Tradición Vs Estereotipos

Mercedes Peón: "Aquelas mulleres que facían melodías e letras na nosa tradición oral non foron consideradas músicas"

Mercedes Peón:
As cantigas medievais non son o único ámbito do noso patrimonio inmaterial no que o papel das creadoras anónimas foi pouco considerado. Desde hai xa algún tempo a investigadora Mercedes Peón está a denunciar que a tradición de danza e de canto viven nos nosos días un proceso ata certo xeito similar. O que era unha produción anónima e en grande medida feminina, pasa a situar a muller nun plano subordinado cando se desenvolve como espectáculo e se codifican as súas formas.

Xa en marzo de 2014, na presentación do festival Atlántica de Narración Oral, unha conferencia de Peón no Consello da Cultura Galega alertaba dos prexuízos cos que se está a dar a transmisión moderna da nosa tradición musical e corporal. Recentemente, un artigo da autora na revista Plétora, Xénero e creación colectiva recuperaba os contidos daquela charla. No mesmo, a investigadora insiste no xeito no que os procesos de codificación moderna destes saberes reproducen uns esquemas de xénero propios da sociedade actual e que, segundo ele, non estaban presentes do mesmo xeito na tradición.

Galiza dá unha información única para todo o conxunto das sociedades. Aquí podemos ver de primeira man a forza dos acordos colonialistas, elitistas, machistas, e en consecuencia castradores, para escoller como queremos estar aquí e agora.



Como xurdiu o teu interese por esta cuestión?
É moi difícil dicir cando e por que. Eu fiquei abraiada con trece anos coas mulleres bergantiñás e do Val de Soneira. Comecei a desenguedellar as pegadas fantasiosas da cultura machista, androcéntrica, relixiosa, castradora e de represión sexual, na que con só 13 anos tiña adheridas no meu subconsciente, decátaste ao ver mulleres e homes que non teñen que ver con eses acordos e coa inocencia coa que se relacionan que algo está mal en ti e comecei a cuestionarme.

Por iso o que vos achego é como se omite e se adapta a unha fantasía de aceptación todo o que se ve, mesmo tendo gravadas expresións singulares fora do establecido no mundo actual. Gustaríame poñer de manifesto varias cuestións: Por que non se estudan os movementos feministas no bacharelato? Por que ata De Castro foi criticada no século XIX por falar da sexualidade das bergantiñás e non se toca a parte crítica da súa escrita? Por que só hai catro mulleres homenaxeadas polo Día das Letras Galegas en 50 anos da súa existencia? Por que etc.? Todo forma parte desta operación, do seu efecto bolboreta, orquestrada desde a comunicación global. Isto foi capaz de chegar en moi pouco tempo a eliminar realidades aínda palpables no campo que nos ocupa.

O que estou intentando é poñer á vista que Galiza dá unha información única para todo o conxunto das sociedades. Aquí podemos ver de primeira man a forza dos acordos colonialistas, elitistas, machistas, e en consecuencia castradores, para escoller como queremos estar aquí e agora. Isto, ademais, ten o aliciente de ser desde o propio lugar onde acontece, o movemento folclorista. Hai pingueiras de transformación e de poder nesas xentes que foron recoller ás aldeas e remataron mesturadas a facer seráns urbanitas. Confío enormemente nas e nos nosos folcloristas, só hai que colocar a atención nas fantasías que temos aceptadas como verdades absolutas e comezar a cuestionalas, eliminalas, transformalas e non perder de vista o transo de excesos orxiásticos de música e baile que é o obxectivo, e é onde me sinto representada.

Estamos nun momento fundamental para falar doutras posibilidades de pensamento e de ollada, estou certa de que as persoas que están emocionalmente ligadas á nosa tradición son candidatas a cambiar tanto a imaxe do folclore como de revolucionar a nosa vida contemporánea por vivir agora no presente e ter vivido o que vos expoño aquí. Tamén me gustaría insistir en que se non comezamos por decatarnos do androcéntricos que somos, o que acheguemos irá en detrimento do empoderamento das persoas nacidas mulleres, intersexuais ou transxénero.

