Viaxes da máis antiga Prehistoria

As campañas arqueolóxicas en Eirós e Portomaior revelan aspectos novidosos no Paleolítico galego

Cova Eirós
Cova Eirós
No verán arqueolóxico de Galicia, non son habituais as campañas enfocadas no Paleolítico, o periodo máis antigo de existencia humana. Este verán, as campañas da Cova Eirós (Triacastela) e Porto Maior (As Neves) amosan resultados interesantes que falan de viaxes e de achados únicos mesmo en todo o continente.

Rematadas as campañas de Cova Eirós (Triacastela) e Porto Maior (As Neves), os seus directores anunciaron sorprendentes resultados que nos falan de sociedades prehistóricas dinámicas, activas e mesmo con comportamentos aínda non totalmente comprendidos.

Cova Eirós
A curta campaña deste ano en Cova Eirós amosou resultados ben fértiles. Os invesigadores, coordinados pola Universidade de Santiago, estiveron excavando niveis correspondentes a entre 84.000 e 118.000 anos de antigüidade. Os habitantes da Cova Eirós eran neandertais, e todo parece indicar que eran nómadas. De feito, os arqueólogos localizaron moitos utensilios fabricados nunha pedra que non existe na área, e ademáis, non se atoparon moitos núcleos líticos, é dicir, as pedras das que se extraían as lascas das ferramentas. A rareza dos materiais e a ausencia de “obradoiros” suxire que estas pezas foron traídas desde outro lugar ata Eirós. O equipo aínda ten que determinar a posible procedencia destes materiais.

Porto Maior
O arqueólogo Eduardo Méndez-Quintas foi o responsable da excavación deste sitio arqueolóxico do sur de Galicia, descuberto fortuitamente pola acción dunha excavadora. Portomaior é o sitio arqueolóxico con ocupación humana máis vedraio de Galicia, cunha antigüidade de medio millón de anos. Pero o que caracteriza a este lugar próximo ao río Miño é unha singularidade, que é a acumulación de grandes machados de pedra feitos con técnica achelense , e que o fai “único” en Europa. Tamén o caracteriza o feiot de que os científicos conseguiron traballar nunha secuencia de catro estratos con mostras de ocupación paleolítica que convirten Porto Maior nun dos sitios arqueolóxicos da época máis completos en depósitos ao aire libre.