O cinema perde fol

A baixa no número de espectadores sitúanos nos últimos postos do Estado en asistencia a salas

Entre 2009 e 2013 o número de galegos que foron ao cinema cada ano pasou de 4,2 a só 3 millóns de persoas. O descenso só no último ano foi de 800.000 persoas, o que sitúa o noso país nos últimos postos do Estado en asistencia ao cinema. O Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura analiza polo miúdo os datos sobre produción, exhibición e distribución de cinema no noso país.

Galicia está nos últimos postos do Estado en canto a gasto medio por habitante na asistencia ao cinema, con 7,2 euros, só por riba de Castela-A Mancha, Estremadura e Ceuta e Melilla. Coincide tamén a clasificación no dato de asistencia media ao cinema cada ano, que se sitúa no noso país en só 1,1 veces. Aínda que se está a dar un acusado descenso en todas as comunidades a nivel de público, os espectadores galegos pasaron de 4,2 millóns en 2009 a só 3 millóns en 2013, un ano no que se perdeu a cifra de 800.000 espectadores. Fronte ao escaso gasto por habitante, contrasta o investimento medio que fan os espectadores galegos que asisten ás salas. Os 6,6 euros que se pagan por filme sitúan a comunidade como a terceira cun prezo medio máis caro, só por detrás de Cataluña e Madrid.

Cinemas e salas
Nesta situación de crise non é de sorprender que as salas de exhibición galegas recadasen no pasado ano case 5 millóns de euros menos do que en 2012, cunha caixa total de 19,8 millóns en 2013. Malia a isto, os datos que manexa o Observatorio da Cultura, tirados do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, apuntan que se mantén o número de cines no noso país nese mesmo período, cunha cifra de 38 en activo. Malia a que isto supón unha mingua a respecto das 40 que estaban en marcha en 2008, non é un mínimo, xa que en 2001 contabilizábanse unicamente 37 destes espazos de exhibición. Contrasta isto cos datos estatais, nos que se produce un acusado descenso de cinemas entre 2012 e 2013, pasando de 841 a 777 espazos en activo. Isto non quere dicir, no entanto, que non teñan fechado cinemas no noso país, senón que a apertura de novos espazos chega a compensar os que desaparecen. No entanto, a nivel de salas perdéronse seis entre 2012 e 2013, o que rachou a tendencia alcista que se mantiña en Galicia desde 2008, cando abriron vinte salas novas. Canda a estes espazos, o Observatorio recolle a importancia das actividades dos cineclubs no noso país. No marco da Federación de Cineclubes de Galicia un total de 12 entidades desenvolven proxeccións de xeito habitual.

Máis proxeccións, menos variedade
En total proxectáronse no pasado ano un total de 454 filmes, o que supuxo un incremento de 22 longametraxes a respecto de 2013, un aumento da oferta que tamén se verifica a nivel estatal. No entanto, fronte ao número de estreas que se puideron ver no Estado, Galicia tivo unha menor variedade, xa que só un 27,9% dos novos filmes chegaron ás nosas carteleiras, fronte ao 29,1% de 2012.

Produtoras
Malia a estes incertos resultados, Galicia semella manter o seu músculo no sector audiovisual. Dezaoito produtoras sitúan a nosa comunidade como a cuarta con máis empresas neste ámbito, o que supón un 6,7 por cento das que existen a nivel estatal. Canda a estas, están en activo no país un total de 276 empresas dedicadas a actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, unha cifra que baixa de xeito case constante desde 2011, en que estaban rexistradas 327 destas firmas. De xeito curioso, están a se incrementar nos últimos nove meses as afiliacións á seguridade social nestas actividades, con 206 traballadores máis rexistrados. No entanto, a cifra sitúase nun contexto xeral de destrución de emprego no sector, que perdeu desde 2008 un 21,5% dos seus empregados.

Os filmes galegos recadan menos
A nivel de produción, en 2013 producíronse ou coproducíronse un total de 19 filmes no noso país unha cifra que supón un incremento destacado fronte aos 11 de 2010 e 2011 ou os 10 de 2012. En canto a número de espectadores e cifras de recadación, as 29.385 persoas e oas 153.345 euros colleitados por estes filmes están moi afastados do 2.780.123 asistentes a proxeccións de cinema galego de 2009, cando Cela 211 bateu marcas. Tamén fican moi lonxe dos resultados de 2012, cando se recadaron 2,4 millóns de euros en entradas para producións do nos país.
Cine en Galicia no web do Consello da Cultura.