Os grupos de recollida e interpretación fomos persoas que non viñamos do proceso de comunicación oral e visual, senón que estabamos influídos pola militarización nas escolas ou polo xeito de aprender a bailar nas clases. E adaptamos ese material a uns acordos predefinidos e sen axuizar eses prexuízos adquiridos.


En que ámbitos consideras que se desenvolve este proceso de adopción de roles de xénero no mundo da música tradicional?
Na música tradicional, entendendo por tal a que se transmite oral e visualmente, creada en comunidade e sen liderados, non acontece. O que si está a acontecer é a descontextualización de melodías por asimilación nos propios seráns máis comunais. Refírome á asimilación das propias señoras que nos aprenderon a cantar e a bailar. Elas asimilan as outras melodías que veñen da man tanto de xente nova como doutras mulleres que se achegan para gozar en comunidade e que tamén traen esa pegada de transmisión oral e visual.

En xeral todas as persoas que recollen, agás certas perversións mínimas de custodia masculina por uso nun beneficio estético, gozan de compartir os seráns coas mulleres e homes incribles que nos transmitiron a súa sabedoría. No momento que eu revivín esas foliadas, os anos 80 e 90, había certa pegada da falla de dereitos das mulleres na sociedade "española" (e, por conseguinte, na galega), con formas sustentadas polo franquismo. Daquela xa non se facían, eu insistía en que quería saber como as celebraban nas aldeas na súa mocidade e agasallábanme cunha explosión artística única, aldea por aldea. Os grupos de recollida e interpretación baseados na creación colectiva non estaban libres das operacións conceptuais exercidas dende o poder con directrices claras e hexemónicas, cuns medios de comunicación-difusión do máis efectivos e globalizados. Fomos persoas que non viñamos do proceso de comunicación oral e visual, senón que estabamos influídos pola militarización nas escolas ou polo xeito de aprender a bailar nas clases. E adaptamos ese material a uns acordos predefinidos e sen axuizar eses prexuízos adquiridos.

O mundo discográfico en xeral guíase por baremos de beneficios e manexa parámetros de vendas non de xénero. Pola banda dos grupos de música profesionais, penso que non teñen por que facer unha relación do seu posicionamento político-social con cuestións puramente estéticas. Por suposto hai casos na nosa terra marabillosos e atrevidos; curiosamente véñenme á cabeza só traballos de mulleres talentosas como Uxía Senlle, a emerxente Ses, Guadi Galego por ser ela mesma, as contundentes por incriblemente auténticas Lucía Aldao e María Lado ou Leilía polo seu posicionamento tradicionalista, etc.

Deberiamos poder desenvolver pensamentos xerados dende outras subxectividades que convivan na corrente marabillosa que existe na Galiza nese conxunto de persoas que están a traballar nesas pegadas de microculturas e a expresión así mesmo anovadora que é o movemento dos seráns.


Falas do baile e dos grupos de pandeireteiros como exemplos deste proceso. Algún outro?
Desde o meu punto de vista, cando se fai unha operación conceptual dirixida para crear un sistema de valores desde o poder, neste caso que nos ocupa o capitalismo-consumismo, e no momento que atopamos a simplificación dos xéneros ou a súa mera utilización para crear unha bipolaridade entre as persoas (provocando polo tanto a eliminación de singularidades) afecta a todos os imaxinarios e a todos os eidos por igual. Centreime no que coñecía profundamente, e dentro dese eido no máis evidente para poñelo de manifesto e tamén porque é un tema o suficientemente preocupante para darlle luz. Deberiamos poder desenvolver pensamentos xerados dende outras subxectividades que convivan na corrente marabillosa que existe na Galiza nese conxunto de persoas que están a traballar nesas pegadas de microculturas e a expresión así mesmo anovadora que é o movemento dos seráns. Aí atópanse códigos asimilados, a nivel de linguaxe de danza ou musical, pero tamén de xeitos de se comunicar, grazas aos centos de persoas que se lanzaron ás aldeas e que agora mesmo atopan ese transo neses momentos. Só necesitamos eliminar a fantasía de aceptación de roles asumidos que en ningún caso son xustificados no seu conxunto polas recollidas de campo.

