

a revisión da historia literatura galego-portuguesa desde estas perspectivas vai axudar tamén, pola enorme riqueza que houbo aí, a revistar a historia global de todos os estados nación europeos. E é por iso que é tamén tan importancia o proxecto do patrimonio inmaterial, que vai colocar a historia da literatura europea no cadro europeo.

Artigo: A mulher nos cancioneiros. Notas para um anti-retrato descortês. José Luís Rodríguez.
no Álbum das mulleres
Para saber mais sobre a muller na Idade Media Textos para a historia das mulleres en Galicia, (pp 111 a 279) .
Consello da Cultura Galega