Certamente, volvendo ao enunciado, unha realidade que nunca vin en ningunha recollida de campo foi máis dun home tocando a pandeireta, e só en contadas ocasións. Os grupos de pandeireteiros baixo o meu criterio non masculinizarían, simplemente convivirían alén do xénero porque a expresión musical é a mesma. Como anécdota direivos que o primeiro grupo de pandeireteiros xurdiu nunha clase que impartía eu. Tiña cinco rapaces e para cantar cadraban mellor tonalmente; foi toda unha novidade cando actuaron nun concurso de pandeireteiras en Santiago de Compostela. O problema non é para min que agora haxa grupos de homes, o problema é a fantasía de aceptación de liderado en calquera faceta e o lícito de toda participación de homes en calquera expresión. Isto sería superlícito e saudable se non fose acompañado do ostracismo ou da submisión das mulleres neste ámbito fagan o que fagan. Tento poñer en evidencia que algo fantasioso ocorre en todos os eidos con respecto ao xénero.

Afirmacións como que as pandeireteiras imitan a vellas e soan mal veñen deste imaxinario que chega a insultar o que sae dos parámetros. Tamén hai que dicir que iso nunca sairía de ningunha ou ningún folclorista vido desa revolución da que falo. Nesta pequena afirmación latexa o menosprezo á nosa fonética máis perfecta, auténtica e orixinaria. O que tenta aí é imitar unha fala con todas as súas sonoridades e con toda a súa dificultade, que non é pouca. Procurábase e procúrase cantar cunha proxección de voz fóra do hexemónico e admitido para nosoutras. Cantar con forza, con autoestima, co liderado musical no serán. Isto é visto como unha incomodidade polos únicos que se supoñía que podían estar nese liderado, como eran os gaiteiros vidos do construto Coros y Danzas ou do Ballet Rei de Viana.

O que se herdou nos grupos folclóricos foi a forma de facer escena cunha linguaxe. Filas perfectas, brazos á mesma altura ou roupa rechamante de séculos pasados son algúns exemplos. A fantasía de aceptación vén da man do mundo en que vivimos, non daqueles grupos que foron antecesores dos actuais.


Pensas que é un proceso novo dentro da recuperación do noso folclore?
Penso en casos como os coros (de Aires da Terra en diante) e as súas postas en escena. Non estaba xa alí este proceso?

Máis que no xénero, o que se herdou nos grupos folclóricos foi a forma de facer escena cunha linguaxe. Filas perfectas, brazos á mesma altura ou roupa rechamante de séculos pasados son algúns exemplos. A fantasía de aceptación vén da man do mundo en que vivimos, non daqueles grupos que foron antecesores dos actuais. Se miramos a gravación dos anos 50-60 de Hío que me cedeu Miguel Piñeiro, vese mesmo unha discriminación positiva e unha xaltación do xénero feminino. Neste mesmo lugar, na actualidade alguén tomou a decisión de que só bailasen a danza homes e ata é posible que dentro de 100 anos o conxunto dos e das galegas pensen que en Hío, por cuestións de "tradición", sempre bailaron só homes, e iso é algo totalmente falso.


Ata que punto consideras que se deixa sentir de xeito inconsciente a influencia de Coros y Danzas?
O feito en si de subirse a un escenario cambia radicalmente a situación con respecto a un serán. Sen facer unha pescuda profunda, creo que me podo atrever a dicir que a disciplina, a técnica de principio tanto no baile como na gaita (non así nas pandeireteiras e na voz), tería unha clara orixe nos traballos anteriores de Coros y Danzas.

Obviamente, no baile tradicional (de creación colectiva) é un feito totalmente distinto. Non se gardan filas perfectas, non adoitan bailar máis de tres parellas e, se bailan máis, a figura que xorde é de elipse ou de roda. Nesa danza de creación colectiva a roupa é a dos tempos que se vivían ou se viven, e aí atopamos mulleres de pantalóns, con pano á cabeza, con xersei ou camiseta ou de saias ata o xeonllo. Pola contra, nos grupos trátase de facer traxes que creen identidade, que nos remitan a séculos pasados ou á roupa dos anos 20, 30 ou 40, buscando a miúdo que sexan diferenciadoras ou representativas da zona onde se fixo a recollida. Son campos distintos con intención antagónica, unha é libre e o obxectivo é o transo, e a outra leva connotacións artístico tradicionalistas.


Falas da “revolución das pandeireteiras”. Podes explicar un pouco máis en que consistiu este movemento?
Algo que se omitiu en todo momento foi considerar músicas aquelas mulleres que facían melodías e letras na nosa tradición oral e que, ademais, usaban a improvisación continuamente. Unha liña de investigación interesante sería por que no momento en que a regueifa se levou a unha loita de escena as mulleres bergantiñás, por exemplo, desaparecen do primeiro plano.
Os grupos de Coros y Danzas e do folclore en xeral só levaban gaiteiros ou coros polifónicos á escena. A imaxe que se quería para Galiza non era a de mulleres "ignotas e fóra de control", consideradas directamente vulgares. Entón, aínda que en todos os currunchos Galiza estaba inzada desta marabilla musical, non houbo ninguén que lle interesase, nin as nosas e os nosos intelectuais ou folcloristas. Isto foi así ata a chegada desa revolución á que me refiro. Grazas a ela o mundo musical galego tomou outro rumbo en paralelo cos outros existentes. Aínda que non negou as demais expresións, este feito si afastou os cuartetos de gaitas dun primeiro plano, polo contundente das melodías máis primixenias, telúricas, creativas e orixinais que se comezaron a escoitar e das que beben moitas músicas e músicos. Boto en falta a mesma revolución na gaita, aínda que é máis díficil. Os gaiteiros e gaiteiras xa tiñan visibilidade, mais os que desenvolvían esa a creación colectiva e os verdadeiros compositores están ocultos e case desaparecidos, e con eles e elas a súa linguaxe de improvisación e comunicación co baile.

En xeral as mulleres ocupan o que queren porque todo é delas, outra cousa é a omisión do seu traballo e a exaltación do home como líder natural dos procesos.


Que papel pensas que ocupan as mulleres hoxe na recuperación do folclore?
Hai nomes moi destacados en ámbitos que van desde a interpretación á recollida ou o ensino, a comezar pola propia Schubarth.

O meu pensamento é totalmente contrasexual. Non reflexiono baseándome en polaridades. Temos casos como os da musicóloga Dorothé Schubarth ou as tocadoras de Raigaña, un caso único vencellado a unha asociación en Cerqueda. Cantan e bailan as danzas e os madamitos da súa aldea e participan en foliadas improvisando todas elas coplas que lle poñen os pelos crespos a calquera. Tamén María, directora de Xalgarete, que baixo o meu criterio é un verdadeiro portento e unha das persoas máis cultas neste eido, ademais de ser unha bailadora e tocadora incrible. En xeral as mulleres ocupan o que queren porque todo é delas, outra cousa é a omisión do seu traballo e a exaltación do home como líder natural dos procesos. En xeral paréceme que o século XX-XXI está cheo de mulleres destacadas no folclore tanto na participación como na recuperación, sen esquecer que o 90 por cento das que o manteñen hoxe en día son mulleres.


Coñeces propostas de traballo que vaian na liña que ti defendes?
Por casualidade e grazas a María Reimóndez, coñecerei a antropóloga maorí Ngahula, que ven a Galiza en breve. Propón cuestións nesta mesma liña, mesmo falando de casos totalmente distintos pero que teñen en común o estar fóra do sistema de valores actuais e dará unha charla na librería Lila de Lilith en Compostela. Tamén está acontecendo algo marabilloso, hai uns meses creouse un equipo de traballo na Galiza onde estamos mulleres (e un home) de eidos distintos grazas á iniciativa de Lucía Cedrón que literalmente dixo: “gustaríame xuntar a mulleres interesadas en traballar e estudar a repercusión e importancia da muller no mundo tradicional... xa sabes de que falo porque iniciamos isa andadura no Orgullo Gaiteiro contigo”. A xuntanza xa se realizou e estamos en contacto para seguir esta andaina tan apaixonante como enriquecedora.